
Queimouse por pór a man no lume
Veremos agora esas parellas. Para empezar, recordade que se algunha desas palabras con acento diacrítico se usa en plural, vai conservar o acento (Veu só; Viñeron sós), ou se se trata dun verbo e se lle engaden pronomes, tamén conservará o acento (O xersei é grande; O xersei élle grande). Tede sempre presente isto: esa palabra píntase así!!! Outra cousa que vos pode axudar a escribir correctamente é que dentro desas parellas, se unha ten vogal aberta e outra pechada, a que se pronuncie aberta vai ser a que leve o acento gráfico, por exemplo óso co o aberto é unha parte do noso esqueleto e acentuámolo para diferencialo de oso (animal). E coma toda norma con certo prestixio…, ten a súa excepción, hai que saber que podemos ter unha aberta que non se acentúa, isto é: a conxunción “e” (Pepe e Rosa) pronúnciase aberta e a 3.ª persoa do verbo ser, que leva o acento gráfico, tamén é aberta (Lola é alta). Pasa o mesmo con “pór” (verbo =poñer) e “por” (preposición , que se pronuncian as dúas pechadas e leva o acento gráfico o verbo. Daquela, estes exemplos xa nos dan pé para entrar na outra regra do til diacrítico: se un dos elementos é verbo e o outro non, poñémoslle o acento gráfico ao verbo:
- “Paula e (conxunción) mais Xaquín chegaron tarde”, fronte a “María (verbo “ser”) é alta”.
- “ Marchou por (preposición) alí”, fronte a “Hoxe tes que pór ( -poñer, verbo) ti a mesa”.
No caso que haxa dous verbos con diferente pronuncia, aplicamos a primeira regra, leva acento o aberto. Fixádevos nestes exemplos:
- “Cómpre ( -é necesario) que faledes galego”, fronte a “Cando compre (do verbo comprar) un coche, lévote nel”.
- “Cómpren ( -son necesarias) outras actitudes”, fronte a “Quero que c ompren (do verbo comprar) mazás”.
E con verbos seguimos e neles imos centrar o que queda de artigo, porque parece que todo o que temos para contarvos non nos vai caber. Reparade nos exemplos que vos deixamos:
- “Veño da (contracción de “de”, preposición) + “a”, artigo) feira”, fronte “Pepe non dá (verbo “dar”) pesos a catro pesetas”.
- “Copiouno das (contracción de “de”, preposición, + “a”, artigo) nenas, fronte a “Ti non dás (verbo “dar”) puntada sen fío…”.
- “Quen fora (do verbo “ser”) grande…”. “Eu non fora (do verbo “ir”) aquel día”, fronte a “Bota o can fóra! (adverbio)”.
- “Se (conxunción) ti queres, imos xuntas”. “Non se (pronome) queixou”, fronte a “A sé (sede eclesiástica) episcopal”. “Sé (verbo “ser”) bo rapaz, ho!”.
- “Ti non ves (do verbo “ver”) un burro a tres pasos!”, fronte a “Xa vés (do verbo “vir”) cansado!”.
- “Eles ven (do verbo “ver”) mal!”, fronte a “El vén (do verbo “vir”) do cine”.
Efectivamente, non nos deu máis… Continuaremos!!!!! E se houbese algunha dúbida, xa sabedes onde estamos!