Montse Rivera

O labor de moitas persoas que valoran a cultura que herdaron e que se implican para darlle continuidade consegue que haxa momentos precisos nos que a sociedade recoñece esa riqueza e a incorpora á súa experiencia vital, facéndoa parte dos seus saberes e praceres. Este é o caso das pandeireteiras. Pódenolo explicar ben Montse Rivera, do grupo Leilía.

Es fundadora e formas parte de Leilía, nada menos. En que proxecto andades agora?
Pois estamos co espectáculo “Vidas cantadas”, dando un aire novo ao noso repertorio de máis de 30 anos.

Escoitar a xente maior que aprenderan de xeito tradicional, uns dos outros, foi unha inmensa aprendizaxe

Fálanos do comezo da túa traxectoria como pandeireteira?
Dende pequena gustábame moito bailar. Apunteime a clases de baile tradicional na escola que tiña a Agrupación Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela. Con só 15 anos empecei a impartir clases aos que se iniciaban no baile. Entón deime conta de que saber tocar a pandeireta me facilitaría dar as clases. Dá dinamismo. Así foi como aos dezaseis anos empecei a tocar a pandeireta, cousa que me custou bastante. Formei parte, como pandereteira, do grupo de baile oficial, aínda que me seguía gustando máis o de bailar.

Tamén tes algo que ver co Grupo de baile e música tradicional Tahúme…
Naqueles anos mozos, por iniciativa do director de Cantigas e Agarimos, empezamos a facer recollida de cantigas e música tradicional polas aldeas, tamén no Barbanza. Coñeciamos xente preto de Olveira que se interesaba pola música tradicional. Ofrecémonos para dar clases e tivemos moi boa resposta e no 1987 constituímos a Asociación de baile e música tradicional Tahúme. Entre os alumnos que chegaron, tiven a sorte de poder darlle clase a Fran Sieira. Chamoume a atención as boas cualidades que tiña para o baile. Daquela pensaba que se tivese a oportunidade de completar a formación con outro tipo de danza, podería facer cousas importantes. E ben que as fixo…

grupo Leilía

Como e cando xorde Leilía?
Entre o labor de recollida de material polas parroquias e as clases en Tahúme, vai xermolando este outro grupo, Leilía. Escoitar tocar e cantar a xente maior que aprendera de xeito tradicional, uns dos outros, incorporando ese saber na súa bagaxe vital, foi para nós unha inmensa escola de aprendizaxe. Nós transmitímosllela aos alumnos, pero sentiamos a necesidade de amosar esta riqueza a máis xente. Así, no 1989 Leilía actúa con nome e repertorio propio. A primeira vez que subimos a un escenario dentro do marco dun festival folk importante, concretamente no festival Cidade Vella en Santiago, a xente comentaba: “Aí van outras de gaiteiros”. Cando baixamos, a praza fervía, mesmo había xente chorando e dando as grazas. Alguén nos dixo: “Por fin entendo a miña avoa cando dicía que tocaba a lata”.

a visibilidade das Tanxugueiras axudou a dar un empurrón a todo o tecido de pequenas escolas

Que nos dis do fenómeno Tanxugueiras?
É algo moi positivo porque dá a coñecer esta música a xente que nunca se achegaría a ela. A utilización de elementos da música moderna amplía o abano de persoas que se poden interesar por estas manifestacións musicais. As tres rapazas formáronse en grupos de base. Aida en Tahúme e Olaia e Sabela no da Asociación Cultural A Mámoa de Luou. Coma elas, moitos músicos do ámbito folk pasaron por grupos similares. As Tanxugueiras apostaron pola profesionalización. Non todos os grupos están dispostos a facelo. No caso de Leilía, estamos na semiprofesionalidade, pois non todas as compoñentes tiñan dispoñibilidade para dedicarse só á música. Indubidablemente a visibilidade das Tanxugueiras axudou a dar un empurrón interesante a todo o tecido de agrupacións e escolas que transmiten de xeración en xeración o patrimonio da música tradicional. Fai falla que o recoñecemento que houbo a nivel popular sexa arroupado por un maior apoio económico dende as institucións responsables de promover a cultura.

Quen si recoñece e inviste nesta cultura son moitas familias. Direiche que ti fuches profesora de pandeireta de María, que agora é unha nai que aprende a tocar e cantar á súa filla de 5 anos na mesma escola. Despedímonos coa súa testemuña. Queres escoitala?
Por suposto. É a mellor maneira de sentirme recompensada e de ver o valor das nosas “vidas cantadas”.

María Ayaso

Aprendemos tantas cousas…

María Ayaso 

Fun a clases de pandeireta a Tahúme. Empecei con 5 anos e estiven ata os 13. Tamén aprendín baile. Foi unha experiencia moi enriquecedora. O que máis me gustaba era ir todos xuntos aos concursos e actuar nas festas. Fomos a Luar dúas veces…. Toda a parroquia a mirar a televisión! As familias participaban ao completo. Tamén viaxaramos a Málaga. Tiña 11 anos e foi unha grande aventura e moi emocionante, coma cando gañamos un segundo premio nun concurso en Arteixo. Tamén recordo de actuar con Cantigas e Agarimos en Santiago e no Teatro Colón da Coruña. Nestas saídas coñeciamos lugares e persoas doutras asociacións e aprendiamos moitas cousas. A miña primeira profe de baile foi Montse e cando deixei o grupo foron os anos nos que deron clases Aida Tarrío e Fran Sieira. A min sempre me gustou a música tradicional e quería que os meus fillos tamén aprendesen pandeireta, baile ou gaita. No pasado mes, despois do éxito das Tanxugueiras, chegaron a 12 incorporacións. A min aínda me quedan ganas de aprender gaita. A ver se para o ano dispoño de tempo para gozar destas actividades que nos reportan moitos beneficios persoais e sociais.