Échevos ben estraño… Chega a hora da revista do mes de setembro e ao longo da nosa historia nesta contraportada en todos os números de despois da Romaxe sempre aproveitabamos para dar unha volta pola riqueza dialectolóxica da nosa terra e repasar a fala do lugar que nos acollera para celebrar a Romaxe… Desta volta non vai poder ser porque cada un celebrou os Rumores de Romaxe na súa casa. Se por ben é, á volta dun ano habemos retomar a nosa vella tradición.
E mentres andabamos ás voltas con isto, veunos á cabeza que podiamos darlle unha volta xustamente a este substantivo feminino, que voltas ten unha chea delas, tantas que xa puxemos catro en cadansúa liña. Pero imos con máis porque… a quen non lle deu unha volta dalgunha volta? Deuche unha volta se te encontraches mal de saúde. Pode ser unha doenza concreta (darlle unha volta á barriga) ou xenérica e ás veces indeterminada (deulle unha volta e caeu redondo). E isto puido pasarnos “dunha volta”, é dicir, nalgunha ocasión, nun tempo pasado pero que non concretamos.
Pode que esteades a dar unha volta, un paseo, algo máis ca un garbeo, e que cheguedes ao voso destino ao pasar a volta, é dicir, ao pasar a curva, e que ese non sexa o camiño habitual para chegardes porque nesta ocasión vindes pola volta, e incluso que por ese camiño deades máis volta, é dicir, que non é o camiño máis curto, que estades a dar un rodeo, e cando cheguedes de volta á casa diranvos que para onde ides non tendes volta, que sodes bos para ir buscar a morte!
E con tanta volta e reviravolta por toda a volta, por todo o contorno, quizás non tivestes tempo de deixar amañado todo o que tiñades que amañar, entón á volta, ao voso regreso, podedes rematalo, quizás lle teñades que dar unha volta a un parafuso ou a unha manivela para poñer a maquinaria en marcha.
Estamos a voltas con tanta volta e hai tres que non lles damos traza a encaixar, pero a estas alturas do artigo xa non ten volta atrás. Falamos da volta que nos dan cando pagamos e sobran cartos, da volta que se lle dá ao xersei para viralo porque o iamos poñer e está do revés e mais da volta de campá que pode dar un coche se ten un accidente e queda coas rodas para riba.
Marchamos. Ata a volta!