Neste percorrido por corazóns comprometidos e xenerosos os ferrados deste mes son de altura, a que lle dá a xente do Club de Montaña Buxán. Mentres se fai a entrevista, soa de fondo Juaneco y su combo, Me robaron mi runa mula. Dádelle ao play e gabeade con nós por esta conversa!
“Somos o contorno e a súa xente”, así respondedes á pregunta da revista Desnivel1 “Que relación mantedes coa contorna e a súa xente”. Cal é a contorna e de quen vén sendo, pois, esa xente?
Somos a Galicia profunda, formada por unha manda de indíxenas que habitan o interior de Lugo. Unha contorna dividida en parroquias, conformada por aldeas semibaleiras; somos unha especie de últimos mohicanos da montaña lucense. Un resistente pobo galo adicto ao “al filo de lo imposible”, que vive na montaña e goza dela.
Vivir sen gozar e sen coñecer o medio natural que te rodea é como vivir nunha burbulla
Que é ser montañeira? Cando se pode chamar unha así?
As nosas referencias de montañeiros son Lolo, Palmón e Piro, referentes da montaña da nosa zona. Somos seareiros deles, hooligans.
Ser montañeiro non é difícil, podes ir a Decathlon e equiparte co kit de alpinista hilmalaísta, para dar un paseo por un sendeiro pegadiño á túa cidade perfectamente homologado pola Unión Europea; ou elixir a nosa opción, o Rural climbing montañeiro “faino ti mesmo”: co que tes e cos teus medios, busca os teus retos e as túas aventuras.
Calquera persoa pode ser montañeira?
Penso que si, ou polo menos espero que a montaña non sexa algo elitista dunha minoría.
O monte aviva o amor?
Para nós a montaña é o máximo expoñente do amor pola vida e a natureza. Vivir sen gozar e, polo tanto, sen coñecer o medio natural que te rodea, é como vivir nunha burbulla. Unha vida de permanente confort e situacións controladas, deitado nun sofá diante dunha pantalla é un auténtico desperdicio; unha vida na montaña compón o mínimo que podemos ofrecernos a nós mesmos, é dicir, dalo todo por espremer a vida.
Hai riscos na montaña, iso fai a unha montañeira ter máis consciencia da morte?
A montaña ten riscos, que na medida do posíbel hai que paliar; pero a vida cotiá tamén os ten e con accidentes máis comúns. Se cadra isto parece frivolidade, pero se teño que elixir entre un accidente de coche indo a traballar pola mañá a un curro precario ou un accidente na montaña, elixo o segundo. Dios no lo quiera.
Eólicos, monocultivos, minas…, en que medida o Rural climbing e a relación co monte axudan a sentir a necesidade de coidalo, de conservalo?
En Buxán somos aldeáns, traballamos na nosa contorna e, como tal, temos o deber como parte implicada de posicionarnos ante os conflitos ambientais. No Rural climbing a montaña como medio e os seus habitantes son os principais baluartes que hai que defender. O goce do medio polos habitantes deste axuda a un maior entendemento, simbiose e empatía entre o hábitat e a xente que o habitamos.
Por que Buxán?
Chamámonos Buxán porque é o nome da aldea do Incio onde escalamos, onde tamén se atopou un mamut. Porque nos peta, porque nos sae de dentro. Que mellor que organizar un colectivo de xente para gozar e argalllar proxectos que nos entusiasmen. Para min, Buxán foi o mellor que puidemos facer.
A que andades agora?
Pois con isto das restriccións pola pandemia, tan só andamos pensando en novos proxectos, pero cando se convertan en realidade, falaremos deles. Entre tanto, quen teña curiosidade pode seguirnos nas redes2 e facer ganas de xuntarse a nós nalgunha andaina.
Que pregunta que non está che gustaría contestar?
Cal é o misterio da Santísima Trinidade3.