Non hai demasiado tempo as serpes de verán eran esas noticias irrelevantes para encher os xornais no mes de agosto, como o monstro do lago Ness. Neste verán quíxosenos vender que o monstro son os refuxiados e as inmigrantes. Agora resulta que é “o que máis preocupa á opinión pública”. En que medida estamos como sociedade “tocados” pola insolidariedade e mesmo o odio?
Ata hai ben pouco, non estabamos preocupados pola acollida que estes discursos tiñan entre nós: pouca aceptación social e escasa relevancia política. Pero a insistencia nos grandes medios de comunicación do Estado e certo predicamento dos discursos contra a migración, como se fosen contraculturais e alternativos, están dando un pulo importante a estes discursos de odio. E, o que resulta máis preocupante: mentres que o catolicismo oficial defende os dereitos das persoas migrantes, unha maioría de persoas declaradas católicas están a prestar oídos a ese discurso do odio, mesmo a través dos medios de comunicación sostidos pola Conferencia Episcopal Española.
En “diversidades” non facedes retórica sobre a inmigración, senón que vos arremangades para facer posible un “encontro con resultados” entre os acabados de chegar e a sociedade de acollida. Que cousas concretas tedes en marcha e a que estratexia de fondo responden?
Agora mesmo temos dúas liñas de traballo estratéxicas: a liña de acollida de persoas migrantes e a participación no sistema nacional de acollida de persoas refuxiadas.
o Papa defende os dereitos das persoas migrantes, pero unha maioría de persoas declaradas católicas prestan oídos ao discurso do odio
Para as persoas migrantes, procuramos dispoñer de servizos integrais, como son os servizos de información e asesoramento, mediación intercultural, asesoramento xurídico, orientación laboral, formación para o emprego, acceso á vivenda e salvagarda dos dereitos. Ademais estamos a desenvolver unha escola de segunda oportunidade, pioneira en Galicia, con prevención do abandono educativo prematuro e cunha intervención decidida con adolescentes e mocidade en situación de abandono. Nese marco, damos prioridade aos menores sen familia.
Para solicitantes de Protección Internacional e Refuxiadas, ademais dos servizos anteriores, tamén participamos no Sistema Nacional de Acollida, ofrecendo 62 prazas residenciais en catro centros de acollida na cidade de Tui. Convén lembrar que a maioría de persoas que chamamos refuxiadas son solicitantes de protección internacional (asilo ou refuxio).
Estamos recibindo unha chea de mensaxes: prevención, desconfianza, criminalidade, choque de civilizacións, …Como perciben “eles e elas” desde o outro lado ese bombardeo? E como perciben e reciben, en troques, unha man amiga?
Hai varias reaccións a estas mensaxes: hai persoas que non comprenden o rexeitamento, pero hai quen naturaliza ser recibido con desconfianza ou mesmo con medo; está a reacción de rabia, que xera violencia contida; hai quen o percibe como discriminación e trata de loitar contra ela; e tamén hai quen trata de diferenciarse do resto, afirmando o seu parecido connosco e as diferenzas cos “outros”.
Este último grupo está integrado por un número crecente de persoas que, sendo migrante, adhiren os discursos e os valores da extrema dereita. Non debemos culpar a ninguén pola súa reacción, nin pola súa estratexia adaptativa, pero é necesario entender que esta pluralidade non dá para crear unha unidade de acción fronte ao rexeitamento: ao contrario!
Ser “o corazón dun mundo sen corazón” ten que acompañarse de evitar relacións de clientelismo e de paternalismo
En troques, é común que se perciban as persoas e as organizacións favorables á acollida como “o corazón dun mundo sen corazón”, se se me permite a cita. Esta percepción é enormemente positiva, desde unha certa óptica; pero debe ser sometida a crítica, porque pode xerar conformismo e mesmo relacións de clientelismo e de paternalismo, aspectos dos que nunca debemos pensar que estamos totalmente libres.
Na partida de ping-pong cos “menas” deste verán pasado a moitos volvéusenos pasar pola cabeza a necesidade dun plan de integración digno de tal nome para o que é o maior desafío humano da nosa era. En cuestión de residencia, vivenda, formación, emprego,….Nese posible plan, que exemplos poñerías de cousas ben feitas que habería rescatar e integrar e que cousas habería que desterrar para sempre?
Dunha banda, quero salientar que o desafío é dobre: porque o que está en xogo, en primeiro lugar, é a nosa humanidade, os valores en que se funda a nosa sociedade, o respecto aos dereitos humanos básicos. Pero, tamén está en xogo a nosa propia supervivencia como sociedade: cun índice sintético de fecundidade de 1 sostido durante máis de vinte anos, (cando a taxa de reemprazamento está bioloxicamente marcada en 2,1), non temos ningunha posibilidade de continuidade salvo recorrendo á inmigración. Debería existir un consenso social arredor de compensar esta deficiencia histórica realizando un esforzo colectivo de atracción. E, a seguir, planificar este reto, incluíndo non só vivenda, formación e emprego, senón tamén o ámbito lingüístico e cultural, que merecen unha atención que non lles estamos a prestar.
cómpre planificar este reto, incluíndo non só vivenda, formación e emprego, senón tamén o ámbito lingüístico e cultural
Na miña opinión, hai algunhas iniciativas a nivel estatal que poderían marcar un camiño en positivo. Respecto dos menores non acompañados, o cambio no regulamento permitiu acceder á maioría de idade sen ficar en situación irregular: foi un paso formidable na boa dirección. O arraigo por formación paréceme unha iniciativa na dirección correcta: as persoas non teñen que agardar tres anos para regularizar a súa estadía aquí, sendo suficientes dous anos (que aínda deberían ser menos); é obrigatorio buscar unha formación que dea acceso a unha cualificación nun sector onde haxa emprego. Así, aténdense as necesidades do mercado de traballo, reducindo ao mesmo tempo o sufrimento asociado á irregularidade administrativa.
Cóntanos algo bonito, esperanzador, para rematar ben esta entrevista
Cada día hai algunha boa nova que celebrar. Hoxe quedo con esta: O mes que vén comezamos un curso de galego para persoas estranxeiras na Rúa de Valdeorras. Foi unha solicitude feita por persoas búlgaras que residen alí. Querían poder traballar en coidado de persoas maiores e dependentes, pero tamén comunicarse coa veciñanza con naturalidade. Os novos galegos, as novas galegas, xa están entre nós. Tócanos construír a Galicia da diversidade cultural, orgullosa das súas raíces e valente para acoller a quen vén.