Acaba de iniciarse unha guerra mentres escribimos estas liñas; estabamos para tratar sobre o léxico bélico, mais acordamos adialo porque tiñamos pendente falar da lingua en positivo. Falar da lingua e da Terra porque foi o tema “Terra” das Tanxugueiras o que nos uniu e o que fixo que o galego subise varios chanzos na súa consideración social. E podemos explicarvos moito de gramática, de léxico e de fonética, pero se a lingua está menosprezada e ninguén quere aplicar eses coñecementos que comentamos por aquí, pois… non é nada!

Daquela gustaríanos que analizásedes e reflexionásedes connosco sobre o que supuxo, desde o punto de vista sociolingüístico, o paso das Tanxugueiras polo festival español que escollía a representación para Eurovisión. Tres rapazas galegofalantes, cos pés na nosa Terra, moveron os marcos nos que moita xente tiña acotada a nosa lingua porque:

  1. Tiveron a ousadía de saír cunha proposta orixinal e novidosa: unha canción galega e cantada en galego e viuse que esta era unha lingua coa que podiamos presentar a España en Europa (xa sabemos que o xurado non o considerou así, mais había outros pormenores nos que agora non entramos…).
  2. Atrevéronse cunha canción que tiña base tradicional, pero soaba a moderna. O galego vale para facer música de todo tipo e que guste a todo o público, tamén á rapazada nova. Isto ficou demostrado. Pero ademais viuse que a nosa cultura ten tanto valor coma calquera outra. Xa hai máis de 100 anos os homes de Nós visualizaban o futuro de Galicia e do galego aspirando a ser universais sen perder autenticidade. E aí elas unindo tradición e modernidade.

Claro que a diversidade lingüística do país aínda hai moita xente que non a entende nin a respecta e entón empezan as batallas, ás que a nosa lingua está acostumada. Mais as Tanxugueiras souberon esquivar elegantemente as pedradas que, os que erixen como gardiáns dunha patria trasnoitada, lles lanzaron ao querer colocalas no independentismo, na radicalidade…, en fin, no malo! Porque quen non admite que vivimos nun país no que non debería haber fronteiras para ningunha das culturas que nel habitan, arrabea.

Por iso nos gustou moito oír na voz de xente da meseta, e na TVE, que “No-nai fronteiras”. Un pequeno paso, sen o noso característico “n velar” do final de palabra (ou de “unha”), pero o “no-nai” válenos porque é o primeiro paso para derrubar todas as fronteiras da intolerancia. E nós aspiramos a que esta mensaxe subliminar que lanzaron “veña pra quedar”!