Pepa Vázquez Martínez é de Baltar (Ourense) mais agora vive en Pontevedra. Preside unha asociación da que foi cofundadora xunto cun grupo de persoas que desde a marxe e a desesperanza crearon un espazo de axuda mutua e fraternidade; chámanlle Boa Vida. Danlle unha segunda oportunidade ás cousas que a outros nos sobran e tamén ás persoas das que a sociedade prescinde e despois chamamos excluídas.

Quen te iniciou nesta aventura?
O asunto vén de lonxe. Miña nai, labrega e analfabeta, coidadora de nove irmáns máis pequenos, foi a miña primeira escola de solidariedade. O seu proceder pode explicar boa parte da miña deriva. Tamén feitos coma o daquel veciño que lle prestou os cartos á miña familia para que eu puidese cursar o primeiro ano dos estudos de Traballo Social en Santiago, onde acabei de descubrir a miña querenza por este labor. Máis tarde, catro anos coa ONG Oxfam-Intermón póñenme en contacto coa problemática dos desequilibrios e da inxusta distribución da riqueza. Tamén co sindicato CC.OO. e durante dous anos, ocúpome da atención e información a persoas estranxeiras. Á par do sindicato traballo co CDR (Centro de Desenvolvemento Rural) “O Viso”, en Sarreaus (Xinzo de Limia). Exerzo de informadora xuvenil e ocúpome da problemática das persoas maiores no rural. Asistín ao inicio do primeiro comedor para persoas maiores. Logo xa me veño para Pontevedra porque a miña parella vivía aquí. Monto unha tenda de Comercio Xusto e participo na creación da ONG Amarante, que ten por obxectivo dar a coñecer a situación dos países do sur. Así durante dous anos. Logo chámanme do INEM e resulto seleccionada para entrar como traballadora social no concello de Pontevedra.

A miña nai, labrega e analfabeta, coidadora de nove irmáns máis pequenos, foi a miña escola de solidariedade

E … xorde Boa Vida
Non. Que va. Na creación do Plan de Inclusión Social municipal traballei en equipo cunha educadora e unha traballadora sociais. Xuntas creamos un club de emprego e cando vimos que un grupo de persoas xa non ían poder traballar, quixemos practicar en grupo as habilidades sociais aprendidas creando o Club da Boa Vida. “Co que temos imos vivir ben”. Na fase final previa ao despedimento, o grupo quixo montar unha asociación, madurouse a idea e en febreiro do 2012 levamos a rexistro a documentación.

E como continuastes camiñando desde fóra do concello?
Nos últimos dous anos do meu traballo no concello e apoiada pola concelleira socialista, máis sensible a esta problemática, estimulouse o empoderamento de moitas persoas excluídas que por enfermidade, marxinalidade extrema… xa non ían volver traballar. Do xeito máis sinxelo. Reuniámonos e propoñiamos un tema de discusión que na seguinte semana pasaba a ser debatido. Logo pareceunos que estaría ben tomar un café xuntos e poñiamos 25 céntimos cada un/ha. A alguén se lle ocorreu pedir unha cafeteira ao Froiz e …déronnola. Nunha das veces que tiñamos 10 € en caixa para cafés, un do grupo solicitou o fondo para mercar un medicamento. Concedéuselle baixo condición de devolución. E aí arrincou a historia dos microcréditos. Así iamos indo, moi aos poucos. Un grupiño de esfarrapados a darse calor. Ata que nos invitaron a un encontro.

Un encontro?
Si. En Santiago. O primeiro encontro de persoas en situación de exclusión. Da EAPN, Rede galega de loita contra a pobreza e a exclusión. Alí tomamos conciencia de sermos pobres, pero con dereitos e coa estima necesaria para ver de saír dela ou cando menos levala con dignidade.

O contacto cos Trapeiros de Emaús de Pamplona foi unha inxección de moral e de luz

Cantos erades?
Eramos unhas 15 persoas. Presidencia, vicepresidencia, secretaría, tesourería… todos os cargos ocupados por persoas en situación de pobreza. Eu no papel de animadora, mais non responsable. Queriamos construír dende embaixo. A parroquia de Monte Porreiro, a asociación Rexurdir, a Biblioteca Municipal, locais nos que atopamos acollida e formas de autoorganizarmos. Aprendemos a xestionármonos (contas, actas, asembleas…) e creamos un grupo de discusión de temas e resolución de conflitos. Imos indo e no 2013 tomamos contacto cos Trapeiros de Emaús, de Pamplona. Unha inxección de moral e de luz. Viamos que outros xa fixeran camiño diante nosa e que…non era imposible. Mais os folgos logo se esgotaron. As dificultades e o cansazo minaron a nosa resistencia e en xuño do 2014 chamamos a José María (Responsable de Trapeiros en Pamplona): “abandonamos e disolvemos”.

Chega a noite escura.
E tanto. Mais non durou moito. En novembro dese ano veñen vernos, falamos… e apostan por nós. Poñen enriba da mesa 4000€ para ver de comezar de novo. Collémonos un tempo, ata abril do 2015 e aceptamos o acompañamento de Trapeiros e o seu apoio económico. Comezamos a ver a saída. A deputación, gobernada polo PP, ofrécenos un lugar onde gardar e facer unha primeira selección da roupa que recollemos. A organización “Gradicela” préstanos un local coma punto de encontro. É o momento do despegue definitivo.

E agora?
Despregamos o noso traballo en dous eidos. Un é a empresa “Vivir do Traballo”. Temos 4 postos de traballo estables: un xerente e tres persoas en tenda, almacén e recollida. Recollemos roupa que clasificamos e derivamos a mercado de segunda man, e tamén produtos diversos que logo de tratados pasan á tenda. Contamos co apoio de 31 voluntarios e xa son 11 as familias que obtiveron ingresos e traballo na asociación. Poden parecer poucas, mais hai que ter claro que non se trata dun labor de beneficencia, se non do rescate da exclusión, un labor lento e de fondo. O outro é a Oficina de Dereitos e Deberes Sociais, que realiza un traballo de formación e reconstrución persoal e na que tivemos a inestimable colaboración da parroquia do Cristo da Vitoria de Vigo e a financiamento da Xunta de Galicia e Fondo Social Europeo (para os itinerarios de inserción).

Non hai realidade que antes de ser tal non fora dalgún xeito soñada

De que medios dispoñedes para a recolleita e onde tedes a tenda?
Hai cousa de un mes queimáronnos a furgoneta da recollida. Houbo que mercar unha nova. Tivemos doazóns por valor de 3000 €. O concello para xaneiro vainos dar 6000 € e Trapeiros fainos un préstamo polo que resta para a compra. Fixéronnos mal, mais non nos deitaron. Estamos a recoller fondos de quen queira colaborar para devolver o prestado; fáltannos outros 7000 € (1)

En canto á tenda témola na rúa Santa Clara 35, en Pontevedra, tamén poden atoparnos en Facebook e walapop.

E xa a un nivel máis persoal, que foi labrando en ti toda esta andaina?
Pasei medo e vertixe pero acadei -acadamos- un soño que se fixo realidade. A teimosía empoderoume, gañei confianza en min mesma e na xente. Reafirmeime nas miñas conviccións na persoa humana e na fraternidade. Reafirmei un alento evanxélico que nunca perdín e que agora se me fai máis evidente, un alento que me fixeron chegar os trapeiros de Pamplona co seu xeneroso apoio, a parroquia de Monte Porreiro que aínda vén de ofrecernos cartos para alugar unha furgoneta mentres non dispoñemos da nova, a Mariló, a Alberto, a Toño… a todos os que saíron da marxe e me deron a ocasión de compartir vidas. A Asociación é leiga, claro está, porén eu son crente. E teño un reto máis nun horizonte achegado: compartir a vellez, avellentar en compañía solidaria para despedírmonos en comunidade e ao abeiro uns dos outros, explorando tamén a posibilidade de facelo en espazos rurais hoxe abandonados e para os que podiamos supoñer unha oportunidade. Un soño máis, porque non hai realidade que antes de ser tal non fora dalgún xeito soñada.

1 – Agradécese a colaboración dos que queiran contribuír coa súa doazón á compra da furgoneta. Conta en Abanca: ES07 2080 5480 9830 4012 9689