Cóntanos de quen ves sendo, así, en catro palabras…
Pois son Bea a de Estrella, porque Estrella era a miña nai. Nestas situacións gústame moito traer o recordo das Memorias dun neno labrego e lembrar a Neira Vilas, xa que eu son Bea, unha rapaza da aldea. Nacín en Vilaboa, Culleredo; os meus pais marcharan da aldea, de Xanceda (Mesía), a procurar pola Coruña un lugar onde traballaren e onde coidaren das súas fillas e fillos. Foron dos que emigraron, non moi lonxe, certamente, pero que si tiveron que marchar da aldea.
As redes, a tradición, a terra, foron tirando de min en proxectos ben diversos e intensos
Como fuches chegando a estar onde estás e a facer o que fas?
A vida está chea de camiños nos que atopas moitas compañeiras e compañeiros cos que compartir amizade e vida. Eu son unha persoa moi inqueda, chea de ilusións e proxectos. Da man de Rubén Aramburu estiven en Urca, un encontro onde expresarse coa fe e a arte dun xeito moi especial. Coñecía Irimia e as romaxes….e, casualmente, meu tío Xosé de Mosqueira vivía moi cerquiña dun tal Mero… e as redes, a tradición, a terra, foron tirando de min en proxectos ben diversos e intensos. Despois de estar un tempo afastada, Josecho de la Torre chamoume a unha Festa do Lume e aí puiden compartir o proxecto “Mar de Fóra”, o meu primeiro CD, e a miña carreira de cantautora. A inxustiza de Angrois fixo que, como a tantas galegas, se nos revolvera o corpo e de aí xurdiu a idea de poñer en orde tantas cancións que estaban agochadas e compartilas. Agora traballo no segundo disco.
En que estás enredada agora. Andas a voltas con algún proxecto musical? Como é iso de ser concelleira do BNG en Culleredo?
Como vos dicía, traballo no segundo disco a nivel individual, teño un estudio de gravación no barrio da Agra do Orzán e alí trato de darlle vida a proxectos de persoas que, coma min, queren ter unha oportunidade na música. Levo o son directo onde me chaman e laboralmente traballo no Consello da Cultura Galega, restaurando gravacións de audio como as de Otero Pedrayo, Castelao… E por se quedaba tempo… a vida das veciñas e os veciños sempre me interesou, comprometerme socialmente e dar un paso sempre cara adiante, ser consecuente non só coa idea senón actuando e aí estou no concello de Culleredo, na oposición e traballando polas veciñas e veciños deste concello.
A min levábanme as manis porque era pequena e así non nos daban paus
Será que andas tras o ronsel de Moncho Valcarce? Que memoria queda del entre os veciños e veciñas de Culleredo?
Lembro o meu primeiro concerto, foi na sala do Carricho en Vilaboa, alí da man de Moncho cantaba un grupo, un tal “Fuxan os Ventos”. Foi a primeira vez que vin a nosa bandeira, e foi o preludio da mobilización polo das Encrobas, buses ao centro e unha asociación de veciñas e veciños que loitaban porque a AP9 ao paso de Vilaboa, non arramplara con todo.
A min levábanme ás manis porque era pequena e así non nos daban paus… Lembro daquela a Ana Pallarés, e a Moncho. Dicir Moncho Valcarce é dicir cultura, é dicir país, é dicir compromiso.
De Moncho queda memoria, sobre todo na parte máis rural e na xente maior e de mediana idade. O problema é que se están a perder os valores e referentes. Precisamos poñen en valor as persoas que nos abriron camiños de liberdade e xustiza neste país. Faise necesario cada vez máis construír un ideario colectivo de quen fixo país, coma Moncho, que foi todo un referente en Culleredo.
Que che dá como persoa facer o que fas?
Dáme a vida e dáme a ialma. Non podería ser nada sen ser o que son e como son. E vexo o meu futuro e os meus soños tecidos con cada persoa que vai ao meu carón, así, camiñando xuntos e xuntas, camiñando en rede.