
O pasado outubro, a parroquia do Cristo da Vitoria de Coia (Vigo) cumpriu 50 anos da presenza dos seus responsables dominicos. E andan aínda coas celebracións. Naquel ano 72 albiscábase o final da ditadura, importantes loitas obreiras eran duramente reprimidas e nacía aquel barrio de familias traballadoras. A parroquia nace cun estilo novo porque aquela realidade así o demandaba. Viñeron despois anos de creatividades, proxectos, presenzas e estilos renovados. Coia foi referencia en Irimia de parroquia urbana renovada, unha comunidade de comunidades fecundadora de iniciativas que melloraban a vida do barrio e daban sentido e esperanza vital a quen se involucraba en todo aquel dinamismo. Conversamos con Juan Antonio Terrón, párroco.
A parroquia ten unha historia ben fecunda, dá a impresión de que había un bo proxecto e que ese proxecto se levou a cabo. Miremos para estes 50 anos. Falemos das cousas boas. Que aspectos serían os máis salientables e definitorios dese pasado?
A historia da nosa parroquia está estreitamente vinculada co momento e o lugar nos que naceu: un barrio obreiro en construción, en tempos de efervescencia social e de aires de renovación eclesiástica. De aí brota o que creo que foi o noso maior sinal de identidade: o empeño por construír comunidade cristiá á vez que se construía comunidade humana. Pensar a parroquia como unha estrutura de pequenas comunidades que tecían a armazón da gran comunidade. Tratábase e trátase de xerar un espazo de acollida no que calquera puidese atopar o seu lugar.
nacemos nun barrio obreiro en construción, en tempos de efervescencia social e de renovación eclesiástica
De aí xorde tamén o compromiso social como camiño de mellora das condicións de vida da nosa contorna. Sempre entendemos a necesidade da denuncia profética como un motor para a transformación. Neste sentido, ademais, creo que fixemos unha achega relevante en canto á necesidade e conveniencia da tarefa conxunta con sectores e movementos tradicionalmente afastados da Igrexa.
Fixémolo con perseveranza, desde esa actitude que nalgúns ámbitos se chamou unha “mística da militancia”. E iso conduciunos, ademais, a un modelo de celebración que pon no centro a nosa vida e as experiencias como pobo. Nas súas expresións e símbolos…, tamén na súa lingua.
Seguro que tamén houbo cousas mellorables…
Mirando cara a atrás, penso que a nosa obsesión por construír tecido comunitario, por fortalecer o colectivo, puido nalgúns momentos restarlle atención ao acompañamento máis persoal. Cremos que os procesos de maduración cristiá fanse xunto a outras persoas, pero é evidente que tamén requiren dunha construción interior que non pode desatenderse.
Cando se ten unha estrutura sólida, asentada, e dalgunha maneira e éxito, tamén se fai máis difícil a flexibilidade para asumir e incorporar os cambios que a realidade vai demandando. Sempre vivimos na tentación de manternos nos modelos de actuación que se mostraron eficaces no pasado e que seica xa non o son tanto.
Pola mesma razón, quizais fomos nalgún tempo demasiado autorreferenciais e faltounos contraste e proximidade con outros espazos de Igrexa. Afortunadamente, nos últimos tempos algo diso puidemos ir reconstruíndo.

Aqueles tempos de posconcilio eran moi distintos aos actuais en moitos aspectos. Despois do posconcilio veu ou pos-posconcilio, un temporal involucionista e, en moitos sitios, as renovacións parroquiais foron frustradas. Tamén a sociedade evolucionou en termos de pluralismo e secularidade. A imaxe actual da Igrexa non está non seu mellor momento. Estas cousas aféctanvos? Ou afecta máis a “disolución do comunitario” na vida da xente?
Desde logo, non somos alleos ás consecuencias do clima social e eclesiástico no que vivimos. A realidade transformouse enormemente e foi deixando pegada no noso facer. En calquera caso, creo que as conviccións fundamentais que alentaron a nosa historia seguen sendo relevantes hoxe.
Nun mundo marcado polo individualismo autocomplacente, a oferta comunitaria mantense, ao noso criterio, como a mellor alternativa para construír unha humanidade renovada desde os valores do Evanxeo.
a maduración cristiá tamén require dunha construción interior que non pode desatenderse
Nunha realidade tinguida de desigualdade, nunha “cultura do descarte”, como a define Francisco, o compromiso cos sectores máis vulnerables debe seguir no centro da preocupación dunha comunidade cristiá.
Nun momento de compromisos débiles, recuperar a militancia como camiño de vida faise tamén urxente.
Cales serían logo os desafíos do presente?
Primeiro de nada, volvernos facer conscientes de que a oferta evanxélica é sempre dalgún modo “contracultural”, que precisa dun empeño constante. Son os momentos “críticos” os que afianzaron historicamente a Igrexa, nos que se mostrou a súa mellor verdade. Os tempos cómodos instálannos na rutina e a irrelevancia.
Debemos escoitar o presente e sermos honestos coa realidade. É importante non facer diagnósticos desesperanzados e simplistas, nos que se mostre a unha Igrexa inxustamente desprazada por un mundo hostil. Toda historia, tamén a nosa, é historia de salvación e é no momento presente e non noutro no que debemos facer valer a proposta evanxélica.
Temos que renovar o esforzo conciliar por facernos solidarios do xénero humano e a súa historia, compartindo os gozos e as esperanzas, as tristezas e as angustias da xente do noso tempo. Se a nosa mirada á realidade non é adecuada, tampouco o serán as nosas respostas.

O estilo, a teoloxía, os acentos e prioridades da vosa parroquia seica provocaron que nalgún sínodo diocesano se dixese de vós que “cheirabades a teoloxía da liberación”. Houbo que sortear presións e ataques de diversa procedencia?
Sería sinxelo caer na tentación de construír un relato épico de resistencia, pero a realidade foi máis sosegada. É certo que os nosos modos de facer no pastoral, no litúrxico, na nosa presenza pública, contrastou sempre con outras maneiras de entender na nosa igrexa diocesana e que en ocasións percibimos como problemática a distancia coa sensibilidade xeneralizada. Pero sendo sincero, teño que dicir que foron escasísimos os momentos nos que nos sentimos amoestados ou abertamente cuestionados pola xerarquía diocesana.
A miña impresión é que, a pesar da distancia na sensibilidade espiritual e pastoral, sempre se recoñeceron os froitos evanxélicos da nosa parroquia.
se non podemos ir ao extenso, vaiamos ao profundo, dotemos de máis sentido o que facemos
Comezastes tamén con ministerios laicos. Que son e que tal están a funcionar?
Desde o inicio, a participación dos laicos na xestión e a toma de decisións na nosa comunidade cristiá foi unha constante. Non é nada novo entre nós a presenza cualificada de segrares á fronte de distintos sectores de actividade.
Hai uns anos, pareceu de valor subliñar esta dimensión, solemnizala dalgún modo. Instituír ministerios laicais é unha achega a este momento no que tanto falamos de sinodalidade, seguir profundando na idea dunha Igrexa de iguais.
A miña impresión é que os resultados son excelentes e non só na súa dimensión práctica, no que supón repartir cargas e responsabilidades; tamén na perspectiva que se abre ao que ao noso xuízo han de ser as parroquias do futuro: espazos desclericalizados, participativos e corresponsables.

Como vedes o futuro. Cales serían os retos e as propostas necesarias? Que manter, que renovar, que inventar?
O primeiro dos retos ten que ver con asumir a realidade. Facernos conscientes de que non é quizais un momento de multitudes nin de grandes accións e aproveitar a oportunidade de valorar o pequeno. Por tanto, hai tarefa en acomodar as nosas estruturas, pensadas para outro tempo, á realidade do presente.
Se non podemos ir ao extenso, vaiamos ao profundo, dotemos de máis sentido o que facemos.
Debemos, ademais, introducirnos na “cultura dos coidados”, que ten moito que ver coa construción da fraternidade, pero tamén coa atención á identidade persoal.
Hoxe a sociedade demanda unha atención especial aos retos do medio ambiente, ao papel das mulleres, á atención á diversidade… Todo iso móstranos novos camiños de acción e preocupación que tamén deben de ser explorados e abordados desde a cosmovisión cristiá. Nesta dirección hai aínda moito por avanzar.
Hai que facer tamén un esforzo imaxinativo na área da transmisión da fe. A pesar do moito traballo investido, o evidente envellecemento das comunidades cristiás mostra que non tivemos o suficiente éxito na presentación da nosa oferta de vida ás xeracións máis novas. Creo que hai, ademais, un reto importante na adecuación aos seus ritmos vitais. Temos que conxugar a nosa convicción nos procesos longos, constantes e reflexivos cunha nova sensibilidade, que reclama certa inmediatez e pon acento no valor da parte máis sentimental da persoa.