“Cómete el mar sin espinas”, así reza o letreiro de Eroski para animar ao consumo de peixe enlatado, para que non haxa desculpas por parte dos inimigos das espiñas á hora de comeren este alimento tan nutritivo e delicioso. Ata aí todo ben. A situación vólvese aterradora cando continúas a ler e na liña de baixo pon “Cómete o mar sen espiñas”… O mar é terrible!!! Primeiro quítache as espiñas e despois… cómete!!!, con o aberto!!!, esa irregularidade vocálica da segunda conxugación: como (pechado), comes (aberto), come (aberto), comemos (pechado), comedes (pechado), comen (aberto). A intención do anuncio en castelán tírase pola borda cando fan esa tradución á machada ao galego!!! De quereren que comamos peixe pasan a transmitirnos que fuxamos a fume de carozo do mar porque el primeiro vainos quitar, a cada un de nós, as espiñas e despois vainos comer. Ou non reparastes no “cómete”??!!! Deus as dea acompasadas!!! Dicía o benquerido Marcelino do Quinteiro de baixo que “Deus dáo na eira e María estolléceo na maseira…”, pois évos ben certo…
Con todo isto, lembrade que os pronomes reflexivos en galego só poden ter a función de complemento directo. Daquela, dado que un non se come a si mesmo, ao dicir “cómete”, o que indica ese “te” é que ti es comido…; o suxeito, o que come, é o mar…: “o mar come a ti sen espiñas”!!! Para concluír, o correcto en galego sería “Come o mar sen espiñas”. Do mesmo xeito, tampouco podedes dicir “*Lávate as mans” ou “*Cómete o bocadillo”… Dádesvos conta? Non te lavas a ti mesmo, senón que lavas as mans; e non te comes a ti mesmo, senón que comes o bocadillo. É que todo muda con un te (pechado); con un te (aberto) tamén, pero neste caso mellora a dixestión!
E este anuncio xa ten rabo… Haberá ao redor de 15 anos, a Consellería do Mar tivo que retirar unha campaña de promoción dos produtos pesqueiros ao presentala co desafortunado lema “Cómete o mar”: despois dun glorioso ridículo, tiveron que reimprimir todo o material publicitario e cambialo por “Come o mar”… É que comunicar en galego É O CORRECTO, pero ademais hai que facelo con calidade!!!
Hoxe non dá o conto para máis! Así e todo, se dades aprendido isto, dámonos ben por satisfeitas…!!!