Nosoutras chamámoslles espigas da anada. E vosoutros?
Tanto gabamos a fala da xentiña irimega da Terra Chá que non demos conta do que oiramos… Efectivamente, eles utilizan como única forma do pronome persoal de primeira e segunda persoa de plural a forma ”nosoutros” e “vosoutros”. Pois ben, esta forma claro que está na nosa lingua, recollida no estándar do galego, é dicir, é normativa; así e todo ten un uso concreto, selectivo, excluínte: nosoutras as dúas escribimos este artigo da lingua e nós, todas as mulleres, berramos ben alto. E vós, todos os irimegos e as irimegas, quixestes ir á Romaxe, pero só vosoutros e vosoutras fostes. O correcto na lingua estándar é utilizar este pronome con estes usos que vos acabamos de explicar ou utilizar sempre, en todos os casos, a forma “nós” e “vós”. O uso de “nosotros” e “vosoutros” en todos os contextos é unha característica dialectal do bloque central, da área mindoniense.
E para a segunda persoa do pronome persoal dixerámosvos que utilizaban a forma “tu”; esta é outra característica dialectal desta zona. No resto de Galicia utilizamos a forma “ti”, que é a do galego estándar, excepto alá embaixo, no sur da provincia de Pontevedra, na área tudense.
Xa que andamos polo bloque central e polos pronomes, recordar que esta xente diferencia entre “lle”, cando se refiren a unha única persoa, e “lles”, cando se refiren a varias persoas, e “llo”, cando se refiren a unha cousa para unha persoa, e “llelo”, cando se refiren a unha cousa para varias persoas: María non lle levou o sombreiro a Paco (non llo levou), pero levoulles o bocadillo aos rapaces (levóullelo). Estas son as formas, “lles” e “llelo”, son as que escolleu a lingua estándar.
Tamén nos chama ben a atención para os que non somos de alí a formas do presente de subxutivo do verbo ser e estar: eles din “seña” (Cando eu seña grande, vas ver ti…!) e “esteña” (Dille a Pepe que esteña preparado para as 12.00 h!). E din “sen” e “estén” para o imperativo destes dous verbos: Anda, estén ben e sen bo…! Este detalle si que lle escapou á lingua estándar, pero segue vivo aí.
Non digades que a nosa lingua non é impresionante e marabillosa! Que riqueza! Que fermosura!