Alá nos primeiros días do verán saíu o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciar un “Plan de dinamización da Lingua Galega na mocidade”! Dar dá a risa, pero o conto évos ben triste. Ademais, como xa temos unha idade, nós e mais Valentín, que para iso fomos os tres compañeiros de carreira, podemos -nós as dúas, que non Valentín- permitirnos berrar ben alto que xa non estamos para que mexen por nós e dicir que chove.
Imos analizar o tal “plan” no contexto no que nace e deixamos que xulguedes as persoas lectoras:
- Chegou esta xentiña ao goberno no ano 2009, e xa choveu, amedrentando cos perigos que lle viñan enriba á sociedade galega por estarlle facendo caso ao Plan Xeral para a Normalización da Lingua Galega (PXNLG) de 2004, que fora aprobado no Parlamento por unanimidade.
- Botan abaixo TODAS as medidas que implantara o goberno anterior partindo precisamente dese Plan, que buscaban “dinamizar” (daquela, cando esta palabra era do mesmo campo semántico ca “normalizar”) a lingua galega na mocidade. As devanditas medidas pasaban por aumentar as horas e as áreas de formación académica en lingua galega. Facer cidadáns competentes na lingua propia de Galicia era o obxectivo que eles rexeitaron.
- Pasados dez anos, cando a lingua está queimada porque xa non ten falantes novos, aparecen coa noticia de que acaban de deseñar un PLAN para a mocidade (dos 14 aos 30 anos) baseado… sabedes en que? No que dicía o PXNLG!!! Hai que ter un bo calleiro para poder tragar isto!
- E se nos poñemos a ler o tal Plan…, que atopamos? Un insulto. Disque van intervir de forma transversal e, daquela, tamén desde o sector educativo!!! Si, si…, ese no que se prohibe expresamente dar materias en lingua galega para deixar ben asentado que a) o galego non vale para os temas importantes; b) temos unha lingua de segunda, e c) este é o camiño para que nunca teñamos unha lingua normalizada. Alén diso, levan investindo boa parte do orzamento do sector nunha promoción do inglés, que nunca avaliaron se dá resultados. Ah, e preparádevos porque tamén van “dinamizar” as familias… ás que se lle mandaron mensaxes ben clariñas de que o galego estorba, interrompe, impide que as súas crianzas cheguen a algo na vida…
E xa non seguimos porque encheriamos varios números e non paga a pena.
Se o que está no val dos Caídos ergue a cabeza, ata lles aplaude.