Brazolinda é un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego, pensados para o xogo conxunto de grandes e pequenos e para axudar a desenvolver a capacidade de observación, comunicación, razoamento… . Interesou moito a súa recente presentación nos XXIII Encontros de Normalización Lingüística no Consello da Cultura Galega, que tiveron por título “Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega”. Conversamos con Irimia Fernández Álvarez, creadora desta aventura, quen non se chama Irimia por casualidade.
Pois si. De feito estivo sempre presente na miña infancia, pois antes incluso de que soubese ler xa a recibía na casa. Eu estaba afeita a que ninguén entendese o meu nome á primeira, tiña que repetir como me chamaba un mundo de veces e, normalmente, ninguén se lembraba do meu nome. Por iso podedes imaxinar o que supoñía para min recibir na casa aquela revista que se chamaba coma min e que, ademais, chegaba á casa ao meu nome. Sendo tan pequena era o único correo que recibía e, para min, era un tesouro que gardei con moito cariño; as azuis, as negras, as que viñan con plástico, as que viñan con papel, as que chegaban estiradas, a que viñan dobradas…
As familias galegofalantes teñen dereito a ter material ao seu alcance para “criar en galego”
Por outra banda, sempre lle tiven un cariño inmenso a Pepe Chao. El foi quen me bautizou no Pedregal de Irimia, coas primeiras augas do Pai Miño, e seguiu estando sempre presente na miña vida. De feito moitas veces, sendo eu adolescente, cruzabámonos pola rúa indo eu cos meus amigos e Chao sempre lles dicía: “Ela é a miña filla”. Os meus amigos non comprendían aquilo, pois coñecían ao meu pai, pero a min emocionábame escoitarllo dicir porque facía ver que o cariño era mutuo.
Fálanos do inicio desta iniciativa que chamades Brazolinda
A min sempre me gustou moito xogar a xogos de mesa e é unha paixón que comparto co meu irmán maior, Brais. Xogabamos moito de nenos e seguimos a facelo a día de hoxe. Por iso, cando naceron os meus tres fillos quixen introducilos nese mundo, que educativamente me parece magnífico, pero non atopei no mercado xogos que me gustasen para eles. E como tiña moitas ideas e sabía que e como quería que aprendesen, animeime a crealos eu.
Ao principio eran xogos aos que xogabamos nós na casa, pero pasado o tempo vimos que igual podían ser interesantes para outras persoas e sacámolos ao público. Dende o primeiro momento que saíron á rúa a reacción de familias, profesorado, terapeutas, residencias da terceira idade… foi espectacular e iso animoume a seguir creando.
Ademais, eu teño moita curiosidade por un mundo de temas e intento plasmar iso nos xogos. En Brazolinda hai xogos de matemáticas, de léxico, de expresión oral, de mitoloxía, de habilidade… e están pensados para que xoguen xuntos grandes e pequenos, creando así un vínculo na familia moi fermoso e necesario.
Teño un departamento de calidade de excepción: os meus fillos, sobriños, irmáns, pais, a miña parella…
Por que xogos e en galego?
Os xogos están en galego porque ese é o meu idioma e nunca se me ocorreu facelos noutro que non fose o meu. Hai xente que me di que se os fixese en castelán chegaría máis lonxe, pero creo que non é cuestión de chegar máis lonxe senón de chegar a onde realmente fai falta. As familias galegofalantes teñen dereito a ter material en galego ao seu alcance, e axudar a criar no seu idioma é algo do que me sinto moi orgullosa. Ademais, se a través do xogo logramos que os castelanfalantes tamén practiquen o galego teremos parte do camiño andado.
Que metas te propós?
Eu non me propoño ningunha meta. Será porque estou afeita a traballar tranquila e ao meu ritmo, dende a sombra, a lume lento e sen grandes pretensións. A miña ilusión é seguir creando e que os xogos que faga sigan gustando. Teño moitas ideas na cabeza, pero crear un xogo leva moito tempo, meses ou anos incluso. Cada pouco tempo saco xogos novos e, pasiño a pasiño, vou dando a coñecer o proxecto. E aínda que a difusión sexa lenta si que é certo que o entusiasmo co que a xente acolle estes xogos é tan grande que anima a seguir adiante.
Os principios son importantes. Quen che axudou? Cales foron as principais dificultades?
Despois de ter uns cantos xogos creados na casa para xogar en familia, a primeira vez que saíron á luz foi nun mercado de artesanía que se celebraba no outono nun centro comercial diante da miña casa. Non tiña experiencia ningunha e, por non ter, non tiña nin nome.
En Brazolinda hai xogos de expresión, de mitoloxía, de matemática, de habilidade… para xogaren xuntos grandes e pequenos
Aquela feira facíase un sábado cada mes e o primeiro sábado non vendín nada. Eu vía que a xente reaccionaba ben ao ver os xogos, pero non os mercaban. Entón deime conta de que o problema non estaba nos xogos senón na maneira de amosalos e pedín permiso para poñer unhas mesas de xogo ao carón da mesa de venda o seguinte sábado. Eses mesas foron a clave, pois a xente podía probar os xogos, gozar en familia e, con esa experiencia, mercaban os xogos. Esas mesas de xogo continúan comigo a día de hoxe.
Ademais, teño un departamento de calidade de excepción que me aconsella e me axuda, formado polos meus fillos, sobriños, irmáns, pais, a miña parella… Sen eles isto non sería posible.
Como son as relacións coa educación escolar? E coa educación nos tempos libres, ludotecas…?
A miña relación cos centros educativos é excelente, porque ao igual que as familias agradecen ese tempo que pasan xogando xuntas, o profesorado precisa material didáctico máis alá dos libros de texto. Xogos en galego que, ademais, tratan tantos temas e que poden empregar nas clases de galego, de matemáticas, con alumnos con dificultades de aprendizaxe… Téñenos tanto nas aulas como nas bibliotecas dos centros en infantil, primaria e secundaria e tamén en centros de maiores, de psicoloxía, ludotecas…
Pois xa podes estar ben satisfeita dos logros conseguidos…
Eu síntome moi orgullosa do traballo feito e penso que fun quen de transmitirlle ao público o cariño co que deseño os xogos. Esa zona de xogo da que falaba antes é para min fundamental porque entro en contacto coa xente, vexo como xogan, cóntanme o que senten xogando… E ese trato é tan bonito que penso que imos polo camiño correcto.
Evidentemente non todo é tan bonito cando deixamos os xogos a un lado e pensamos na falta de axudas aos pequenos emprendedores, nos moitos gastos que se teñen e que penso que ás veces son inxustificados e todas esas cousas.
Pero eu intento tirar cara adiante e niso o boca a boca é moi importante.
Como encaras o futuro?
Seguir creando xogos e apostando por unha educación baseada no xogo. Nas mesas de xogo creamos o hábito do xogo nas familia, facendo que máis meniños e meniñas medren curiosos, espertos, coa mente activa.
Para terminar?
Só quero agradecer a difusión que se fai do proxecto Brazolinda por parte de xente coma vós, pois eu soa non podo chegar a todos os recantos deste país. Grazas!!!
Sitio Web: www.brazolinda.com
Correo: brazolinda@brazolinda.com
Teléfono: 647 853 361