Chegamos ao mes das letras e optamos por facer unha revisión do noso día a día. Recollemos algunhas pingas de varios ámbitos e comezamos unha reflexión que quixemos compartir convosco. Sabemos que temos grandes retos por diante, mais imos centrarnos no noso arredor e valorarmos as posibilidades que ten o galego, para dilucidar o futuro das Nosas Letras e da nosa fala.
Escola. “Non viño a profesora?”, “Nós o galego falámolo mal” ou “Me entregades o traballo, por favor?” non lle auguran moitas primaveras á nosa lingua. Temos o reto de empoderar falantes, de mellorar a calidade lingüística de docentes e discentes, que sería máis doada de acadar se non houbese prohibicións para usar o galego na escola e se a Administración deseñase algunha medida de impulso seria e eficaz… Mais estes non son retos que poidamos poñer de cara ao próximo maio, non vos parece?
Carnicería. Vemos o folleto que conta que hai oferta de “Queixo, pechuga, xamón e chorizo”. O carniceiro de máis de 45 anos non sabe o que son as “ás” de polo e o de menos de 30 non sabe pronunciar o “o” aberto de “ósos”. Seica é un mal menor. Imos ver en positivo os usos escritos e o reto de poñer todos os carteis en galego. Logo o resto… con máis tempo.
Peixería. Véndennos “las xoubiñas y la xarda” e damos grazas que a peixeira aínda ten galeguismos. Aquí a dúbida: poderá falar galego a peixeira? Ou acabará antes aprendendo “sardinilla” e “caballa”?
Paisaxe lingüística. Restaurante “O Castillo” e Moblería “O Caballero” non poderán optar a ningunha subvención sobre poñer os rótulos en galego, pero, por agora, os donos usan a lingua de Rosalía, con castelanismos, si. Mudar a “Castelo” e “Cabaleiro” será un reto doado de cumprir para o próximo 17 de maio?
Lusofonía. O aumento de centros nos que se estuda o portugués, a aparición de series de televisión como “Sen fronteiras”, realizadas entre a TVG e a RTP (Radio Televisión Portuguesa) poderían abrirlle o camiño ao galego no mundo lusófono, pero sempre que se entenda ben que quere isto dicir e que sentido normalizador ten. Será a poboación capaz de asimilar que o galego lle pode abrir portas no mundo lusófono e que isto é positivo? Canto pode levar aprendelo?
Xa nos contaredes a que conclusións chegades.