Fomos aos Ancares e demos con ferrados de corazón e corazón a ferrados porque batemos, entre outra xente marabillosa, con Amelia Amigo Santín. Amelia é todo un caso, un caso que pon contra as cordas a tendencia absurda de destrución da vida de aldea, da riqueza comunitaria, das economías de axuda recíproca, da cultura dos coidados mutuos (“cousas de mulleres”) e tamén da festiña espontánea e do sentimento do “nós”. Nestes días estivo argallando, arredor do Día da Muller Rural en tempos de pandemia, unha orixinal proposta de conversa e encontro, intercambio de experiencias de vida entre mulleres da súa zona, co suxestivo título de “A forza calada da montaña”.
Pero quen vén sendo Amelia e a que se dedica?
Veño sendo Amelia, da casa de Lelo de Noceda. A pequena dunha familia de 7 irmáns. Crieime nun pobo rodeada de nenos e nenas, onde a relación entre veciños sempre foi como dunha familia grande. Todos os meus irmáns foron marchando e eu, a verdade, nunca mo propuxen porque miña nai morreu moi nova, cando eu só tiña 16 anos. Claro que non ía marchar e deixar só a meu pai. Entón tiven que ir buscando a vida para non deixalo e á vez poder ir gañando uns cartiños, xa que na casa non había; non era fácil . Traballei nunha casa 3 días á semana e as fins de semana e festivos nun restaurante da zona, facía voluntariado no Centro de Desenvolvemento Rural ”Ancares” (CDR), no programa de Nen@s. Ao cabo dun tempo propuxéronme traballar no CDR no programa de muller, no cal sigo a día de hoxe. Casei cun rapaz da zona, que aínda que vivía en Barcelona, veuse. Comezamos a facer unha casa en Noceda porque tíñamos claro que non iamos marchar. Pasados uns anos, adoptamos unha nena e dous nenos e aí seguimos.
Fuches logo, contracorrente; dalgunha maneira optaches por vivir e dar vida á montaña cando as da túa xeración marcharon.
Moitas veces escoitei aquilo de “Como fas unha casa aquí?”, e dábame que pensar, entrábame a dúbida de se terían razón. Aínda así, seguín para diante e nunca me arrepentín de quedar a vivir aquí, non o cambiaría por nada, non tiven que renunciar a nada importante e, a cambio, tiven moitas cousas que só se poden coñecer e vivir na aldea, nunca me sentín soa , nin nos bos, nin nos malos momentos.
Traballas no CDR Ancares e a túa achega céntrase nas áreas da muller e da xente maior. Que descubertas fixeches con ese traballo? De que maneira te fixo medrar como persoa?
O traballo no CDR deume moito, unha aprendizaxe continua. O xeito de traballar contando e respectando sempre a opinión e os desexos das persoas; descubrín o valor da xente e da zona, especialmente das mulleres, que son o temón; capaces de compaxinar o traballo na explotación e o coidado dos fillos e fillas e da xente maior e aínda sacar tempo para formarse, ser voluntarias e estar detrás de calquera tipo de actividade que se faga. Tamén hai mulleres con situacións bastante complexas, problemáticas, que, a pesar de todo, saben tirar para diante.
Como se vos ocorre o encontro de conversas “A forza calada da montaña”? Por que ese formato? Que se pretende?
Despois de visitar, facer xuntanzas pequeniñas coas mulleres, sempre me contaban… “Isto é deprimente, temos que ir facendo cousiñas para ir rompendo un pouco este aburrimento e monotonía que nos foi envolvendo a raíz do COVID”. Un día, indo de paseo con Isabel e Clara, falando de que tiñamos que facer algo para o Día da Muller Rural, empezamos a pensar: “Que facemos? Unha conversa entre mulleres?” De inmediato saíu a resposta: “Que elas nos conten as súas experiencias baixo o lema ‘A forza calada da montaña’”. Si, porque realmente son a forza e as que fan posible que a vida no rural de montaña non morra. E con este acto queriamos poñer en valor o seu papel e compartir a súa voz e a súa experiencia. Pero, lamentablemente, tivemos que suspendelo pola nova normativa e queda pendente para en canto se poida e cadre no momento oportuno, quizais en marzo, coincidindo co Día da Muller.
Posiblemente a pandemia non afecta só á saúde. Hai máis vítimas, como a riqueza da nosa relación comunitaria. Como percibes que se vive isto desde a aldea, na vosa contorna?
Aínda que se levou mellor ca nas cidades, esta pandemia afectounos si, a uns máis ca a outros. Hai xente maior que vive soa que non o pasou moi ben, demasiada soidade e medo, pero outros case non o notaron, se cabe aínda estaban máis acompañados, tiñan os net@s todo o día.
Que leccións debemos aprender? Como sairemos de todo isto? Que sensacións tes?
Leccións básicas, como que no rural non se vive tan mal, que os nosos vellos e vellas estiveron acompañados e puideron estar coa súa familia e veciñas, vendo pola televisión como nalgunhas residencias, e mesmo nalgunhas casas, morrían sós ou petando nas portas. Non sei como sairemos de todo isto, espero que levando un pouco a contra, porque creo que hai cousas que non me gustan que viñeron para quedar.
Que tipo de cousas?
Pois cousas que vou observando, por exemplo como vai nacendo unha certa desconfianza cara á xente próxima. Ou como van cambiando certos servizos públicos nos que a atención persoal é tan importante, na atención médica… É incrible ver como se anulan citas de calquera das especialidades sen ningún tipo de criterio, como se vai centrando todo na atención telefónica, mesmo a pacientes que teñen patoloxías severas.
Cambiaremos?
Unhas veces creo que si e outras creo que non.