Recibiredes este texto no mes de San Xoán e aínda que co cambio climático xa o refraneiro non sempre é acaído de todo, aínda vale aquilo de que polo san Xoán a sardiña molla o pan e no mes de san Xoán e san Pedro di o día: máis non medro.

Mais aínda que chegue ás vosas casas este texto no mes de xuño, estamos a escribilo xusto o día despois das Letras Galegas, data que nos levou a non poucas reflexión que queremos compartir convosco…

Vimos o novo presidente Rueda en Valdeorras, nos actos conmemorativos de Delgado Gurriarán, e non puidemos evitar que nos viñese á cabeza aquel outro acto no que tamén participou o presidente arredor da Lingua Galega. Era o ano 2009 e o fin non era exaltar a poesía nin a obra de ninguén, senón manifestarse EN CONTRA do galego. Si, si, en contra. Participou na manifestación que Galicia Bilingüe organizou en Compostela, semanas antes das eleccións que levarían o seu partido ao poder; trouxo xente de diversas partes de España para queixarse pola “imposición” do galego. Esa lingua que fai que teñamos entidade como comunidade histórica, despois de estar durante séculos marxinada e condenada á extinción, cando se aplicaron unhas medidas no ensino para intentar a súa recuperación, saen á rúa para esixir “liberdade”, palabra á que lle mudaron o seu significado cunha demagoxia nunca antes vista.

E aínda que foi porque tiña que ir, e supoñemos que peor sería que non fose, se o autor de Valdeorras, defensor da nosa lingua, aquí e en México, coherente sempre, ergue a cabeza e ve a Rueda alí…, igual lle fai uns versos. E de paso aproveitaría para ampliar os seus poemas sociolingüísticos, escribindo sobre a situación do galego posterior a 2009, que nos últimos estudos deixa datos alarmantes. Basta revisar o que conseguiu o goberno deste novo presidente, antes vice, coa súa política lingüística: estudos recentes da RAG mostran unha caída en picado da transmisión e do uso1, así como unha moito menor competencia en galego ca en castelán do alumnado que remata a secundaria2. Vese que xa cumpriron o seu obxectivo “bilingüe”!

1.- Mapa sociolingüístico escolar de Ames
2.- Análise das competencias bilingues do alumnado de 4.º ESO