Carmen Dourado é nai de cinco fillos/as biolóxicos e dous de acollida. Na súa casa non hai tempo para o aburrimento. Esta traballadora social embarcouse, xunto con outras familias, en crear a Asociación de Familias Acolledoras Acougo (www.acougo.gal).
Aproveitamos un oco na súa movida vida para falar con ela.
Ola, Carmen. Como chegaches a ser nai acolledora?
Ola. No meu traballo de hai uns anos, busquei información do que era o acollemento familiar cando fixen o acompañamento a unha muller que quería dar o seu fillo en adopción. Preocupábame o que lle podía acontecer a ese cativo, intereseime por saber que pasaría con el antes de chegar á que sería a súa nova familia.
Para os lectores/as que non o saiban, que é unha familia de acollida? É o mesmo ca unha de adopción?
O acollemento familiar, ao igual ca a adopción, é unha medida de protección de menores. As grandes diferenzas son o vínculo que os nenos e nenas manteñen coa familia de orixe e a posibilidade de retorno con ela, fronte a unha ruptura coas súas raíces, no que perden tanto os apelidos como, habitualmente, toda relación coa súa vida anterior.
Para cada crianza hai unha medida máis adecuada á súa realidade e o ideal é que sempre se vexa o ben superior da infancia.
Por que consideraches necesario crear unha asociación como Acougo?
Por moitas razóns, entre elas está a de dar apoio ás familias acolledoras ante as situacións que poden dar lugar ás dificultades que derivan dos acollementos. Outra das razóns fundamentais é para dar a coñecer esta medida tan necesaria coma importante na sociedade galega, sobre todo coa intención de que haxa máis familias acolledoras, xa que hai centos e centos de crianzas en centros de menores, sen o seu dereito fundamental de ter unha familia.
Cales son os seus obxectivos (as súas funcións)?
Cando unha rapaza, un rapaz, ou grupo de irmáns son retirados das súas familias por distintas circunstancias que se poden dar (privación de liberdade, enfermidades mentais, adicións ou neglixencias graves como malos tratos por parte dos proxenitores…), é a Administración a que se ten que facer cargo delas e proporcionarlles todo o necesario para que medren nun contorno adecuado o tempo que teñan que ser privados da convivencia cos seus proxenitores.
Coincidiremos se pensamos que o mellor contorno para eles e elas é, sen ningunha dúbida, unha familia; unha persoa ou persoas que asuman ese coidado e agarimo que precisan desde a calor dun fogar. O tempo que sexa, o que faga falta…
Para cada crianza hai unha medida adecuada á súa realidade e o ideal é sempre o ben superior da infancia
Para iso a sociedade galega ten que coñecer que isto está a pasar. Que miles de crianzas e adolescentes pasan moitos meses, incluso anos, institucionalizados en centros, moitos deles toda a súa infancia e adolescencia, sen coñecer o amor e coidado dunha familia, con todo o que isto leva consigo.
Principalmente, dar aos rapaces e rapazas que se atopan dentro do sistema de protección unha oportunidade e que a sociedade se comprometa, na medida do posible, a actuar e darlle visibilidade á realidade é unha prioridade.
A canta xente chega Acougo?
Cada vez somos máis as persoas asociadas e simpatizantes, aínda que a nosa traxectoria é curta e queda moito por facer, moitas portas ás que chamar; a difusión e a formación son moi necesarias!
Que che aporta persoalmente este labor (tanto a asociación como a acollida)?
Penso que abrir a nosa casa, a nosa familia e a nosa mente fainos madurar e medrar como persoas. É gracioso cando pensas que es ti a que está tratando de botar unha man e resulta que é todo o contrario; veste beneficiada polo que aporta esta medida e estas crianzas ás nosas vidas como familia, todo ten un sentido incrible.
A nivel profesional tocaba elixir a que quería dedicarme nunha nova etapa laboral e a verdade é que non atopaba un proxecto profesional mellor ca este!! Non podo estar máis agradecida.
Cal é o teu labor en Acougo?
O meu labor neste intre é de dirección e coordinación da entidade, ademais de exercer nela como traballadora social.
Como é un día na vida familiar de Carmen?
Ante todo, son intensos. Levantámonos cedo, ás 6:45 h; Miguel e mais eu imos a Salomé á Misa a diario ás 7.30 h da mañá. Para nós é fundamental dar este lugar prioritario ao realmente importante. Despois facemos quendas para preparar os almorzos e as crianzas e levalas ao cole. Procuramos algúns días á semana estar os dous nese momento. Eu marcho para a oficina cedo e Miguel traballa a maior parte dos días desde a casa. Ao mediodía comemos coas nosas fillas maiores na casa e de seguido van chegando os pequenos da escola. Pola tarde volvémonos organizar para as actividades, os deberes e o lecer da rapazada e ao mesmo tempo facemos as tarefas do traballo que non puidemos rematar pola mañá. Ultimamente máis ca de costume. Temos que distribuír tarefas a meirande parte dos días, nas que todos os membros da familia temos que participar…; se non, sería moi complicado. De feito, moitos días son así…, complicados. Pero nós estamos encantados. Non entendemos a vida doutro xeito.
Supoño que como a maioría das familias que coñecemos, non si?
Só hai 258 familias acolledoras en Galicia e hai máis de 1 300 crianzas en centros
Cales son os proxectos a curto prazo de Acougo?
Lévase traballando máis de 30 anos neste programa de acollemento familiar. Os resultados amosan que só hai 258 familias acolledoras en Galicia e hai máis de 1 300 crianzas en centros. O pobo galego destaca por ser extraordinariamente solidario e preguntámonos neste caso o que pode estar saíndo mal. Unha das conclusións á que chegamos é que a difusión feita ata agora non está dando bos resultados, ademais de que a formación e o acompañamento para estas persoas que se preocupan por esta medida tampouco era suficiente. Un aspecto que hai que destacar é o rexeitamento que hai ante o sufrimento dunha posible despedida a unha persoa á que se lle pode coller moito “cariño”.
Como ves o futuro de Acougo?
Véxoo moi esperanzador, con moitas posibilidades e con moito traballo e esforzo por parte das persoas implicadas na asociación.
Penso que pode ser un referente galego en materia de acollemento familiar en Galicia e tamén dentro do sistema de protección de menores.