As de alá de riba
cando van co gando
espetan a vara
e bailan o tango,
bailan o tango
e bailan a muiñeira.
As de alá de riba
non teñen quen as queira.

Moi boas a todos e a todas! Como vai decorrendo este atípico verán, climatoloxicamente falando, ou simplemente verán galego…? A nós, temos que confesarvos (non llo digades a ninguén!), préstanos ben este fresco…

E andastes moito de troula? Vaia, as restricións desta odiada pandemia non nos dan pé a gran cousa; así e todo, con moito sentidiño pódese ir facendo algo. Bailar o tango e mais a muiñeira, coma as de alá de riba, ao mellor é algo moito por iso da distancia de seguridade… Se cadra algún de vós botouse a facer o Camiño de Santiago, por iso de ser ano santo, natureza viva, aire puro, tempo para a reflexión… Iso tamén presta ben.

Ben sabedes por que este 2021 é ano santo, e non? Porque o 25 de xullo cae en domingo! E sabedes desde cando vén isto? Desde o ano 1122! Si, lestes ben! Quizás desde aquela non se celebrase sempre que cadrase en domingo, pero si a partir de 1282, e así van alá xa, contando o 2021, 120 xacobeos!

Eh! Non nos despistamos, non: “ano santo” escríbese con minúscula, igual ca “xacobeo”, para todo o referido ao apóstolo Santiago. Tamén se escribe con minúscula “apóstolo” para referirnos ao apóstolo Santiago ou a Santiago apóstolo; en cambio si debemos escribilo con maiúscula cando non referimos ao nome da festividade, á festa do Apóstolo. E debemos escribir con maiúscula a Catedral de Santiago, porque neste caso “catedral” é un substantivo común que forma parte da denominación dun edificio singular. O mesmo pasa se se trata de elementos arquitectónicos de carácter monumental, como é o caso do Arco de Triunfo ou a Torre Eiffel, por exemplo. Así e todo, nestes casos, se nos referimos ao referente xenérico, é correcto “catedral”, “arco”, “torre”… con minúscula e aplicar a maiúscula só ao termo específico (de Santiago, de Triunfo, Eiffel…). Se ides á catedral, vedes funcionar o botafumeiro e llo queredes contar a alguén nun wasap ou nunha postal polo que el vos impresionou, recordade que o debedes escribir con minúscula. E prestade atención, que escribimos “Camiño de Santiago” con maiúsculas porque así é como se escriben as rutas culturais, igual ca a Ruta da Seda, a Ruta do Quixote…

Vaia, vaia, que a peregrinar liña tras liña, chegamos ao final do noso camiño. Se por ben é, este ano vémonos en Arzúa, na Romaxe, na nosa celebración anual por antonomasia!