Arre demo coa calor…!!!! Pola costa do país teredes algo máis de frescura… Así e todo…, manda truco! Non sabemos que calor irá no inferno, pero… débechevos de ser mala de aguantar! Non vos despistedes e bebede para evitar a deshidratación! Auga da billa (non do *grifo!), da fonte, embotellada… O caso é que estea fresca! Ai!, vennos á cabeza cando eramos pequenas e iamos coas vacas… Cando che daba a sede alá embaixo, nos herbais, tirabámonos ao chan e lapabamos auga da presa… Que ben sabía, que fresquiña e transparente… Nunca ninguén comprobou a potabilidade da presa da Canliña, dos Castiñeiros, do Barbanaz…, pero sabía que rabiaba!!!

E volvendo á temperatura…, sabedes como debedes escribir cando falamos de que estamos a 38 ou a 40 °C? Pois ben, en primeiro lugar, recordade que xa non é correcto falar de “graos centígrados” (a escala “centígrada” xa non existe!), senón de graos Celsius (con maiúscula!, en honor ao físico e astrónomo sueco que propuxo esa escala de temperatura). Deben escribirse cun circuliño como superíndice, separado do número por un espazo e pegado ao C; se non utilizades o “C”, si que escribiredes o circuliño ao lado do número: 38°, 40°… Nunca debedes utilizar o circuliño subliñado porque iso indicaría orde: o 1º, o 2º, o 7º da lista… E nunca se pon un punto despois do “C” porque se trata dun símbolo, non dunha abreviatura. Ollo!!! Para indicar a magnitude dos ángulos xeométricos falamos de graos sexaxesimais (un ángulo de 90°).

Nos textos científicos tamén se utiliza outra unidade de temperatura chamada “kelvin” (en honor ao seu creador, William Thompson Kelvin); o seu símbolo é K. Neste caso nunca se dirá “*grao Kelvin”, utilizaremos “38 K”. E tamén é certo que podedes atopar graos Fahrenheit: o seu símbolo será °F e para escribilos, as normas son as mesmas ca para os graos Celsius.

Vaia vaia… E a troula e o baile tamén contribúen a que suba a temperatura… Quen non botou un baile ao son das Tanxugueiras ou de Baiuca, de Boyanka Costova, de Dios ke te crew, da banda da Loba ou de Dakidarría!!!??? Que ben de música galega temos!!! Cantos supergrupos puxeron a nosa lingua na boca de medio mundo!!!

Por certo, benvidos e benvidas a todos!!! Fichamos por unha temporada máis!!!