Témonos gabado moitas veces de que no noso refraneiro popular sempre atopabamos a frase perfecta, o dito perfecto para cada momento, que os vellos, e sexa dito “vellos” con todo o respecto!, tiñan sempre a sentenza perfecta para cada situación. Pero… vós sabiades que isto dos ditos xa vén de antes dos nosos velliños? Estes días, polo confinamento e as circunstancias da vida, estivemos a reler o “Libro dos Proverbios” do Antigo Testamento e resulta que aí xa estaba todo dito! Debe ser a fonte primeira da que bebe o noso refraneiro! Tal e como se di na introdución, “Cada refrán supón o milagre da descuberta das palabras xustas nas que formular para sempre”. Son os proverbios de Salomón, fillo de David, rei de Israel…

para aprender sabedoría e boas maneiras,
para comprender ditos intelixentes,
para adquirir doutrina asisada,
o dereito, xustiza e boa lei,
para darlle ao inexperto, habilidade,
e ao rapaz novo, ciencia e discernimento.

Así puidemos recordar que “hai quen é xeneroso e se fai máis rico; hai quen aforra de máis e vive na miseria”. E que razón ten! Neste tempo que estamos a vivir cadra ben reflexionar sobre este dito e tamén sobre outros que xa alí estaban e que, ao botarmos o día e mais a noite nas casas, se cadra cobran aínda máis sentido: “Mellor é a codia seca con paz ca a casa farta de matanzas e discordia” ou “Mais vale cunca de grelos con cariño ca xato cebado con xenreira”. E tamén se pode ler aquel que dicía: ”Mellor é habitar nun recuncho do faiado ca con muller rifante en casa grande”! Reflicte ben que a sociedade patriarcal leva moitos anos asentada, pero -apartando a tintura machista- di unha grande verdade, e acae o mesmo dicir “home” no sitio de “muller”.

Falando da lingua. Xa estaba todo dito!
“Quen torce a ollada matina intrigas; quen remorde os labios xa fixo o mal”

O da “letra con sangue entra” non é admisible nin xustificable de ningún xeito e só conseguiu xeracións de xente miúda que se declarou a si mesma inimiga das letras para sempre. Pero tampouco iso que agora se chaman os nenos tiranos, todos a mirar para eles, todo o universo aos seus pés… Cómpre logo, como se di agora, poñer límites e educar xente de bo corazón, así que vén de marabilla lembrar a vella sabedoría do libro dos proverbios: “Corrixe o teu fillo mentres haxa esperanza”. E insiste… “Corrixe o teu fillo: servirache de acougo e daralle satisfaccións ao teu espírito”. E continúa insistindo… “Quen lle ten boa lei ao seu fillo dáse présa en corrixilo”.

Vaia, vaia… O que tal se aprende… Animámosvos a lelos con ollos e orellas do noso tempo.

Aí vos deixamos a cavilar…