– Benvida á Terra Chá! E logo, tu de onde vés?
– De Pontevedra!
– Aaah! Boa terra! Éche máis abeirado ca aquí de onde somos nosoutros… Estes días tampouco temos queixa, ho… E logo cal é a túa graza?
– ???
– Cal é a túa graza?
– ???
– Como te chamas???
– Aaaah!!! María!!!

E outro tanto nos tería pasado a nós, de non ser por María, que ía diante para coller o petisco de benvida en Vilalba… Si, porque esta xente da Terra Chá que ben che fala…

E dálle co “nosoutros” e Co “vosoutros”… E preguntamos, claro… E seica os de alí din así, nosoutros e vosoutros. Estache ben… Para nós e para vós… E tamén din “tu” cando che falan a ti! Iso si que me chamou ben a atención…

Máis de un quedou coa boca aberta a mirar para nós cando falabamos con esa “jota” e mais con este ese…, que eles non estaban afeitos a oír tal cousa.. Aínda que non abraiaban…, non, muller, non era para tanto!, chamáballes ben a atención ter un grupiño de xente, de irimegos, diante deles a falar de Santiagho, de gharavanzos, de ghatos e de ghaliñas, e a outros que lles lastimaban os sapatos e que onde el ía que non asendían un sigharro e que seica lle levaran dosena e media de ovos a santa Clara para que non chovese, que lles prestaba ben a viase

A eles os zapatos seica os mancan e cando o tempo é abrigado, é mellor, din que é máis abeirado… E botan o caldo co garfelo! Ollo, que non é un garfo moi grande, nooon! É un cullerón! E levaban freixós de sobremesa, que non eran filloas! Ca! Que case se nos ofenderon cando lles preguntamos se eran filloas…, que, abofé, seica ben deitaba de súa mai que llas fixera! Ben deitaba, que sorte tiña… E “Arma aí…!”, dicían para que lles arrimásemos o prato e nos botasen unha proba dos chourizos dos cochos deles! Os cochos, polos porcos (ou os porcos polos cochos…)! E seica había unha chea de pícaros (por nenos!) nesta Romaxe -dicían alí unhas mulleres-, bo sinal! E falaban da mai e do irmao.

E se viras como din “Vóullelo levar eu“, para levarlles o café aos amighos que estaban noutra merenda…! E moito riron cun ghrupiño de rapazada que pasou, que levaba os pantalós a caer! Pantalós! Mira ti como fan os plurais!

O que tal se aprende cando se sae da casa… Dá ghusto!

E todos estes contos nos trouxo a nosa veciña Marisa da súa visita á Terra Chá! Nós non o saberiamos recoller mellor…