Miguel Casalderrey

Nestes tempos de virus, confinamentos e corentenas tiramos do refraneiro e recordamos que “quen canta, seu mal espanta”. E ninguén mellor para facérnolo entender ca Miguel Casalderrey, do grupo Maravallada. O seu son ferrados de corazón pola música, a cultura tradicional e o idioma do país.

Quen es, Miguel?
Son o fillo dunha familia traballadora de clase media, familia tradicional no senso ideolóxico e relixioso, e aínda que me atopo nas antípodas nesas cuestións, recoñézome e reivindícome como produto dos principios que mamei na miña casa, o radical respecto ás persoas e a palabra dada (agradezo ao azar ou a quen proceda que isto tivese ocorrido así).

Maravallada traballa pola recuperación e difusión da cultura tradicional e do idioma do país

Nacín, e continúo a vivir, no barrio do Burgo (Pontevedra), nos anos nos que cruzar a ponte para achegarse ao centro urbanodicíase “ir alpueblo” (como se vivises nos arrabaldes da metrópole),ou cando volvías á casa logo de ter feito os recados que a matriarcache tiña encargado na tenda (de proximidade, como lle chaman agora) –un cacho de queixo,un anaco de marmelo, dúas botellas de auga(envase retornable) e unha bolsa de leite (“Xeve” era a que había daquela)–e non foran abondos os cartos que levabas,ipso facto, miña nai mandábame de volta facerlle outra visita a Dora, a tendeira, coas pesetas que antes me faltaran. Sirva todo isto para a localización nun tempo e nun lugar que xa non son.

Na actualidade son traballador do sector público sanitario, ese mesmo que agora, debilitado, quere poñer remedio a este pesadelo distópico (maldita pandemia) ao que algúns modelos de sociedade nos trouxeron.

Cóntanos un pouquiño que é o que fas e que é Maravallada…
Eu sumo unha voz máis aos 3 que formamos a secciónde voces masculinas de Maravallada.  A filosofía donoso grupo de música tradicional dentro dos Cantos de Taberna é darlle maior protagonismo ás voces. No noso repertorio non hai ningún tema que sexa unicamente instrumental; pola contra, si hai temas que non contan con ningunha instrumentación,son exclusivamente vocais. Realmente é precioso participar desa comuñón vocal, un pracer cantar sen aditamentos.

O grupo de música tradicional foi o xermolo da Asociación Cultural Maravallada. na súa acta fundacional están presentes a recuperación e difusión da cultura tradicional e do idioma do país. Para darlle contido a estes principios, Maravallada leva organizando:

  • os Cantos de Taberna e cantos de panxoliñas dende 2012, tanto nas tabernas coma nas rúas de Pontevedra,
  • obradoiros de canto (onde xa o veleno dos cantos comezou a ser enfermidade crónica para min),
  • ensaios abertos nalgúns dos centros culturais de Pontevedra (no centro urbano e nas parroquias rurais),
  • o multitudinario “Aquí Cántase”,
  • a publicación da escolma Repertorio tabernario, realizada polo noso acordeonista Luis Torres, compilación dos temas nos que se basea o repertorio tabernario de Maravallada,que xa leva dúas edicións (1ª edición, de 2012, editada pola Asociación de PAS do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, e 2ª edición, de 2017, editada pola propia Asociación Cultural Maravallada)
  • no ano 2015 creamos un evento ao que lle chamamos “Cunca Maravallada”,que quere dar recoñecemento a entidades ou particulares que traballan a prol da cultura do país e da música tradicional. Este evento levámolo a cabo a través da celebración dunha gala musical na que teñen participado Luis Caruncho, Tino Vaz, A Roda ou o grupo Os do fondo da barra, que dirixe Quique Peón. O agasallo materialízase a través da obra dun artista galego e até o momento teñen participado a ceramista Xela Area, os escultores Francisco Pazos e Daniel Ríos “Caxigueiro” e o pintor Miguel Valiñas Otero. Xa foron recoñecidos con este premio a Taberna La Navarra de Pontevedra, o grupo A Roda, a Asociación VilaXoán Canta e o seu organizador Salvador Cores “Manso” e en 2019 Taberna A de Lupe, en Cambados

Como chegas aquí?
A Maravallada chego no ano 2015. Coñecía de tempo antes a todos os seus integrantes e seguía as súas convocatorias de Cantos de Taberna, que xa tiñan iniciado en 2012; polo tanto, antes de ser membro, fun “usuario” das súas propostas de lecer. Acudín despois a un par de obradoiros que organizara a asociación (coa perversa intención de espertar o becho este de cantar).Daquela algunha das hoxe compañeiras convidoume a acudir a un ensaio do grupo e dende entón… xa van cinco anos.

Dos nove membros actuais (5 mulleres e 4 homes), eu fun a última fichaxe recrutada para incorporarse a este proxecto.

Que che aporta como persoa facer isto?
Ademais do pracer meramente físico de engadir a túa voz a un conxunto máis amplo, de escoitar os teus compañeiros/as, que esa suma produce algo máis grande, un resultado enriquecido (probade e poderedes constatar o que estou a dicir), para os que cremos que o noso pequeno país ten unha cultura de seu que é preciso manter e proxectar cara a adiante, dános a oportunidade, desde este pequeno eido que son os cantos de taberna, de facer país, de sementar interese, de espertar conciencias…

Para ilustrar o que estou a dicir, cóntovos outro dos eventos que organizamos desde Maravallada, xunto co Concello de Pontevedra (actor necesario e imprescindible): é o “Aquí Cántase”. Vén a ser, grosso modo, uns “Cantos de Taberna”, pero cun formato máis amplo.Faise no exterior, en distintas prazas do casco vello de Pontevedra, no mes de agosto, a fin de semana que se inician as festas locais, o que permite multiplicar a participación, tanto polo aforo das prazas como polo ambiente festivo e a climatoloxía propia do verán, até acadar cifras de máis de 1 000 participantes cantando. Pois ben, desde o estrado onde estamos situados Maravallada, para dirixir este evento, observas unha amplísima representación social, de idades, de sexos, supoño que de ideoloxías e crenzas, de linguas (moitos deles español-falantes), xente local e foránea, e todos con ilusión, participando e divertíndose coa nosa cultura, cantando a nosa música no noso idioma. Iso todo me aporta formar parte desta asociación cultural!

Por se poñedes en dúbida o que estou a dicir, e xa que é facilmente constable, convídovos a participar no “Aquí Cántase”. Este ano a actual situación de pandemia non nos vai permitir manter exactamente o formato orixinal, pero argallaremos o xeito de darlle continuidade.

Maravallada ao completo
Maravallada ao completo

 Como é o voso ritmo de traballo para organizar tanta actividade?
Agás no tempo que vai entre mediados de agosto e finais de setembro, que son de descanso, o resto do ano, sistematicamente os mércores, son o noso día de ensaio: hora e media de quentar gorxas, repasar temas do repertorio habitual, ensaiar co acordeón, gaita e percusións, propoñer a incorporación de novos temas, corrixir erros, valorar modificacións… Traballo si, pero de xeito moi ilusionante.

Á xente unicamente lle tes que dar un motivo para cantar e está todo feito!

Ademais do necesario traballo dos ensaios, temos que planificar con antelación suficiente o transcurso das actividades. Comezamos o ano planificando os Cantos de Taberna, que adoitan ser entre xaneiro e maio (sempre o último venres de cada mes, agás no caso de solaparse no calendario con algunha festividade). Haberá entón que propoñer tabernas onde realizar a actividade (dúas en cada xornada): todas as tabernas teñen interese en repetir ano tras ano (repercute moi favorablemente na súa actividade empresarial), propoñer grupos que han participar xunto con Maravallada (agás un mes, maio xeralmente, que unicamente participamos nós): o grupo convidado deberá sempre axustarse áfilosofía de cantos que entende a nosa asociación, é dicir, a voz ten que ser o elemento principal, a instrumentación ten que ser unicamente un acompañamento. Entendemos que parte do éxito desta proposta está en repartir entre os asistentes as letras impresas do grupo convidado e as que nós cantaremos ese día. E aquí prodúcese o milagre, algo que a priori a todos nos pode dar certa vergonza: cantar en público. Aquí non hai xustificación que a ampare, tes as letras na man e non es o único foco de atención, decenas de persoas ao teu redor están a cantar coma ti.

Algúns dos grandes hits solicitados polos asistentes son “O carro”, “A virxe do Portovello”, “Carmiña, Carmela”… É xa tradición rematar cada xornada con “Fisterra”, case un himno, solemne…, emocionante.

Ah!, esquecíame! Cada xornada de Cantos de Taberna tamén ten o seu recoñecemento: a persoa ou grupo de persoas que máis participa agasallámola cun exemplar do libro Repertorio tabernario.

A seguinte actividade do ano, en orde cronolóxica, desde hai tres, é o Aquí Cántase. Neste caso organizar este evento require comezar con ensaios abertos en distintos centros culturais do concello de Pontevedra (3 ou 4 meses antes da celebración do acto central), establecer os horarios, convocar os interesados/as, escoller as cancións que imos ensaiar, que finalmente serán as que se canten nas distintas prazas do casco vello, imprimir os libretos para os ensaios…O día do Aquí Cántase, como contaba antes, máis dun milleiro de persoas cantando a un tempo contigo, cinco cancións en cada unha das catro prazas, pois, que dicir, inconmensurable, indescritible… En fin, participade cando teñades ocasión, non vos ides arrepentir. O número de participantes non é unha estimación: seguindo a nosa filosofía participativa, repartimos as letras impresas, e son mil os exemplares que vimos repartindo, e aínda que procuramos dispoñer de copias para repartir en cada unha das localizacións, na segunda das prazas, sempre, sistematicamente, esgotamos as mil copias.

O seguinte acto do ano adoita ser a entrega da Cunca Maravallada no transcurso da Gala de Cantos de Taberna. O acto transcorre nalgún dos recintos que, para a celebración deste tipo de eventos, dispón o Concello de Pontevedra. Se ben os primeiros anos, cun formato máis reducido, bastounos A Casa da Luz ou o salón do Pazo de Mugartegui, cun aforo máis reducido, a última edición decidímonos por celebrala no Teatro Principal e resultou ben; temiamos ser demasiado ambiciosos e evidenciar un aforo cativo, pero, por sorte, cumprimos espectativas. Para este acto, temos que propoñer e decidir a quen outorgarlleo recoñecemento, quen é o artista plástico que vai plasmar o agasallo (pintor, escultor…), quen aportará a parte musical da gala (outra volta aplicamos o noso criterio de música eminentemente vocal)… Pois ben, logo de discursos, entregas, apertas e todo o que este tipo de eventos leva implícito, onde rematamos a xornada? Pois nunha taberna cantando!

Chegamos ao último evento do ano, as Panxoliñas do Nadal. Os primeiros anos fixémolo con formato de concerto desde un pequeno estrado nalgunha das prazas da cidade. Os últimos anos aplicamos novamente a nosa fórmula participativa. Se é que á xente unicamente lle tes que dar un motivo para cantar e está todo feito! Nesta ocasión tamén o preparamos con ensaios previos nalgún dos centros culturais. Quen non coñece as panxoliñas? Repartimos as letras, búscate outra desculpa…

Supoño que haberá algún sisudo estudo científico que acredite que o canto, e especialmente cando é compartido, reporta beneficios de toda índole, cando miras as caras de quen participa, eu xuraría que afastan por un intre da súa cabeza outras cuestións.

A praza de Curros Enríquez de Pontevedra no “Aquí cántase” 2019
A praza de Curros Enríquez de Pontevedra no “Aquí cántase” 2019

Como ves o que facedes en relación ao futuro?
A continuidade (Cantos de Taberna, Panxoliñas, Aquí Cántase) teremos que adaptala á nova situación, a este novo concepto de normalidade. Recordemos que son actividades que adoitan concentrar grupos numerosos de persoas; o distanciamento físico que require a nova situación non é o medio natural da nosa actividade.

A filosofía do noso grupo, dentro dos Cantos de Taberna, é darlle o maior protagonismo ás voces

Polo de pronto, o pasado 25 de abril co gallo do aniversario da Revoluçao dos Cravos, colgamos no YouTube un vídeo interpretando o “Grândola Vila Morena”, ou o pasado día 1 de maio, tamén no YouTube, fixemos Cantos na Varanda, aprendendo a manexar de xeito doméstico os medios que a tecnoloxía pon ao noso dispor e coa dirección, aportación, ilusión e ímpeto do noso director musical, Anxo Xesteira (entre moitísimos outros proxectos, integrante tamén de Treixadura).

Isto lévame a recordar que ademais dos actuais nove membros de Maravallada, tamén aportaron a súa impronta e deixaron pegada neste proxecto Xandre Outeiro (Trepia, O tear de Llerena), Paulina Ceremuzynska, María Arribe e Nelson Quinteiro, algúns deles como directores/as musicais e outros a través da formación recibida en clases ou obradoiros de canto ou percusión. Grazas mil a todos eles.

Na medida do posible, sempre que a situación sanitaria o permita, tentaremos retomar a fórmula participativa (e presencial), volver a cantar xuntos nas tabernas e nas rúas, estender os nosos pulmóns e corazóns para utilizar a palabra, a voz, esa arma de construción masiva.

Onde vos podemos atopar?
Podedes seguirnos en: www.maravallada.gal no Facebook ou en YouTube. E se alguén quere contactar con nós, pode facelo en info@maravallada.gal