Nesta nosa sección, ademais de incidir nos usos correctos do galego, teimamos na súa dignificación, aspecto elemental para manter o uso. Porque ninguén escolle de entre dúas cousas a que lle din que é máis ruín, mala, fea e inservible. Isto ben o sabían os que se encargaron de poñerlle cualificativos deste estilo á nosa lingua propia.

Imos empezar pola cuestión do acento galego (o que os portugueses chaman “sotaque”), que normalmente vai unido a trazos dialectais como a gheada ou o seseo. Fenómenos estes correctos tamén no rexistro culto, e que nun rexistro coloquial poden ir acompañados doutros moitos trazos e tamén de castelanismos léxicos que están moi introducidos na fala. Se agora metemos isto na televisión, nos programas de máis audiencia (Luar ou Land Rober) dános para facer un estudo sociolingüístico de como está a saúde da nosa lingua.

Que explica que un grupo de paisanas, da mesma área dialectal ca Tania Fuegho (Luar), digan dela que é guapa, moderna, canta ben pero… é “moi montañesa” falando? “Montañesa” porque fala coma as súas veciñas e veciños de Mazaricos (Masaricoh). As persoas de Mazaricos sempre dixeron “aghora”, pero toda a costa pertencente á mesma zona dialectal, “curouse” e desde os anos 70 xa din “ahora”, sinal de distinción de quen se empezaba a urbanizar. Daquela, Tania Fuegho, que identifica a gheada no seu propio apelido, que se mostra auténtica e que ten o acento propio do lugar onde naceu, seica parece montañesa, é dicir, bruta, desde a perspectiva de quen nunca falou outra cousa máis ca galego. Pola contra, segundo a cualificación das mesmas paisanas, Eva Iglesias (LandRober), nacida e criada en Rianxo, do mesmo bloque e área ca todas as protagonistas desta historia, “é fina falando”! Por que será? E que facía Eva cando interpretaba á xubilada Concha?

Con esta mesma vara de medir, cualifican as nosas avaliadoras as presentadoras do “Fun polo aire”. Susana é “máis fina” ca Inés. O motivo?

Deixamos isto para a reflexión, por se moitas das persoas lectoras non viron estes programas, ou non se fixaron nestas “miudezas” lingüísticas. Quen non se dá conta disto que falamos ten varias semanas para ir escoitando os programas e participar na nosa interpretación destes feitos o próximo día.