En conversa con Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, exploramos o papel da escritora como precursora de ideas contemporáneas como o feminismo e a xustiza social. Abordamos tamén a situación actual da lingua galega, propoñendo accións urxentes no ensino e os medios de comunicación para frear o seu declive. Anxo Angueira, eloxia o papel da revista Irimia que representa un “galeguismo cristián indispensable”, capaz de “galeguizar unha igrexa que moitas veces actúa e fala coma se fose estranxeira”.
Anxo Angueira

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. Foto de Xurxo Lobato para a Fundación Rosalía de Castro. © Foto: XurxoLobato

No teu discurso de ingreso na Real Academia Galega, mencionaches a necesidade dunha “defensa insubornable” do galego. Que medidas concretas consideras urxentes para garantir a súa supervivencia e presenza en todos os ámbitos da sociedade? 
As medidas concretas deberían centrarse en moitos ámbitos, pero dun xeito especial no ensino e nos medios. O que me parece realmente urxente é un acordo político consensuado a respecto desas medidas. E a RAG debería loxicamente estar aí e cumprir o seu papel.

É urxente un acordo político consensuado respecto da lingua.

Como presidente da Fundación Rosalía de Castro, que novos proxectos che gustaría impulsar para achegar a figura de Rosalía ás novas xeracións?
A Casa de Rosalía é moi visitada por escolares e merecen desde logo unha atención especial. Para eles creamos concursos creativos e editamos antoloxías e estamos agora mesmo tamén preparando unha biografía adaptada. Continuaremos desde logo tamén con aqueles proxectos, como a celebración do Día de Rosalía que tanta forza ten no mundo escolar. A nosa proposta do “Caldo de gloria” ten moita aceptación precisamente neste ámbito.

Rosalía aglutina todo o espectro político, económico e social, sendo un punto en común co que todos se identifican. Estás dacordo?
Si. A nosa visión é esa. Detrás da Casa de Rosalía estivo todo ese espectro político e social que nos tempos de Franco conseguiu facela un punto de referencia para Galicia. E hoxe tamén. Sempre digo que Rosalía é a figura que nos une e nos representa no mundo. Pero ademais, e isto é algo moi importante, tamén nos move.

Folleto Caldo de Gloria

Unha exitosa iniciativa da Fundación Rosalía de Castro, O Caldo de Gloria

A percepción de Rosalía de Castro tamén evolucionou nos últimos anos. Redescubrimos a Rosalía precursora do pensamento contemporáneo en temas como o feminismo ou a xustiza social. Cres que este cambio de perspectiva é clave para manter o seu legado vivo nas novas xeracións?
Todo o que se foi redescubrindo non fixo máis que alimentar a contemporaneidade da súa figura e da súa obra. O discurso literario e social e Rosalía non envelleceu, ó contrario: está máis vivo ca nunca. E por iso chega tamén ás novas xeracións como referente alternativo.

Traballo para que esa Galicia Ceibe que tantos soñamos chegue algún día.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar unha enquisa na que se pon de manifesto que o castelán está gañando terreo ao galego. Segundo o IGE só un 24,37% das persoas falan sempre en galego fronte ao 29,66% que falan castelán. Que está pasando? Como revertemos esta situación?
Está pasando algo grave, desde logo. Estamos recuando de xeito que pode tornarse inexorable e é urxente tomar medidas. Especialmente grave é a situación no período escolar. E non digo que esa situación só sexa derivada da escola. Está o parque, a socialización neste período infantil e xuvenil, e están tamén os medios, os programas de televisión…, as pantallas ás que teñen acceso. De tódolos xeitos, os que criamos fillos en contextos adversos, tamén sabemos que estes poden ser casos reversibles se especialmente na familia se mantén a lingua galega, algo parecido a unha inmersión doméstica. En todo caso, esa inmersión creo que é necesaria nalgún tipo de contexto. E para iso cómpre algo máis cá vontade dos pais. O que non podemos é seguir así, desde logo. Cómpre asumir que esta non é a deriva axeitada para a supervivencia da nosa lingua. A solución non é doada nin simple. Pero cómpre buscala tanto no ámbito político coma no social.

Grafico persoas segundo a lingua na que falan habitualmente

Este ano presentouse o anteproxecto da nova lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, no que se fala de flexibilizar os usos lingüísticos, dando paso a outras linguas como o español e o inglés. Cres que esta estratexia compromete o papel da CRTVG como medio de defensa e promoción da identidade e cultura galega?
O papel da CRTVG, desde que foi creada, foi determinante na historia contemporánea do galego. E debería seguir séndoo. Ese era un dos seus principais obxectivos.

No caso do galego hai apoio menos decidido ca nos casos de Euskadi e Cataluña.

Cando falamos das linguas cooficiais de España, como o éuscaro ou o catalán, moitas veces as políticas que se aplican a estas linguas seguen liñas diferentes ás do galego. Existe unha “discriminación” cara ao galego en termos de apoio ou investimento público? 
Cada territorio ten unha lóxica distinta, porque distintas son as súas historias e as súas sociedades actuais. Polo tanto, a situación da lingua e as súas perspectivas tamén son moi distintas. Por iso aquí nunca foi viable a creación de algo similar ás ikastolas vascas ou en Cataluña non serve aquilo de “lingua proletaria do meu pobo”. Probablemente no caso galego haxa nese sentido un apoio menos decidido ca nos casos de Euskadi e Cataluña. Pero despois aínda están o astur-leonés, o catalán de Valencia, Baleares e Aragón, o galego de Asturias, León e Zamora…

Nos últimos tempos escoitáronse casos de discriminación cara a persoas que falan galego ou que teñen acento galego, tanto dentro como fóra de Galicia. Cres que aínda persiste un prexuízo social cara ao galego?
De discriminacións e humillacións xa falaban Sarmiento e Rosalía. De tódolos xeitos creo que cada vez, por sorte, esas mostras van desaparecendo e, en todo caso, eu non percibo xa aquela vergoña do propio idioma que tanto mal nos fixo. Por sorte non, grazas ó esforzo resistente das xeracións que nos precederon e nos mostraron o camiño.

Rosalía coa familia, por Juan Palmeiro e fillos,

Rosalía coa familia, por Juan Palmeiro e fillos, A Matanza, Padrón. 1883-4 (Fundación Rosalía de Castro)

Tendo en conta o papel da revista Irimia na defensa da identidade galega, como valoras a súa contribución á difusión do pensamento galeguista e a súa influencia no activismo social e cultural contemporáneo?
Trátase dun referente. Irimia fixo e fai un traballo xeneroso e eficaz nun ámbito sumamente importante. O galeguismo cristián, ademais, é indispensable para galeguuizar unha igrexa que moitas veces actúa e fala coma se fose estranxeira.

Para rematar, Anxo, cal é o teu soño para a lingua galega nos vindeiros 20 ou 30 anos? Cres que a situación mellorará ou temes que se perda parte desa riqueza que Rosalía tanto defendeu?
O meu soño creo que é o mesmo de moitos outros do meu tempo. Pero tamén é o soño que herdamos. De aí que para min Galicia sexa identidade, pero tamén proxecto. Eu son optimista. Por iso traballo todo o que podo para que esa Galicia Ceibe que tantos soñamos e soñaremos chegue algún día.

Máis información en rosalia.gal