Nunha destas tardes de decembro achegámonos á casa do noso veciño e amigo Fernando Malvar Cortizo para partillar con el a carón do lume. Queriamos coñecer máis de preto a experiencia da Comunidade Enerxética de Buchabade, no concello de Ponte Caldelas. A súa acollida é cálida, a súa conversa, coma sempre, amena, intelixente, franca, cunha palabra de home do pobo comprometido co comunitario. Vinculado dende anos ao movemento ecoloxista, primeiro como membro de Adega, logo como un dos fundadores da Plataforma pola defensa do río Verdugo “A Rente do Chan/Pladever de Ponte Caldelas e nestes últimos meses como presidente da Comunidade Enerxética de Buchabade.
Fer, que é unha comunidade enerxética?
É unha entidade xurídica para xerar, comercializar e compartir enerxías renovábeis. As comunidades enerxéticas naceron en Centroeuropa, aló polo ano 2018, con xente que se uniu para producir enerxía en común e para si. Estaban fóra da lei porque non estaba nada lexislado, pero agora a Unión Europea deu un paso adiante, pedíndolle á cidadanía que produza enerxía porque estamos ante o reto da transición enerxética e facilitou a lexislación necesaria para crealas.
“Prosumidores enerxéticos”: ti produces e consomes, é a idea da soberanía enerxética
Estamos a falar dun concepto moi novo…?
De fondo non é máis ca recoller a nosa tradición de facer cousas en común, unha tradición moi arraigada no rural galego cos nosos montes en man común ou co partillar a xestión das augas. E agora toca xestionar a enerxía, que tampouco é algo novo de todo porque sempre se colleu leña no monte, que é enerxía renovábel. De feito, na Galiza deberían ser as comunidades de montes as que creasen as comunidades enerxéticas, pero xusto esa figura xurídica de noso -que xestiona o 20 % do territorio- non pode ser promotora porque non se considera no Estado español.
Por que vos propoñedes este proxecto en Buchabade?
Confluíron varias circunstancias: a indignación porque queren poñernos dous macroeólicos no noso monte sen o noso permiso e tamén a nosa situación financeira solvente a raíz de facer unha tala no monte. Pero quizais o factor decisivo é que temos moi bo rollo entre a veciñanza e hai moito respecto á directiva, hai confianza nela porque hai catro anos lanzaron un proxecto coa auga e resultou moi ben. A xente comproba que paga a pena facer cousas en unión. Estas foron as circunstancias que propiciaron o nacemento, unido a que nos chegou información sobre as comunidades enerxéticas e iniciamos o proxecto.
Como comezastes? Que pasos destes ata o de agora?
O primeiro, reunirnos coa xente e crear unha comisión promotora para constituír a entidade xurídica. Puxémonos á fronte un grupo de catro persoas para articular o traballo burocrático. Nós creamos unha cooperativa de consumo, baixo o nome de “Comunidade Enerxética de enerxías renovabeis de Buchabade”. Aí axudounos moito Espazo Coop, que o fan de balde. Temos o proxecto de instalar 100 quilovatios de potencia fotovoltaica no tellado da nave dunha hípica que está na zona comunal; iso fornecerá enerxía eléctrica para autoconsumo das casas comuneiras e de dúas pemes.
Veciños de Buchabade despois dunha reunión da comunidade
A veciñanza estase involucrando en todo este proceso?
Si. Nas asembleas comezamos a falar do petróleo que se acaba, da contaminación, a crise… e tamén da transición enerxética. Fixemos moito traballo de informarnos e informar e a xente vaise facendo consciente en directo, non polo telexornal. O motor somos esas catro persoas que estivemos abrindo camiño, buscando información, xestionando, creando documentos. E a xente apoia, consciente de que é necesario. No esencial hai acordo e unanimidade e nós sentímonos arroupados. Encarreiramos todo en positivo, non estamos na pasividade, estamos actuando. Cando iniciamos o proxecto, había 46 comuneiros e ían ás asembleas uns 30, e pasamos a ser 79 comuneiros. O proxecto está moi maduro, todo está en marcha.
Non estamos na pasividade, estamos actuando.
Que buscades con todo este traballo, reducir a factura da luz?
O inmediato é aforrar na factura eléctrica das nosas casas e é un interese lexítimo en por si, pero o que buscamos é apropiarnos da produción eléctrica e da súa distribución, para non estar a expensas dos mercados ou das guerras. E temos miras aínda maiores como xestionar en común a leña do monte ou compartir coche eléctrico… Hai un concepto novo que se empeza a manexar, que é o de “prosumidores enerxéticos”: ti produces e consomes, é a idea da soberanía enerxética. Así que o que buscamos é ser autosuficientes, usar os nosos recursos e ir adaptándonos á transición enerxética. Iso ou o colapso, así que mellor ir preparándonos.
E hai máis comunidades enerxéticas no país?
Si, si, na Galiza hai centos de xermolos e, avanzadas coma nós, haberá unhas dez. E xa están funcionando a de “Tameiga”, en Mos, e a non tardar, a de “Arousa en transición”, que naceu nunha confraría de bateas. Hai unha grande expectación social; nun prazo de cinco anos debería haber moitas no territorio. De feito, xa hai algúns concellos implicados a través da FEGAM: o de Moaña, o das Neves, o de Noia… Máis de vinte concellos teñen algún tipo de iniciativa. Está habendo foros na Universidade de Vigo, é un momento interesante e agora estamos na fase de crear unha asociación de Comunidades Enerxéticas na Galiza.
Contades con asesoramento ou co apoio das institucións?
O desamparo por parte das administracións é total. A Xunta non se pronuncia, non hai unha ventá única para non ter que petar en diferentes instancias administrativas. E o asesoramento técnico temos que pagalo nós, aínda que ás veces contamos coa boa vontade dos técnicos. As axudas son moi complexas e varían en cada concello. Hai unha liña do INEGA dende a Xunta e outra do IDAE, sempre con Fondos Europeos. Nós pedímolas e as do IGAE van ser do 40 %.
© (Ilustracirón: Álex Rozados – NÓS Diario)
Que axuda a dar os primeiros pasos?
O primeiro é ter xente coa que falar, afeita a partillar ideas e traballos, a xestionar as cousas da comunidade, os cartos… É importante contar cunha comisión promotora para constituír a entidade xurídica, que pode ser unha asociación, unha cooperativa ou unha fundación, un grupo vinculado a un territorio. Cómpre informarse sobre a normativa estatal, sobre os custos e a parte técnica da instalación, definir ben o proxecto. Unha comunidade de montes é un punto de partida fantástico para constituír unha comunidade enerxética. Agora ben, pode nacer en calquera lugar, tanto en zonas rurais coma urbanas.
Estou a traballar polo “si”, estamos creando o “si” que queremos.
Comunidades enerxéticas tamén nas cidades?
Si, as xestionadas na Galiza están vencelladas ao rural porque entroncan co noso espírito comunitario, pero poden crearse na cidade. Hai experiencias na Palma ou en Alicante. En Valencia, por exemplo, xa están funcionando 37. A veciñanza dun barrio pode unirse e poñer unha instalación fotovoltaica nun pavillón que preste o concello, por exemplo. Ou tamén nun edificio: na cidade a dificultade é conseguir onde poñer paneis ou un pequeno eólico, pero resulta doado poñer unha caldeira de biomasa para o edificio e a avantaxe é que a xente xa está agrupada. A enerxía solar é unha solución moi práctica e rendíbel, aínda que o ideal sería diversificar.
Para ti como está sendo participar en promover esta experiencia?
Eu son activista dende ben novo, tocoume protestar e estar moitos anos no “non” e agora teño ganas de estar no “si”, gústame crear e neste proxecto estou a traballar polo “si”, estamos creando o “si” que queremos.
Podes darnos algún correo electrónico, por se alguén quere poñerse en contacto con vós?
Si, claro, comunidadeenerxeticabuchabade@gmail.com
Graciñas, Fer. Sempre é un pracer escoitarte…