Saíu en todos os medios de comunicación o mes pasado o resultado dunha investigación realizada pola Real Academia Galega: O alumnado castelanfalante acaba a secundaria cunha pobre competencia en galego, mentres que o alumnado galegofalante ten unha boa competencia tanto en galego coma en castelán.

Despois de varios séculos tentando que os galegos esquecésemos a nosa lingua porque nos ía impedir chegarmos a ningures, xa que non iamos saber unha das linguas máis faladas no mundo, resulta, que quen sabe galego, sabe máis! Non só sabe unha lingua románica nacida no noroeste peninsular, senón que tamén sabe defenderse, oralmente e por escrito, na lingua cervantina, igual de ben ca os que só falan esta.

As devanditas probas de competencia desenvolvéronse en institutos de toda Galicia, segundo unha mostra representativa. O alumnado tiña que escribir e falar sobre un tema que se lle propuña. Na proba escrita proporcionábanselle uns datos estatísticos e debían dar a súa opinión sobre o que alí vían; na proba oral debían falar arredor de 5 minutos segundo o que lle suxerían uns vídeos que non tiñan texto oral, só imaxes que contaban unha breve historia. Eran dous “inputs” para a escrita e dous para a oralidade e íanse intercambiando, é dicir, non sempre se empregaba un vídeo para galego e o outro para castelán, senón que a uns tocáballes un e a outros, o outro.

Con todas as imperfeccións e correccións que poden ter estes traballos, en principio, empregáronse fórmulas para medir realmente competencias activas no alumnado, é dicir, este tiña que demostrar ser quen de defenderse para falar e escribir con certa corrección en ambas as linguas. E os resultados…, pois… a nós non nos chamaron moito á atención. E dádevos conta que o que saíu na prensa eran medias, pero se afondamos, vemos que hai un sector de alumnado importante que non ten unha mínima competencia en galego; coincide que vive en ámbitos urbanos e que estuda na escola privada ou concertada. Normalmente, así de orella tamén, o contacto que teñen coa lingua de Rosalía, é –no mellor dos casos– o das clases de lingua galega. Se atendemos ao dito de que “Santos á forza non hai” e hai un sector que non quere, pois este terá que vivir na ignorancia.