Bo é que xa chegan as vacacións, que, se non…, desta volta rebentabamos… Escribimos isto xa no límite, pero non sabemos se é o moito apuro ou se será vicio… Madía levan os que dan feito as cousas en tempo… A nós parécenos que o noso é vicio, non de ter adicións, nin de “ter vicio” no sentido de queixarnos sen ter por que…, senón de “ter o vicio”, o costume, de ser deixadas… Dicía Marcelino do quinteiro de baixo que burra vella non aprende andadura e se a aprende, pouco lle dura… Por iso, chegamos ao mes de xuño coa lingua fóra, coa auga ao pescozo, a botar por fóra…
Bernardino Garrido
O caso é que tiñamos gana de compartir convosco unha serie de memes en galego, para que vós os compartades con toda esa vosa xente neses días de “ferias”, para que riades moito todo o verán! E sabedes o que é un meme??? Este é un termo da era dos móbiles para referirse a un chiste, seica!!! Bufff…, non estamos nada de acordo coa palabra para definir un “concepto” vello, aínda que teña formato dixital, porque ben temos na nosa lingua como chamarlle: chiste, broma, conto… Esta évos unha desas palabras que veu para quedar, non sabemos se entrou pola xerga xuvenil (nós aprendémola das fillas adolescentes, pero agora está moi estendida a pais, nais e ata avós de adolescentes). Sabedes ou coñecedes algún? Pois aquí por onda nós escachan coa risa, por exemplo, a escoitar a Bernardino Garrido, que o houberon de roubar e finalmente saíulles o tiro pola culata pola súa habilidade coa lingua! Ou o da señora que quere recordar o nome de Piqué, ou o do viño tinto como mellor medicamento do mundo, e o do superbailador de 93 anos, o da toupiña a querer furar no asfalto… Se non os coñecedes, facede buscas no google, xa veredes. E fáganvos máis ou menos graza, para nós o importante é que a nosa lingua está na rede e a xuventude escóitaa. Aínda que lle poñemos “peros”, fagamos unha lectura positiva: chistes deste tipo tamén os hai en castelán, en inglés… e a nosa lingua está aí con todas e coma todas! Así e todo, os galegos temos moita máis retranca… Daquela, veñan 1000 veráns máis para a nosa lingua!!!
E lembrade ir ás festas e cantar e transmitir as coplas populares. A nós vennos esta á cabeza:
San Benitiño do ollo redondo
Hei de ir alá, miña nai, se non morro
Hei de levar unha bota de viño
E unha bola de pan para o camiño
Se por ben é, vémonos na Romaxe! Feliz verán!!!