Ai, ho, desta volta si que foi culpa do maquetador, que lle esqueceu poñer o pé de foto á imaxe do noso artigo no último número… A foto das ancas do cabalo debía acompañarse de: “Atafal tamén é a correa que suxeita a albarda ás ancas das cabalerías, pasándolles por debaixo do rabo”. Xa o aprendestes e desculpado o señor maquetador!
E quedamos que habiamos de volver sobre aquel léxico todo, por exemplo sobre o carolo de pan (que outros días resultou ser “codelo”!), pero carolo tamén pode ser de millo, sinónimo de carozo, cañoto ou cadrozo, a parte interior da mazaroca onde están unidos os grans. Carolo tamén é unha espiga moi pequena e con poucos grans. Calquera desas formas tamén denominan a parte central das froitas que non teñen carabuña, como a mazá ou a pera. Nalgúns froitos chámaselle carolo á casca de fóra que os envolve, é o caso da noz. E carolo é tamén o terrón duro que levanta o arado, que hai que desfacer cunha sacha para achanzar a terra. Un carolo tamén cho pode poñer o mestre nun exame, cando as cousas non foron ben…
E acordádesvos dos “cambeiros”? era a forma coa que a avoa Telós lle chamaba ás pernas, mais refírese realmente ás pernas tortas, arqueadas. Tamén se lle chama así á “caniza”, ao mellor “caínzo” para algún de vós, que é esa estrutura de paus con varas entrecruzadas que se utiliza para afumar os chourizos e mais a carne. E canizos e canizas tamén son os laterais de táboas que se lle poñía aos carros nalgunhas zonas cando os fumeiros (ou fungueiros ou estadullos…) non chegaban para suxeitar a carga… Que riqueza de lingua!
Dá gusto recoller todo este léxico que vai quedando no esquecemento por desuso. Canto nos presta! Canto se perde… Así e todo, levamos unha alegría estoutro día: chamounos por teléfono Pepucho de Pontedeume (José Fernández Paz) para contarnos que el leva unha chea de anos a recoller ditos e sobre todo cantigas coas súas partituras e que as ten publicadas en varios libros. Incluso nos fixo chegar un exemplar dun dos seus volumes, Cancioneiro popular eumés, no que recolle as cantigas das festas anuais. Aínda non tivemos tempo de ler case nada, agora ben, desde a primeira liña percíbese a súa paixón polo seu traballo! Parabéns, Pepucho!!!