E como vai o conto? Vai vindo o frío, xa se venta o inverno e con el a fin do ano. Ollo, que se “vente o inverno” non quere dicir que haxa vento, eh?, senón que xa se presente o inverno, xa o intuímos, xa sabemos que está ás portas.
E ao estar na casa co frío, é bo momento para repasarmos algunha cousiña de gramática. Estoutro día chegáronnos as nosas adolescentes, mozas que están no proceso de medrar, como ben indica a palabra… (ad –cara a– oloscere –merdrar–), contándonos que descubriron na clase de galego un vídeo, que xa ten para aí tres anos, cunha canción que ensina a colocar os pronomes en galego. Esta é unha das cuestións que aos non galegofalantes lles dá ben traballo… Para mostra, un presidente! Pois con Non me digas “te quero”, o trap da colocación dos pronomes, do youtubeiro Aquel-e, Miguel Silva, este músico rianxeiro e graduado en Lingua e Literatura Galega a mocidade seica botou unhas risas e mais estivo a cantaruxar. Deixámosvos a letra para que vos animedes:
Se me dis que me queres
non me digas “te quero”.
Recorda que o pronome
vai despois do verbo…
Se xa non me desexas,
dime “non te desexo”,
que vai diante o pronome
porque hai un adverbio
de negación,
hai un adverbio.
Se tes problemas de colocación
cos pronomes cando falas,
escoita atenta esta canción…
Recorda que o pronome
sempre vai despois do verbo,
excepto se aparece
antecedendo un adverbio.
Ninguén me dixo que hoxe
ía haber rebolo.
Cando me vas chamar?
Vou volverme tolo.
Tamén se adianta o pronome
se hai interrogativos
e o mesmo acontece
con algún indefinido,
indefinido,
indefinido…
Se tes problemas na colocación… (e repítese o refrán)
Que os pareceu? A nós pareceunos ben!
Se cando falen en galego, adolescentes ou non, botan man (ou lingua!) do que aprenderon coa canción, será xenial! Todos os métodos son bos con que non se lles borre da cabeza o uso correcto! Despois é coma todo, o uso dará a destreza…
E xa que estamos, imos tratar da expresión “borrar da cabeza”. Tedes este uso de “borrar” no sentido de facer desaparecer, neste caso, da memoria? É un significado diferente daquel do que falabamos no artigo da última revista, lembrades?, cando falabamos de borrar as mans coas castañas asadas.
Vós non borredes nin as mans nin a colocación dos pronomes, borrade só os malos recordos deste ano que nos deixa!