E as mulleres que aquí están
todas teñen as pernas tortas.
Unhas serven pra abeacas,
outras pra trancar as portas!

Esta cantiga tradicional galega cantan os mozos de Marvallada, de Pontevedra! É a “Ruada de Chamosa”. Dá gusto escoitalos! Seica a canta tamén Fuxan os Ventos.

Ben sabemos do sexismo na música tradicional e non é moi politicamente correcto o que aquí se di, pero como esta é unha estrofa dunha regueifa, hai para todos… porque o que lles contestan elas tampouco queda atrás…:

Nesta rúa non hai homes,
aturuxan as mulleres,
e os poucos homes que hai
son pra rabos de culleres.

Vós sabedes o que son as abeacas? Pois nós non o sabíamos e botámonos a preguntar. Canto aprendemos! Explicounos a nosa compañeira Juana que alá en Ourense as abeacas son as dúas pezas que ten o arado e que serven para anchear o suco, cando se está a labrar. Claro, isto son as abeacas en todos os sitios onde haxa arados, só que ela ten a palabra de seu. Ao mellor vós chamádeslles “gueifas”, ou “forcados”, ou “orelleiras”. As abeacas eran tortas, entón as pernas das mozas tamén… Ao falar das abeacas, demos co vesadoiro, que é a peza do arado que serve para botar a terra cara aos lados, que ao mellor vós chamádeslle “veso”. Ou vós chamádeslle “veso” e mais “vesadoiro” ao arado de ferro? Nós tamén labramos algo (ai, que tempos aqueles!!!)…, pero non pasamos do temón e das rabelas …

Moito prestan estas casualidades! Son palabras que quizás estean destinadas a perderse pola falta de uso, que quizás cando dean con elas dentro de moitos anos, xa as cualificarán de arcaísmos… O mesmo lle pasa a “gramán”… Sabedes o que é? É o adorno das cremalleiras, o que se utiliza para tirar del para que abran ou pechen. Pois si, estoutro día Delia díxonos que a cremalleira estaba ben, pero que lle rompera o gramán… E nós veña a mirar a ver o que tiña e… así o aprendemos! O caso é que o buscamos no Dicionario da Real Academia Galega e non o atopamos, pero si demos con el no Dicionario de Dicionarios e aí defíneo como “Adorno de cores nos vestidos”. Preguntámoslle a Delia e, efectivamente, confirmounos que si, que a roupa tamén podía ter ghramáns (con gheada, así o pronucia ela!) para adornala.

Vida longa para as nosas palabras!!!