Levamos moitos anos compartindo un tempiño de leria, así que ben sabedes que cando nos arrima para un lado, parece que xa non houbese máis…

A cousa é que agora que nos arrimara para pescar/rescatar palabras e expresións que se nos van, que se perden, cadrou que chegou ás nosas mans un artigo de Manuel Cabada Castro: “Palabras da hucha da memoria comunal”.

Manuel é un xesuíta e filósofo de Sabucedo, do concello da Estrada. Si, saberedes de Sabucedo polos Premios Goya, pola película As bestas, por Sorogoyen, polos eólicos… Non entramos neses remuíños porque se non, xa non damos escrito nada ao caso… (Enerxía eólica si, pero non así!!!!). Así e todo, o tema ben merece non dar puntada sen fío…

O caso é que el, tal e como o describe, quixo “salvar do seu naufraxio usos e expresións lingüísticas nosas que en tempos anteriores (…) eran de uso corrente”. Moitas delas xa non figuran nos dicionarios actuais. É un gran traballo. Entre frases e expresións, neste artigo fai unha lista de 66 rescates, pero se o ledes, poderedes sumarlle máis! A nós sempre nos tocan no corazonciño estas accións, claro, agora ben, esta quizais nos enternecese un pouquiño máis da conta porque unha de nós vive ben cerquiña de Quireza (aldea moi próxima a Sabucedo), de onde Manuel di que fai a súa recolleita, e a avoíña Telós ía ao estraperlo a Quireza, a cabalo da súa besta Mora. Carrexou moito millo e parece que tamén moitas palabriñas e expresións que nos deixou na súa doce herdanza intanxible… Si, nesta lista atopamos unha chea de palabras que temos de noso, absolutamente integradas na nosa lingua de cada día, que nin cuestionabamos se son ou non normativas, quizais porque nunca as levamos á escrita porque pertencen a un rexistro coloquial.

A ver…, vós facedes as cousas de boa gana ou facédelas a muque? Esta évos unha expresión que nós utilizamos a diario na lingua coloquial; o caso é que non nos pararamos a valorar que quizais non estivese recollida nos dicionarios e… efectivamente! “Muque” non consta en ningún sitio! Pois moito temos comido a muque, sen ter ganiña ningunha ou porque non nos gustaba, e moito temos feito traballiños a muque, á forza, sen gana ningunha, porque nos mandaban ou nos obrigaban…

E vós estoupades clocos? Ou chamádeslles estalotes? Ou estralotes? Ou estoupeiras, abrulas, dedaleiras?

Podedes ler o artigo completo en https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.31126.php