“Son Maruxa, enxeñeira técnica forestal de formación, e abelleira de ocupación. Teño a miña explotación apícola en Campo Lameiro (capital da arte rupestre de Galicia) e, para vender os meus produtos, creei a marca Moimel como acrónimo de mel de Moimenta, por ser o nome da aldea onde vivo”. Así comeza a nosa conversa don esta rapaza que representa outra desas pequenas iniciativas que van contracorrente e demostran que cos ferrados de corazón que hai por Galicia, temos moito futuro que labrar!
“Vivir coas abellas é sorprendente”
Como chegas aquí?
Despois de varios anos sen estabilidade laboral decidín incorporarme á actividade agraria cunha explotación apícola. Eu son orixinaria de Ponteceso, pero o meu avó materno era desta aldea e sempre tivemos contacto coa nosa familia de aquí con visitas frecuentes. Á hora de buscar un emprazamento para as miñas abellas decidín que esta zona era máis axeitada cá Costa da Morte, tanto polo clima como pola dispoñibilidade de espazos para as miñas abellarizas, e así foi de vir para Moimenta.
Non sei se agora sería capaz de cambiar isto pola vida na cidade
Cóntanos brevemente en que consiste o que fas?
Como che dicía, estou á fronte dunha explotación de abellas e son a responsable de todas as tarefas que se derivan dela. Levo a cabo as visitas aos apiarios, efectúo o transporte de colmeas cando é necesario e das alzas de mel no momento de facer a castra, fago a extracción e o envasado do produto e dedícome á súa comercialización.
Ademais dos traballos propiamente apícolas, dende hai uns anos os abelleiros/as non temos máis remedio que empregar moito tempo en loitar contra a praga da velutina, que xa todos/as coñecedes.
Que che achega como persoa facer isto?
A apicultura permíteme vivir nun contorno rural e en contacto continuo coa natureza.
A miña aldea é un remanso de tranquilidade, seguramente a vida aquí é máis difícil e hai máis carencias ca nunha zona urbana, pero aínda así non sei se agora sería capaz de cambiar isto pola vida na cidade… Ademais ten moito encanto. Hai muíños, fontes, lavadoiros, moita auga en xeral, e o son da auga tamén é relaxante. Hai moito patrimonio relixioso e arqueolóxico. De feito, na parroquia atópanse algúns dos petróglifos máis importantes do país e parte do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre.
Estar en contacto coa natureza resúltame moi gratificante. Traballar ao aire libre, en contraste co traballo nunha oficina, paréceme moito máis saudable. Os apiarios están no monte e accédese por vellos camiños, por onde pasan moitas especies animais. Hai cabalos salvaxes, gando de pastoreo, e as propias abellas, que te sorprenden cada día co seu comportamento.
Coa apicultura, ademais, contribúese a manter a biodiversidade, pois a abella é unha polinizadora indispensable para moitas especies vexetais. E como xa sabedes, a poboación de abellas está a sufrir unha crise global, polo que tamén é unha satisfacción pensar que o meu traballo axuda a mitigar este grave problema.
Como é un día para ti?
Cada día é distinto ao anterior e, dependendo da época do ano entre outras cuestións, teño que decidir como levalo adiante.
Gustaríame diversificar a produción mantendo todo artesán, sostible e de calidade
O máis habitual é que pase o tempo entre abellas. Son uns insectos moi curiosos. A vida nun enxamio resulta sorprendente, polo seu nivel de organización. Á xente chámalle moito a atención, por exemplo, o feito de que a colonia en conxunto poida tomar decisións sobre a creación ou a substitución da abella raíña ou mestra, ou sobre a eliminación dos abázcaros (machos) cando non os necesitan (as obreiras son todas femias). Outra curiosidade que me gusta observar é a danza que efectúan as exploradoras cando volven á casa: cunha serie de movementos transmiten información ás súas compañeiras sobre a orientación e distancia á que se atopa o alimento.
Ao longo do ano vai mudando o tipo de traballo, en función do ciclo vital do meu gando. No inverno están moi tranquilas, é o momento de preparar o material para o novo curso. Coa primavera saen chuchar os primeiros néctares do ano, polo que hai que revisar o estado dos enxamios e preparalos para afrontar a produción de mel nas mellores condicións. Un verán cheo de movemento conduce á esmelga, na que recollo o froito das súas viaxes de flor en flor. No outono adoito facer labores de envasado e comercialización do ouro líquido.
Como ves o teu proxecto en relación co futuro?
Gustaríame diversificar a produción pero manter o criterio artesán, sostible e de calidade.
Polo de agora só comercializo mel e a idea é abranguer máis produtos das abellas cos seus derivados. Por exemplo, estou preparando a futura comercialización de pole, própole e cera. Calquera dos tres produtos son cada vez máis demandados polos consumidores/as: o pole como fonte de proteínas, o própole como antibiótico natural, e a cera para a elaboración de cosmética natural, entre outras utilidades.
Como podemos poñernos en contacto contigo se queremos mercar produtos das túas abellas?
Tendes o meu contacto e máis información en internet (facebook.com/moimel.gal).
Hai mel de Moimel en varias tendas pero tamén fago venda directa na propia explotación e en feiras especializadas.
Convídovos a vir por aquí cando queirades, coñecer a miña explotación e visitar este lugar.