Conversamos con Nuria M. Núñez, referente da difusión de materiais litúrxicos en galego en internet. Falamos da súa traxectoria no mundo blogueiro, da súa pertenza á Plataforma “Fagamos Igrexa Galega” e do seu papel de secretaria na Editorial SEPT.
E ti de quen vés sendo?
Sen lugar a dúbidas, son, primeiramente, de Xesús e, moi especialmente, de María. Os grupos xuvenís na miña adolescencia, o meu colexio –o Compañía de María de Vigo–, marcaron a miña visión dentro da Igrexa. Meu pai foi afiliado marista, polo que a miña fe está marcada por unha visión de Igrexa desde a mirada da muller, desde a sinxeleza da vida e do filtro do evanxeo. Non entendo unha Igrexa que divide as persoas, senón que a vivo como unha gran comunidade de fe, sen apelidos e sen tratamentos. Ao chegar ao rural foi onde aprendín a ver a Igrexa como un lugar de encontro, onde cadaquén aporta o que leva da súa vida.
Vemos que desde o 2012 xa estabas metida na difusión de recursos en galego. Como entraches neste mundo?
Ao mundo da difusión levoume a casualidade, a necesidade e o encontro cunha das mellores personalidades da Igrexa galega. Buscando materiais para o traballo, intentei atopar o Ave María en galego en internet e foi imposible, polo que comecei a profundar nas webs das dioceses sobre materiais en galego. Comprobei, con sorpresa e, francamente, confeso que bastante enfado, que estes materiais non aparecían por ningures. Vendo que, co paso do tempo, non aparecía nada, decidín facelo eu mesma, despois de coñecer ao irmán Reboiras de La Salle de Santiago, que foi quen me animou a dar o paso e con quen levo traballando, con enorme respecto e admiración, desde entón.
E así xurdiu xanostesaqui, unha páxina web onde aportabas, compartías, recursos para a liturxia e a catequese en galego. Como foi a acollida?
Con sinceridade, non era eu moi consciente de que o blog de materiais en galego fose de importancia para alguén. Simplemente comecei a recoller recursos e a compartir, ata que máis ou menos catro ou cinco anos despois falei cun cura ourensán que non sabía como darme as grazas polo meu traballo. Foi un proceso bastante inconsciente que se converteu nun chamado de fe e unha responsabilidade tamén. Agora, dez anos despois, véxoo como un labor ilusionante e cun gran futuro, pois os signos dos tempos sinalan a que vai chegando o momento dos laicos e dunha Igrexa de base. Chega o momento da normalización, que aínda está por facer, e xa non podemos esperar máis.
O teu traballo parte dunha iniciativa persoal, mais contaches co apoio doutras persoas, aportando recursos. Que cres que falta para que agromen máis iniciativas compartidas?
Falta o coñecemento persoal. A situación de pandemia complicou as cousas, pero tamén favoreceu unha nova forma de relacionarse, facilitou os contactos en liña e as reunións sen desprazamento, polo que as reunións de traballo foron máis sinxelas. Sen dúbida, e en vista de que non hai implicación da “Igrexa oficial”, seguen sendo as iniciativas laicas en grupo ou persoais as que marcan os avances neste eido. Precisamente foi esa mesma necesidade e o traballo compartido o que nos levou, por fin, a revisar os textos de misal e leccionarios, que están a punto de renovarse e actualizarse ortograficamente, despois de moitos anos de inmobilismo total. Un panorama esperanzador, pois, por fin, veremos o diurnal, o misal e os propios leccionarios en galego en app accesibles ao usuario, un labor impagable do incansable irmán Reboiras.
E tamén, con outra web, nosanaicinhanoceo, achegas desde o 2011 recursos musicais para a misa en galego. Como foi a experiencia?
A experiencia foi sorprendente e marabillosa. Non tiña moi claro como facerlle posible e accesible para a xente este tesouro do noso patrimonio cultural relixioso. Comecei facendo un vídeo para que os rapaces aprendesen o canto; xa levo feitos uns 500 e cada vez imos a máis. Segundo as estatísticas da web, temos diariamente unhas 200 visitas que, nun eido tan reducido coma este, é, cando menos, sorprendente e esperanzador; a inculturación da fe ten estas cousas que nos desbordan ás veces.
E tamén estás desde o xermolo da Plataforma “Fagamos Igrexa Galega”, que ten entre os seus obxectivos a creación e divulgación de materiais en galego para nosa Igrexa.
Xa levamos máis dun ano de andadura: fixemos unha enquisa exhaustiva para valorar o estado da situación do galego na Igrexa, da que publicaremos as conclusións. Contactamos a Igrexa inculturada de toda Galicia para facer traballo común. Aproveito para facer un chamamento a algún representante da diocese de Lugo. Estamos intentando recuperar os Encontros de Música de Pontevedra. Desta iniciativa xurdiu tamén o traballo de renovación de misal, leccionarios e diurnal e da súa difusión e moitas outras cousas que aínda están por chegar.
Es a actual secretaria da editorial SEPT, da que cómpre resaltar a Biblia en galego. En que andades metidas?
Pois, con moitísima alegría e esforzo, conseguimos, por fin, rematar a última revisión ortográfica da Biblia e esperamos que saia en breve, neste mesmo ano, a próxima edición, que os galegos levan anos pedindo. Todo grazas ao labor desinteresado e voluntario dun equipo de filólogos que fixo este traballo ao longo dos últimos dous anos, coa situación tan difícil que vivimos.
Cómpre cumprir co encargo do Espírito, de falarlle a Deus en todas as linguas do mundo, na nosa tamén
A editorial está en proceso de renovación. Catalogáronse os seus fondos, creouse a páxina web e temos proxectos ilusionantes en perspectiva. Do equipo de filólogos da Biblia incorporáronse tres persoas máis, mulleres novas e con iniciativa, das que esperamos o mellor.
Cal é a implicación das dioceses galegas na creación e difusión de materiais e contidos en galego?
Sendo realistas, poucas, pero esperanzadoras. Non hai, en xeral, material novo práctico para o traballo diario na catequese ou as celebracións, pero confiamos en que a renovación e a accesibilidade dos textos básicos mellore e amplíe o uso da liturxia en galego, un compromiso esquecido pola Igrexa galega. O cambio debería empezar nos Seminarios, que deberían ser, cando menos, bilingües.
Por outra banda, especialmente orgullosa me sinto da miña diocese de Tui-Vigo, que si está tendo iniciativas novidosas, como a difusión da Christus vivit en formato bilingüe ou a gravación en podcast do Diurnal en galego. Hai que normalizar o uso do galego na Igrexa, que tanto se aprecia, especialmente no rural, e que nos lembra na cidade que hai vida máis alá de nós mesmos e do noso vivir diario. O respecto e o cariño polo noso ten que empezar por todos e cada un de nós mesmos co exemplo e a xenerosidade de toda a comunidade eclesial.