É obrigado comezarmos por unha pregunta: vistes, quen non os coñeciades, os programas da TVG que mencionamos no número pasado? Se si, xa todos tendes a vosa opinión formada sobre o galego de Tania Fuegho (Luar) ou de Eva Iglesias (a Concha do Land Rober, que agora embarazada xa non fai de xubilada) sobre o seu uso-non uso da gheada e do seseo, sen ir máis lonxe.
Reflexionastes tamén cal sería a razón de que lle achaquen máis “finura” á presentadora de “Fun polo vento” que está no plató ca á reporteira que fala un galego coma o dalgúns paisanos aos que entrevista nas múltiples festas polas que pasa de parroquia en parroquia. En cambio, a primeira, usa un galego estándar que, se cadra, só fala diante das cámaras da televisión.
Ademais de cal sexa a lingua inicial de cadaquén nestes casos, supoñemos que tantos anos de ortofoniatras para tratar a “patoloxía do acento galego” de quen quere traballar en Madrid conseguiron que a moitos persoeiros públicos, aínda falando a nosa lingua, non se lles note que son de aquí. E será que queren ser de alí? É por iso que se esforzan tanto para que non se lles aprecie o acento? Supoñemos que a lingua foi (e se cadra aínda é) esa marca que os sitúa nun sitio do que renegan. E todo este sarillo derivou en que o auténtico pareza o malo e o non auténtico o bo. O mundo das linguas posto do revés! Pois coincidiredes connosco en que non debe ser san nin saudable que se teña unha opinión negativa daquelas persoas que teñen o galego como primeira lingua na terra onde o galego naceu, que son as que -en xeral- colocan ben os pronomes, teñen léxico galego, dominan a semántica, din “o leite” e “o mel” e o seu acento é diferente do da meseta (máis ou menos central).
É certo que o paso que se deu deixando falar como o fan ás persoas que mencionamos arriba é fundamental para que sexan modelos lingüísticos, mais vai ter que pasar tempo para que se asenten e vaian calando de bo grao entre o público galegófono que as escoita, para que dunha vez as deixen de ver como “montañesas”. Un paso fundamental para que nos sintamos orgullosos e orgullosas do que somos é que Tania e Inés estean na televisión entre as que “falan ben”. Con isto non queremos dicir que non haxa que diferenciar rexistros lingüísticos, feito indiscutible; pero o que non se pode é revirar o que significa a dignificación da lingua e das persoas que a falan.