Na hora na que as nosas letras cheguen ás vosas mans, aínda resoará nos vosos oídos o que deron que falar, ou que oír, as Letras, con maiúscula. Porque o Día das Letras este ano dedicóuselle ás Cantareiras, feito non exento dunha polémica na que non imos entrar agora. Mais si que queremos reivindicar a transmisión oral, tanto da poesía que nos chegou pola boca das cantareiras, como de tantas e tantas expresións que conservan as nosas mulleres e homes. E queremos incidir na importancia da súa preservación e transmisión, que só pode darse a través do uso. E ás veces nin lembramos que sabemos moita da fraseoloxía que temos aí no baúl que nos foron enchendo avoas, veciños, amizades…

Poñemos uns exemplos. Un destes tantos días nos que tanto choveu e había moito frío valeunos para facer uso dunha expresión que xa nin lembrabamos que tiñamos de noso e que saíu así polas boas!… Estabamos a bater os dentes e Pepe ordenou de cruzarmos a rúa, parecía que así polas boas, pero era para que a parede do outro lado nos tornase o frío! Igual que tiñamos esquecida aquela de “beber os aires por alguén”… Rosa herdou todo dunha tía súa que lle acaba de morrer, pero xa houbo quen aclarou que a finada tía, desde que Rosa era ben pequeniña, bebía os aires por ela!

Este tempo meteorolóxico animounos tamén a estarmos en familia ao redor do lume e a escoitar. Deus nos valla, con pan de trigo e unha navalla!, dixo Josefa. E Remedios amasara unha fornada de pan, aproveitando que non se podía gobernar vida fóra da casa, e, coma sempre que cocía, fixera unha bola de liscos que sabía que rabiaba! Comemos e comemos, e xa cando ía rematando a xuntanza, quedaban dous petiscos na fonte e ninguén se atrevía a collelos, ben pola farta, ben por aquilo de deixar sempre a cortesía…, esoutra maneira de dicir que sempre hai que deixar algo no prato, para sermos correctos e correctas e non comermos todo coma se nunca vísemos comida diante, coma se estivésemos esfameadas rabiadas, adoecidas coa fame… E á hora de recollermos todo o que alí estraramos, alguén viu uns cartuchos baleiros enriba do banco de detrás da cociña e deulle para dicir: O marrau onde come, alí deixa a pía… O que tal rimos! Moito nos prestou!

Invernada primaveral ben aproveitada para a nosa lingua…