Déixame tu os xamós e os limós en Lodoselo, na casa do meu irmao. E ollo cos cás
En segundo lugar queremos reflexionar canda vós sobre as formas de comunicación que se están a estilar na actualidade, en todas as linguas, que isto non lle afecta só ao galego. Recordades o conto de «Non hai verán sen calor nin “hortera” sen transistor». Cando nós eramos mozas empregabámolo moito porque nos importunaban os que ían co radiocasete á praia ou os que ían pola rúa coa música. E case sempre era música, que ao final escoitabamos nós tamén na casa, no bus… Pero agora, escoitamos conversas privadas en calquera lado, porque a xente ponse a falar co mans libres, e sobre todo a escoitar e enviar mensaxes de voz… pola rúa e en calquera sitio (cafetería, sala de espera do médico, autobús, peixaría…) Falar de lingua é tamén falar da canle de comunicación, que mudou; da relación entre o emisor e o receptor da mensaxe (que cada vez é máis distante) e do contexto (que actualmente poucas veces é o adecuado). Non teremos que reflexionar sobre como imos pasando do diálogo ao monólogo para comunicarnos? Deixamos mensaxes de voz que se contestan con outras mensaxes en tempo real, e así indefinidamente, en sitios moi inapropiados moitas veces, pero non establecemos diálogos nos que nos podemos interromper, matizar, preguntar, aclarar, usar a función fática da linguaxe…
Reflexionade sobre as vosas prácticas e analizade se dialogades ou monologades coas persoas do voso círculo de comunicación máis próximo… Porque nos parece que na actualidade comunicámonos tal e como vivimos, con moita “ilusión”, pero ilusión no sentido etimolóxico do termo, que significaba “engano”. Nós mantemos a ilusión (co significado máis común de “felicidade que se sente pensando no desenlace positivo de algo”) de que isto se recompoña algo e que non acabemos cada un falando só cunha máquina.
Con ilusión esperamos a hora de escribir o seguinte artigo…e non bater con moita xente ao lado que se pon a escoitar vídeos a todo volume!