Alicia López Pardo, a Rede do Rural e a loita contra a supresión de escolas e servizos
Alicia Lopez Pardo na USC

Convidados por Alicia López Pardo, Irimia adhírese á Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural (rededorural.org). Coincide coa mobilización no Courel, Baamonde, Navia e Baralla contra a supresión de centros de educación primaria e infantil e o empeoramento do transporte. Alicia leva anos en enredos coma este, sempre con Galicia na mente, con ferrados de corazón. Mestra de verdade, motívanos desde a súa traxectoria, desde as loitas na transición política contra a supresión das escolas unitarias da montaña, desde a Nova Escola Galega, ou desde o seu exercicio docente en Ponte Carreira (Frades) e Vixoi (Bergondo). Con ela conversamos.

Isto que está a pasar, apurarse a suprimir escolas e servizos de proximidade… é a mellor receita para revitalizar o campo galego?
Isto vén de vello. Dende os anos setenta, cos movementos sociais e de renovación pedagóxica, propoñendo alternativas fronte ás políticas deturpadoras do medio rural… aqueles plans de escolarización, concibidos dende Madrid e desatinados para a realidade galega, as grandes concentracións escolares, os traslados abusivos de rapazas e rapaces, os peches inxustificados de escolas…

na pandemia estase a revalorizar o rural, na procura de calidade de vida

Agora hai novos paradoxos: Por unha banda abraia ver o activismo da familias a prol dun rural habitable e digno, cos servizos básicos. Mobilízanse dun xeito admirable e espontáneo, coas ANPAS e a veciñanza, con apoio mutuo e boa organización, chegando ao Parlamento Galego. E velaí o tes, pequenas comunidades rurais, pero activas a tope, cun rotundo compromiso, acadan presenza e logran un grande apoio da sociedade galega especialmente a través das redes sociais.

Ademais estase a producir un movemento social de valoración do rural, máis acusado a partir da pandemia, na procura de calidade de vida: parellas novas que demandan vivendas na aldea para contar cun mellor modelo de escola para as súas crianzas; unha escola con recursos como a inserción na natureza, a integración na contorna social, galeguidade, pouca masificación, proximidade, relación familiar e mesmo pedagoxías avanzadas… cousas que raramente se dan nos colexios grandes ou de perfil urbano. Isto provocou que algunhas das escolas ameazadas de peche recibiran demanda de praza, un aumento de matrícula, a oportunidade de manterse vivas.

Logotipo rede do rural

Ou sexa, que agora que podería verse un futuro para certas escolas non se aproveita ese cambio de tendencia, senón que se porfía no de sempre…
Pois si. Sabemos de casos nos que, dándose esas circunstancias, non se facilitou a matrícula de alumnado que, vivindo na vila, pretendía trasladarse a determinadas escolas en risco de seren pechadas por escasa matrícula. Pasa iso, aínda que non sexa maioritaria a tendencia, xente nova ben formada, ilusionada, portadora da semente e da utopía necesaria, que amosan unha convencida opción polo rural.

Soños truncados e escolas pechadas pola negativa dunha administración que mantén o seu antigo esquema de recortar pechando unidades nos pequenos centros do rural e todo tipo de servizos básicos. Non reaccionan nin ante oportunidades de recuperación de poboación, seguen o seu paso sen poñer os pés na terra, na comodidade de esquemas ríxidos e miopes. Non perciben a necesidade de poñer en marcha novas medidas provisionais para esta ocasión tan propicia. Non hai un verdadeiro plan de atracción demográfica, nin se dan facilidades á xente que pretende instalarse na aldea.

Defensa do servizo de transporte no Courel
Defensa do servizo de transporte no Courel

Pois non paran de falar de plans para que a xente nova a que se “ruralice”
Non sei como. As medidas da Administración educativa e as do goberno autonómico no seu conxunto, oriéntanse a manter as máximas dificultades sen a mínima flexibilidade. É unha visión economicista a curto prazo; contribúen directamente a que as aldeas queden desertas de xente e a mercé dos intereses das multinacionais.

hai decisións que contribúen a desertizar as aldeas, que quedan a mercé das multinacionais

Esa valente decisión de familias coa opción de asentar nunha aldea que conserve a escola tiña que ser unha clara referencia para enfocar as políticas de desenvolvemento rural. Pero no canto de aproveitar este tirón, o que se fai é poñer atrancos. Coma tantas veces, o sol vainos pasar pola porta e, de non actuar sen demora, perderemos o tren doutra excelente oportunidade.

E hai máis paradoxos, como é o do feito discriminatorio na suposta elección de centros; mentres nas cidades e nas vilas se proclama o dereito a elección de centros privados e concertados, no rural nin sequera se fomenta o traslado de alumnado de zonas urbanas, de familias que opten por un modelo de escola en ámbito aldeán.

E o gran paradoxo é ese que dis: fachendosos programas electorais dos que gobernan na Xunta de Galicia, inzados de demagoxia cando se refiren ao rural galego. Segundo o seu discurso tiña que ser o momento clave para eses tan coreados e nebulosos fondos europeos destinados ao desenvolvemento rural, empregados en disparatados “proxectos pantalla” arbitrados sen o mínimo consenso. Dispendios que non abordan as situacións de emerxencia coas necesarias medidas de recuperación. Cando se tiña que favorecer o asentamento de xente nova no rural, esa xuventude inqueda, dotada de potencial emprendedor e con alento crítico, que parece que non interesa ao sistema, seguirá portando o seu talento polos camiños da emigración nos que Galicia leva tanta rodaxe.

Como nace e para que nace esta Rede Galega do Rural?
Xorde como natural reacción de colectivos comprometidos coa situación de desfeita xeral que o mundo rural sofre. Nace da necesidade de reaccionarmos fronte a feitos coma os aquí referidos de Begonte e a montaña de Lugo. É o resultado da evolución dunha organización chamada Mesa Galega de Educación no Rural, activa durante máis de vinte anos, promovida por movementos de renovación pedagóxica e sindicatos e que á súa vez procede da rodaxe nas loitas sostidas durante décadas fronte ás políticas aplicadas no ámbito da educación no rural. É nesta Mesa onde xorde a reivindicación dun Plan de Educación Específico para o Rural, no seu momento presentado ao Parlamento Galego e á Consellería de Educación (quen nunca o tivo en conta).

Cos irmáns Peleteiro, Manolo e Bieito, este último recentemente falecido
Cos irmáns Peleteiro, Manolo e Bieito, este último recentemente falecido

Cooperación en rede, horizontal. Quen está enredado? Cal é o tipo de entidade ou iniciativa?
Esta rede é un tecido que abrangue o mapa galego e conecta grupos de desenvolvemento zonal. Mediante un funcionamento asembleario a Rede do Rural quere asegurar un punto de encontro e de cohesión, no que converxan diversos sectores a través da adhesión de colectivos e persoas. Vincula a sectores produtivos, de servizos, culturais… nun enfoque de desenvolvemento conxunto e global, así coma as forzas de tanta xente inqueda pola desfeita e que está disposta a crear un tecido dinamizador do país. Concíbese coma tear no que, cun urdido de fíos galegos, se poidan zurcir moitos rotos e tecer novos panos interconectados. Unha ferramenta de alcance, para detectar e conxuntar iniciativas emprendedoras, por veces microscópicas, que agroman por todo o rural.

foi un enorme apoio dar con aquelas pequenas comunidades de monxas inspiradas na teoloxía da liberación

A Rede do Rural tamén aposta polas demandas e denuncias, coas oportunas propostas, ante os axentes responsables, reclamando unha nova estratexia integral de desenvolvemento do país por parte da Xunta de Galicia. Así mesmo comprométese a crear un grupo de acción interdisciplinar de análise e procura de alternativas para afrontar o deterioro do rural. E tamén a dignificar, revalorizar e dinamizar a lingua e a cultura popular.

Na túa traxectoria, na montaña, en Ponte Carreira, coincidiches nos teus “enredos” con aquelas pequenas comunidades de relixiosas tan benqueridas por Irimia (as da Compañía en Hospital e as doroteas de Galegos). Que lembranzas tes delas?
Requiriría un capítulo á parte falar destas mulleres especiais, que tanto significaron na miña vida. Na miña estrea de mestra, sendo unha rapaciña descoñecedora da montaña, foi un enorme apoio bater con persoas tan integradas e dándoo todo dende aquelas pequenas comunidades de monxas inspiradas na teoloxía da liberación, cunha boa formación e un avanzado humanismo. Durante unha época aínda de represión latente ou activa, o seu compromiso alentou e acompañou o dun grupo senlleiro que formamos as coñecidas por “as mestras da montaña”, ao que tamén se sumou o apoio dalgúns cregos da mesma onda. Baixo o paraugas daquelas comunidades foron adiante loitas históricas na defensa dos dereitos da xente do rural,… Plans de escolarización, servizos sanitarios e outros básicos, medios de comunicación… Alí remóntanse tamén os primeiros pasos do Preescolar na Casa.

Algo semellante atopei no meu destino de Ponte Carreira-Frades coas prezadas doroteas do Pazo de Galegos. Apoio, agarimo e reconforto humano nos momentos máis difíciles de situación insólitas, con batallas que causaron riscos persoais e mesmo acoso. Nesta comunidade de ambiente segrar, xunto ás amigas monxas, varias delas significadas mestras, tiven unha casa sempre aberta, acollida cunha familiaridade a man chea. Alí xermolaron proxectos referenciais para este país, tecidos con fonda amizade nun grupo de xente amplo e plural. Amizade que floreceu con persoas que deixaron fonda pegada no país e na miña vida. Como os irmáns Peleteiro -Manolo, Carlos e Bieito-, cos que, dende o común empeño da defensa do rural, puxemos en marcha a revista Que Quede Quen o Conte. Inmensa é a miña gratitude e o meu recoñecemento.