Dáse o caso que isto toca a punto final. Dáse o caso que vos queremos dar unhas pautas fundamentais para cando queirades falar e escribir en galego, aínda que sexades castelanfalantes e alá dunha volta se vos revire a idea e por fin vos atrevades a falar na nosa lingua, na lingua da terra… Porque se nós non botamos man dela, se nós non miramos por ela, ninguén o vai facer… E como confiamos en vós, lembrámosvos unhas regras básicas para que o voso discurso quede máis ca lucido:

  • Para empezar, botádevos a falar sen medo, tendo como referencia o que levades escoitado. Canto máis vaiades falando, máis se vos irá enchendo a boca con palabras novas que nin sabiades que tiñades aí agochadas no subconsciente. E lembrade que ninguén pasou de non falar unha lingua a falala perfectamente. O erro é parte do proceso de aprendizaxe, o importante é que sempre queirades mellorar!
  • E lembrade, como regra de ouro nos vosos discursos, que en galego non se empeza nunca a falar cun pronome persoal átomo (nada de “*Me chamo Pepito!!!) Botade esa recua de pronomes átonos para despois do verbo e xa teredes moito andado. E tede conta cos pronomes interrogativos e exclamativos (Canto LLE queres?), ou coas negacións (Non O queres!), que si que van tirar por eses pronomes persoais para antes do verbo. Tédelo máis ca explicado ao longo da nosa traxectoria!
  • Non tentedes galeguizar todas as palabras que coinciden co castelán nin utilicedes palabras moi afastadas de como escoitades falar: fuxide das *primaveiras, dos *nembargantes, dos convintes (“Nin con vinte nin con trinta!”, dicía Pepe Chao!) e das *zoas (acordádevos que só zoa o vento!) e dos *asesiños, do *urbán, da *semán, dos *segredarios e das *preferenzas… Tede presente que o galego e o castelán son dúas linguas romances cun pai común, o latín, polo que hai termos que son comúns. É ben certo que, polas circuntancias que viviu o galego, na fala hai moito léxico castelanizado que hai que depurar; agora ben, non hai que hiperesaxerar, utilizar hiperenxebrismos, crear palabras artificiais…
  • Botade man do infinitivo conxugado! É ben doado! Tedes que conxugar o infinitivo coma se fose un verbo en forma persoal e concordalo co suxeito ao que se refire. Isto ten máis voltas, pero relede revistas vellas para facerdes (vós) −e aquí tedes o infinitivo conxugado− memoria!
  • E tede moita conta co TE e mais co CHE!!! Tamén á nosa historia vos remitimos… Lembrade que cando para a 3.ª persoa empregamos os pronomes “o”, “lo”, no” (LévoO a el) na 2.ª persoa imos empregar “TE” (LévoTE a ti), e cando para a 3.ª persoa empregamos “lle” (DíxoLLE adeus), para a 2.ª persoa imos empregar “CHE” (DíxoCHE adeus).

Vaia, vaia… Botádevos a falar, facédenos caso, que ha de dar gusto oírvos!! Confiade no voso potencial, en todo o que levades aprendido e nos nosos consellos. Que mellor ca celebrar o Nadal na nosa lingua!!! Sempre é un bo agasallo para a rapazada manter unha conversa en galego con ela!!!! Feliz Nadal!!!!!! E non esquezades nunca aquilo de «A calma vento espera! Mariñeiro, ponte á vela!!!»…