Dominado ese diacrítico nas formas verbais??? A ver…, ímosvos poñer a proba… Que vos parece esta frase?: Eles ben ven que Pepe vén ben. Dádesvos conta que importantes son os acentos para escribir e poder transmitir xusto o que queredes? E os uves o os bes, claro! Dádelle importancia á boa ortografía!!! Escribide ben incluso cando estades co wasap, poñede as palabras enteiras, redactade ben, relede o que escribides… Seguramente todos e todas teredes algunha anécdota dunha mensaxe enviada que resultou comprometida ou, cando menos, simpática por pór (!!!) o que NON queriades.
A pola vai pola póla!
Alá imos co resto da lista de diacríticos que debedes de ter presentes. A ver…
- O paxaro pode ter unha á tronzada ou pode ter incluso as dúas ás tronzadas, e aquí temos a “á” e mais as “ás”, extremidade das aves, con acento, igual ca a contracción de a, preposición e a, artigo: Vou á feira, Anda sempre ás voltas. E tamén levará acento a carta co número 1: Trunfou cun ás de espadas! Utilízase o acento diacrítico para marcar a diferenza cos artigo a e as: A nai e a filla non se entende.
- Non levan acento diacrítico o artigo o, os (O can e mais os gatos non pelexan), pero si o leva a contracción da preposición a e o artigo o, os. Ollo!!!, esta contracción tamén a podemos escribir “ao, aos”, aínda que se lerá “ó, ós” (Saíu ó /ao frío sen roupa de abrigo e vaille facer mal ós/aos bronquios).
- E seguindo coas contraccións do artigo determinado, en masculino e en feminino, en singular e en plural, este tamén contrae coa conxunción comparativa e leva acento gráfico. Ollo!!!, estas formas tamén son correctas escritas sen contraer, é máis, incluso se prefiren!: O marmelo é máis grande cá/ca a mazá, cás/ca as laranxas, có/ca o limón e cós/ca os aguacates. E que finalidade ten o uso deste acento diacrítico? Pois marcar a diferenza con estas palabras:
- coa conxunción comparativa ca: É máis alto ca ti.
- coa preposición co significado de “casa”: Vai cas Currás.
- coa contracción da preposición con co artigo determinado, en masculino singular e plural: Berrou co neno e cos pais.
Tamén se van escribir con acento diacrítico:
- Os substantivos chá e chás, como sinónimos de plana e planas: Pepe é da Terra Chá; Estas leiras son chás coma pratos. Así diferénciase da contracción do pronome persoal átono che co artigo determinado feminino singular e plural: Xa cha levo; Non chas ensino.
- O substantivo dó, como sinónimo de compaixón, aflición, e mais a nota musical: Non ten dó de ninguén; O dó é a primeira nota da escala musical. Así diferénciase da contracción da preposición de co artigo determinado masculino: Vén do cine.
- O substantivo má e más, sinónimo de ruín(s): Malpocado, moi má vida levou…; Isto está cheo de más herbas! Así diferéncianse da contracción do pronome persoal átono me co artigo determinado feminino: Non ma deu; Xa mas levou antes.
- O substantivo nó e nós, co significado de lazo que se fai cun fío, unha corda… e que se aperta tirando dos dous cabos para sexa difícil de soltar por si só (Púxoselle un nó na gorxa; Fixo moitos nós cos amallós) e mais o pronome persoal nós (Iso fixémolo nós) tamén levan acento, para diferencialos da contracción da preposición en co artigo determinado masculino (Caeu no carreiro; Está nos biosbardos…).
Manda truco! Pero mirade que temos leria! Pois non demos acabado… Se por ben é, na próxima poñémoslle o ramo…