Chámame Paco, teño 38 anos e son unha persoa inquieta á que lle gusta aprender da realidade que o rodea e por iso me decantei por unha profesión que me axudase a analizar o meu contorno cunha perspectiva aberta, equitativa, xusta e igualitaria.

Son diplomado en Traballo Social pola Universidade de Santiago de Compostela e desenvolvo o meu traballo na ONL Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados (UDP).

Teño colaborado con outras entidades sociais, asociacións culturais e participo activamente na vida política da miña cidade.

“Sempre quixen traballar en contacto coas persoas”

Como chegas aquí?
Sempre tiven claro que quería realizarme nunha profesión que me permitise estar en contacto coas persoas ao tempo que me facilitase coñecer a nosa terra, costumes e idiosincrasia. Polo que ese afán de coñecemento e axuda as demais foi o que me levou a Traballo Social, esa profesión descoñecida, que as persoas ven como a que axuda aos máis necesitados, a aquelas que se atopan nos banzos máis baixos da sociedade, os desvalidos, os pobres, os ruíns…, e que as Administracións converteron nese caixón de xastre que atende na rede dos Servizos Socias.

Á UDP cheguei no 2003, precisaban un traballador social para coordinar o voluntariado na provincia de Lugo.

Cóntanos en que consiste o que fas?
O traballo social nunha ONL é un traballo de intervención directa. A ONL, como calquera asociación, é un axente comunitario e, polo tanto, o traballador social intervén directamente na comunidade. Pero esta intervención non é directa senón que parte desde a mediación, provocando a participación e promoción social de dita comunidade.

Desenvolvo unha profesión que me achega á realidade e me permite contribuír a mellorala

A UDP na actualidade desenvolve diversos programas e proxectos, cuxo fin último é mellorar a calidade de vida e o benestar de todas as persoas maiores, defendendo os seus intereses ante as institucións e colaborando con estas para construír unha sociedade para todas as idades: voluntariado, formación, axuda a domicilio, comedor social, residencias e centros de día, xornadas de malos tratos e abusos a persoas maiores, etc.

O meu traballo é ser mediador e, como tal, posibilitar que todas as fases da intervención (toma de contacto, estudio – investigación, planificación, execución e avaliación) se cumpran, contribuíndo a alcanzar o benestar das persoas.

Que che achega como persoa facer iso?
Desenvolvo unha profesión que me achega á realidade na que vivimos e que me permite contribuír a mellorala. Trátase de ser sabedor de que outro mundo é posible. Quen non desexa unha sociedade xusta, igualitaria, solidaria, plural, comprometida…?

Tiven a fortuna de que para min UDP foi, en certo modo, a miña escola, o que me puxo en contacto directo coas persoas e me foi moldeando profesionalmente ata o que son hoxe. Xa van 16 anos desde que pisei por primeira vez esta organización e foron moitas as ledicias pero tamén moitos os quebrantos de cabeza. Hai que ter en conta que cando traballas para realizar cambios enfróntaste a prexuízos, opinións contrarias ou obxectivos diferentes, polo que provocar cambios non é tan doado. Aquí é onde o traballo de sensibilización se fai esencial.

Como é un día para ti?
Información, orientación e asesoramento definen o día a día dun traballador social dentro dunha organización. Pero isto que parece sinxelo, vai moito máis aló. Traballamos coas persoas directamente a que resolvan algúns dos obstáculos que lles impiden alcanzar o estado que consideramos desexable e que ten que ver con cousas tales como o benestar, a autonomía persoal ou a dignidade.

As organizacións sociais evitan un importante custo ás administracións

Cando realizas unha intervención, partimos da base de que aquilo para o que intervés se atopa restrinxido porque a persoa ou persoas que chegan a ti, fano co erro de que estás para darlles unha axuda. Pero non estamos para iso, o traballo social indaga sobre o fondo que hai nunha petición. O que busca o traballo social é seres libres e autónomos. Non se trata de protexer, promover ou reeducar a ninguén, senón máis ben de axudarlle a desenvolver as ferramentas persoais que lle permitan afirmarse, primeiro como persoa e logo como membro dunha sociedade.

Como ves o que fas en relación co futuro?
Creo firmemente na labor que desempeñan as organizacións sociais. Considero que fan a sociedade máis xusta e equitativa e que sen o papel que xogaron historicamente as asociacións hoxe non se terían alcanzado dereitos fundamentais como o da sanidade ou o da educación, pois cabe recordar que foron os movementos sociais os que lograron tal meta.

É por iso que agardo que o meu futuro navegue profesionalmente a través das augas do terceiro sector, sendo moi consciente, ademais, do perigo ao que hoxe se está enfrontado, porque dá a sensación de que para as propias administracións ás veces lles molesta máis do que axuda, o que dá lugar a perigosas situacións de desamparo. E non hai que esquecer que as organizacións sociais nutren hoxe unha rede de servizos públicos que evitan un importante custo ás administracións.