Ai, podédelo crer…, pareceu cousa do demo… Outra explicación non lle atopamos… Na revista de xaneiro parece que un trasniño se meteu en “O peto de santo Antón” a remexer as letras! Que vergonza nos dá velo así, por iso o imos corrixir canda vós e utilizar o texto como pretexto, coma aquilo daquela prédica sacerdotal de “San Xosé era carpinteiro, podía facer confesionarios, por iso hoxe imos falar do sacramento da confesión”…

– Para empezar “*Voto unha ollada” é con “b”, do verbo botar: “boto unha ollada”; votar con “v” é meter a papeleta na urna, que non “furna”!!! Unha furna é o mesmo ca unha gruta, unha gran cavidade natural aberta nas penas ou nas rochas, producida, sobre todo, pola acción do mar.

– Debemos dicir “para ver como vai iso” e non “coma”; non hai unha comparación para pensar que podería valer unha forma e mais a outra. “Como” é aquí un adverbio de modo: para ver de que maneira ou que tal vai iso.

– E despois dos puntos suspensivos (sempre só tres, aínda que teñamos moito que suspender…) debe ir espazo entre eles e a palabra seguinte; como rematou con eles a oración, a palabra seguinte debería ter empezado con maiúscula.

– Cando mecanografedes un texto e poñades un tanto por cento, este debe ir separado do número cun espazo: “90 %”.

– Os “*alzacuellos” do castelán son en galego “colariños”.

– Os “*faxines” en galego son faixas, esa tira de tea que se enrola á cintura, ben como adorno ben como insignia dalgúns cargos militares, civís ou eclesiásticos.

– “demais” non leva acento porque é unha palabra aguda rematada en ditongo decrecente; si o leva “máis” cando é adverbio de cantidade, un acento diacrítico, para diferenciarse da conxunción adversativa: “Quero ir, mais non me deixan”.

– Debemos dicir “ir cara a unha igrexa sinodal”, a preposición é “cara a” sempre, e se o que lle segue é un artigo, fará contracción con el: ao, aos, á, ás.

– E despois de “Se imos cara a unha igrexa sinodal”, debe ir unha “,” porque ese é a primeira parte da condición.

– A forma correcta en galego é “aínda” e non “*anque”, vulgarismo.

– O plural de “sermón” é “sermóns”, como todas as agudas rematadas en -n.

Dio-las dea acompasadas…

Abrigádevos ben!!! No mes de xaneiro hai que poñer os pés no braseiro… E outro tanto nos espera para febreiro…