O silencio.
Cantas veces non hai palabra máis exacta ca o silencio. Así, caladiñas, así estamos hoxe, caladiñas polos acontecementos da vida, que é vida e hai que poñerlle o lombo, pero nunca nada doe tanto como cando deixa de ser vida… E cando é a vida do máis especial, do esencial, só o silencio… Este é un artigo de lingua e non nos queda outra máis ca facer mundo para diante e leriar; así e todo, non quita que desta volta lle teñamos que gañar a batalla ao silencio. Dóenos o corpiño todo… A nosa dor, que é abonda, pero a dor de Marta e Xosé Lois… Xiana, unha das súas rosas, rematou a súa camiñada, despois dunha longa loita. Compañeiros irimegos, todo o noso agarimo…
Emocionadas e conmocionadas, continuamos esta lingua, que desta volta ten que ser guerrilleira… Guerrilleira, si… Porque a primeira hora da mañá prendemos a radio e lévanos o demo… Oímos falar o presidente do noso país e toda esa xente que pretende que a votemos polo que din… Ai, como o din! Mete medo! Doen as orellas… Seica “non queren que se *produZCa en *ninguNa candidatura o que se produce noutras provincias…” Non saben que os verbos rematados en –cer (excepto ¨facer¨) e en –cir (excepto ¨dicir¨) son completamente regulares en galego e que na nosa lingua temos a riqueza do n velar… E xa non falemos de hiperenxebrismos e castelanismos (*calqueira que fale , *plantexando desde o *primer instante, *fai 10 anos… ) Teríalles vido ben ler algún que outro número de Irimia no que se explica con sinxeleza e claridade (o que tal nos gabamos…), por exemplo, a colocación do pronome porque nos usos que fan deste, tamén mete medo… *Se pacta, *se recolle, *se establece, e *lle dá a sensación… Habemos de ir pouco a pouco nas nosas próximas citas dándolle unha volta a todas estas cuestións, a ver se, de paso que repasamos, con tanto paseo neste período electoral tropezasen cunha das nosas revistas…