“Hai un imaxinario colectivo da realidade trans totalmente falso”
Chámome Cristina Palacios, nacín en Barcelona, vivo en Outeiro de Rei, casada e nai dunha rapaza de 14 anos e dun rapaz de 12. Son Diplomada en Traballo social e traballo como docente. Socia fundadora e presidenta de ARELAS, asociación de familias de menores trans de Galiza dende 2015.
Neste momento que está sobre a mesa e a debate a “Lei trans” conversamos con Cristina Palacios, muller de corazón grande e xeneroso, e “activista activa”, como ela mesma se define. Este é un “Ferrados” de “mover os marcos” en positivo facendo da “leira particular” unha loita colectiva.
Como empeza toda esta andadura, Cristina?
En agosto de 2014 a miña filla de tan só 8 anos, decide dar o paso de amosarse e vivirse públicamente como a nena que sempre soubo que era, pero que se agochaba na nosa casa. Este tránsito social implica que teñamos que loitar moito o feito de ser recoñecida como Sara no seu colexio e que sexa tratada coma calquera outra nena. Tamén temos que iniciar unha loita para que sexa recoñecida a súa identidade no Rexistro Civil de Lugo e así poder mudar toda a súa documentación co seu novo nome sentido. Todas estas loitas que temos que facer en solitario fanme entender que se quero que a miña filla teña os mesmos dereitos que o meu fillo, é necesario buscar outras familias (que nese momento non existían publicamente) e comezar unha loita colectiva polos dereitos das crianzas e adolescentes trans en Galiza. A extratexia que emprego para atopar outras familias é sair nos medios para denunciar as nosas loitas persoais querendo, ademais, abrir un debate sobre un tema que se mantiña totalmente oculto: a existencia da transexualidade infanto-xuvenil.
No campo da transexualidade infanto-xuvenil está todo por facer
Supoñemos que nunha realidade que se está empezando a visualizarse non che faltará que facer, en que consiste o teu traballo?
Basicamente son unha activista moi activa que fai de todo. Dende atender o teléfono para tranquilizar, acompañar, informar ou asesorar familias e menores trans sen apoio familiar, dar formación sobre diversidade sexual e contra a LGTBIfobia a alumnado e profesionais de diferentes eidos, ata reunirme coas administracións para reclamar dereitos trans. Ser presidenta de ARELAS implica selo todos os días as 24 horas porque sempre estou pensando ou argallando para facer alguna actividade ou acción de sensibilización e visibilidade. Desgraciadamente, no campo da transexualidade infanto-xuvenil está todo por facer e falamos de menores polo que o tempo sempre vai contra reloxo.
E como persoa que che achega esta loita?
Dende hai máis de 5 anos, teño unha vida moi intensa, que non me permite ter tempo para min pero que ao mesmo tempo resulta moi interesante. E aínda que hai momentos moi duros, coma cando escoito relatos de menores trans que son menosprezadxs e rexeitadxs polas súas familias, ou cando vexo os ataques inhumamos das TERF (Feminista Radical Trans-Excluínte) cara á miña filla ou compas trans, o certo é que neste camiño teño pasado momentos impagables e difíciles de esquecer. Ser nai de Sara e presidenta de ARELAS, tenme permitido coñecer e traballar con persoas moi lindas e xenerosas que dende o primeiro momento quixeron sumarse á nosa loita. Que falan da miña filla como se fose unha familiar pola que se preocupan. Iso é algo que non o esquecerei. Tamén teño atopado moitas familias que cada unha, á súa maneira, axudaron moito a acadar os logros destes últimos anos. Aínda que teño que dicir que o que máis felicidade me achega é ter compartido tantos momentos con tanta rapazada da que tanto teño aprendido.
Nestes anos de traballo, que avances levades logrado?
Nestes máis de cinco anos producíronse moitos logros que marcaron e marcarán a historia de Galiza, como o cambio de nome da miña filla sendo a primeira de Galiza, a aprobación do Protocolo Educativo para garantir a Igualdade e non discriminación por Identidade de Xénero, o primeiro cambio de nome e sexo dun rapaz de Coruña, a conxelación dos ovocitos dun rapaz trans a través do SERGAS, poñer en marcha a primeira exposición itinerante sobre persoas trans e ser finalistas nos premios Mestre Mateo cun documental sobre transexualidade, etc. Tamén impulsamos xunto a outrxs activistas e entidades LGTBI+ galegas, unha lei galega de identidade de xénero, que aínda que non saíu adiante polo voto en contra do PP, logrou que por primeira vez se debatese sobre a necesidade de recoñecer dereitos humanos das persoas trans en Galiza.
Supoñemos que non será un camiño doado, que vos teredes que enfrontar a moitas resistencias…
O maior atranco ao que temos que facer fronte é o enorme descoñecemento sobre a realidade trans infanto-xuvenil tanto por parte dxs profesionais cxs que as nosas crianzas se teñen que relacionar, como a sociedade en xeral. Hai un imaxinario colectivo da realidade trans totalmente falso, cunha gran carga de ideoloxía e totalmente transfóbico. E o problema non é só o descoñecemento, senón que hai persoas que ademais de non saber non queren escoitar a realidade que desmontaría os seus prexuízos.
Como ves esta loita en relación co futuro?
No que máis me estou a centrar agora é en achegar o meu gran de area para poder sacar adiante unha lei trans estatal que garante o recoñecemento de dereitos humanos das persoas trans, a despatoloxización e a autodeterminación das intentidades trans, o que suporía, que dunha vez por todas as persoas trans puidesen vivirse libremente, que fosen recoñecidxs como ciudadáns de primeira. Non se pode tolerar que nun país que se recoñece democrático, exista unha parte da súa sociedade que cada día ten que loitar por dereitos que ao resto de persoas se lles recoñece polo feito de nacer. Falo de persoas que cando manifestan a súa identidade son cuestionadas e negadas polas propias familias, persoas que cando se visibilizan (sobretodo as nenas/mulleres trans) son tremendamente acosadas e violentadas por incumprir as normas de xénero. Persoas que para poder existir social e legalmente teñen que pasar por diagnósticos, controis e tutelaxes de profesionais da saúde mental e medicina. Que sofren taxas de desemprego de ata o 90% en moitos casos, obrigadas a mal vivir na precariedade laboral e social. E agora, ademais, sendo atacadas por unha minoría feminista que as trata como ficcións de home/muller ou como froito dunha teoría. Acaso as nosas crianzas saben algo de teorías? Evidentemente non. Só saben de loitar cada día contra o cuestionamento, o rexeitamento e as violencias dxs policías de xénero que se negan a aceptar que alguén que ten pene non sexa neno ou que alguén que teña vulva non sexa nena. Sen esquecer as persoas Non Binarias, aínda moito máis incomprendidas e cuestionadas socialmente. Oxalá poida saír adiante esta lei que xa está en marcha en comunidades autónomas de España e noutros países, levando certa tranquilidade e felicidade as persoas trans.