Sumidas na morriña, na nostalxia, estoutro día estivemos en cas Currás e pedímoslles unha esqueira… Despois de botaren unha risada, dixéronnos “Ai, miñas fillas, nós esqueira non temos… Non sei se non queredes unha escada… Tamén vos podemos traer un escairo, que ben vos ha chegar para subir aí arriba…”. Nós ben entendemos que algo para agatuñar nos habían de traer; agora ben, estaba a haber unha diferenza no concepto… Pois si, trouxéronnos un escairo!, o que para nós era unha simple esqueira de man, unha esqueira, unha escaleira pequena!

Ao chegar á casa, botamos man do dicionario polo e- e… nin rastro de “escairo”!!! Recorremos ao Dicionario de Dicionarios e… si! Alí estaba, recollido xa desde o 1884 no dicionario de Leandro Carré Alvarellos. Ademais de con outros significados, co de “escaleiriña de man, de 2 ou 3 chanzos”. Quizás vós teñades a palabra para chamarlle a outros obxectos: 1) a esas chantas que hai nun valo para permitírennos acceder a unha veiga, ou 2) como un banco de madeira con respaldo, mesmo 3) como cama moi alta que había antigamente nas cociñas… O caso é que consideramos que rescatamos unha palabra para o noso vocabulario de todos os días!

E outro tanto nos pasou coa “marmela”…, que nos veu hoxe á cabeza e que recordamos da boca de Delia. E outro tanto nos pasou coa “marmela”…, que nos veu hoxe á cabeza e que recordamos da boca de Delia. Tampouco a atopamos no dicionario da RAG! Nós hoxe empregabámola para denominar esa pel que lle colga ás vacas ou ás cabras, por debaixo do pescozo. Ao mellor vós chamádeslle “barbela”. As dúas están no Dicionario de Dicionarios; o da Real Academia Galega recolle con este significado “barbada”, “badana”, “barbadela”, “papeira” e “papo”.

Cando buscamos “marmela”, tamén atopamos “marmelo”, a froita do marmeleiro, coa que se fai ese doce con azucre tan rico e que tan ben sabe con queixo, con calquera, pero especialmente co queixo da man… é dicir, o que se fai, ou se facía, na casa! Brandiño, un chisco acedo, delicioso… Do marmelo sae a marmelada, aínda que tamén se pode facer de amorodos, mazás, cabaza.

Para rematar, e de cara a ir homenaxeando as nosas letras e as nosas cantareiras, compartímosvos uns versos que nos regalaron unhas veciñas, tan anónimas coma esas mulleres todas que conservaron a nosa poesía de tradición oral. Os vesos de Xosefa, cando lle pedimos que nos contase un conto, foron:

Cóntame un conto,
fríteme un ovo,
méteme un pau de virar
por un ollo!

E Marina cantounos:

Do outro lado do río
Do outro lado do río
Hai unha pombiña branca
Que está morrendo de frío!