Fe de erratas: A Ruada de Chamosa cantouna por primeira vez A Quenlla, en 1986, e non Fuxan os Ventos, tal e como afirmamos na noso último “Falando da lingua”. De feito, é o 4.º corte da cara B do seu delicioso disco Os tempos inda non, non son chegados, un superdisco! Ben é certo que Fuxan os Ventos a cantou en 1996.
Ala, coa conciencia tranquila, xa se traballa mellor! Mais antes de empezar, temos que pedirlles desculpas aos benqueridos compañeiros da Quenlla porque, xa sabedes…, non se engana o que nada fai!
Pois nós continuamos coa orella ben atenta para recoller expresións e palabras que se nos van… E vós sabedes o que é a “cama de folga”? Esta expresión roubámoslla a un chairego. Non nos deu permiso para adoptala, pero… ao mellor non le Irimia… Pois évos a cama dos invitados, dos convidados, na que imos deitar o “folgado”, o que vén de visita ou de descanso. E… “folgado” é aquel que estivo sen traballar. Ao mellor tendes oído que “Manoliño está ben folgado…”. Nós sempre o oímos con moita sorna… Si, porque o tal Manoliño ou a tal Manoliña non son traballadores, non teñen ocupacións ou… non as collen. E iso que teñen bo lombo para facelas… Pódese estar folgado porque non se ten traballo nesa hora ou porque se é lacoeiro, larambán, preguizán, folgazán, loubán, nugallán, vago…
“Folga” é un termo común que se vai perdendo. É sinónimo de descanso. Podemos necesitar uns días de folga, de mirar para o aire, de abrir a boca, de ocio… Existe co mesmo significado en portugués, de feito ata hai unha canción de Ana Moura titulada “Día de folga”. Tamén “folga” é o descanso que se lle dá a unha terra de labor, para que produza máis cando plantemos, é unha leira de folga, unha folgada. E pode ser incluso sinónimo de porción de tempo pequeno, un anaco, un momento: vas a un sitio para que te atendan e tes que esperar unha folga…
Esgótansenos os caracteres! Habemos de vos deleitar con máis tesouriños que escoitamos…
Cando vos chegue a revista, xa estaremos na primavera (o primeiro verán!) e xa pensaredes que vai alá o inverno… : non vos despistedes, recordade que en abril queima a moza o mandil e que a vella que soubo vivir, gardou pan para maio e leña para abril…