Como vai a vida sen tapabocas, en buceiro, sen bozo? Agora xa poden saír sen cancela sapos e serpes… Si, cantas veces non entendiamos todo o que nos dicían ou non nos entendían de todo? Ben bo que foi… Tanto tempo coa cara tapada que parece que xa un non se afai ou… ten medo… e incluso frío!
Estoutro día tivemos unha petición do amigo Pedro para que desde aquí fagamos campaña para desterrar da nosa lingua o uso de “on line”. E boa razón ten porque nestes tempos que corren todo se fai en liña, desde o ordenador, desde a tableta, desde o móbil, desde calquera dispositivo electrónico, e parece que non somos nada se non temos acceso fácil a un aparello destes para podérmonos conectar á primeira de cambio. Perdeuse o trato de persoa a persoa, en directo, os trámites presenciais… E queiramos recoñecelo ou non, necesitamos socializar, intercambiar, mirar os ollos, incluso tocar… As cousas non funcionan igual na distancia, non se empata do mesmo modo. Agora ben, non se pode cuestionar canta vida resolvemos coa banca electrónica, canto nos informamos coa lectura de múltiples xornais dixitais, teñamos ou non que pagar unha subscrición, que esa xa é unha decisión individual.
E que nos dicides das compras a través de internet, por internet ou en internet? Pouca xente haberá xa que non recorrera a este modo de adquirir produtos, ben porque non os atopa en tendas físicas, ben porque teñen un prezo mellor na páxina web, ben porque o compramos sen movernos da casa… Os pedidos electrónicos, á fin, facilítannos a vida. Non sabemos certo se as clases en liña, por internet, outra novidade normalizada destes tempos, facilitan máis alá de manter o contacto con quen ten que estar na casa puntualmente e de forma obrigada.
Estarédesvos a dar conta de que levamos liñas e liñas a falar do uso da rede sen recorrer ao termo que vos convidamos e animamos a relegar e pedímosvolo encarecidamente… Apuntábanos o tamén amigo Daniel que o concepto está relativamente galeguizado, falta que o Dicionario da RAG o inclúa… Si, estamos a falar de facer todo *onlai!!! Jajaja!!! Si, botade unhas risas, pero fuxide do americanismo, por favor!!! Iniciamos desde a nosa contraportada a “Campaña antionlai”!!! Porfiaremos ata extinguila!!!