Ter un fogar axeitado, alcanzable, digno, é a base para que calquera persoa poida desenvolver a súa vida. Cando buscar unha vivenda é un camiño dificultoso e para moitos inaccesible, organizacións como “Provivienda” son necesarias para axudar a gozar dese dereito básico. Conversamos con Ana Pardo, traballadora social que forma parte do equipo de traballo desa entidade dende 2017.
Cóntanos, Ana, cal é o teu labor e como comezou nesta asociación.
Son a responsable de proxectos en Galicia. Comecei traballando con persoas sen fogar no Centro Municipal de Vigo. Consistía en atender emerxencias e fíxeno unha boa tempada. Despois, en temas de busca de alternativas habitacionais para xente con adiccións ou problemas de saúde mental. O que se pretendía era proporcionar un espazo estable que lles permitise saír de problemáticas que sufrían.
Falas de Vigo, pero onde naceu esta asociación?
Foi en Madrid, en 1989. A raíz da morte dunha muller que vivía na rúa, un grupo de persoas iniciaron esta andaina para atender xente sen fogar, maiormente migrantes. Chega a Vigo en colaboración coa Fundación Social Emaús. Pouco a pouco foi medrando, ata estar presente en 14 comunidades autónomas, cun equipo de centos de traballadores e voluntarios.
En que lugares de Galicia estades presentes?
Temos representación nas catro provincias galegas. Estamos en Vigo, Santiago, Teo, Ferrol, Ourense, Ribadavia e Monforte de Lemos, nalgúns lugares con oficina propia e noutros compartindo espazos de cesión municipal.
Os comezos desta asociación foron con migrantes, pero o tema da vivenda está afectando igualmente a outro colectivos.
Efectivamente. Atendemos persoas en situación de vulnerabilidade. Persoas sen fogar que viven na rúa, solicitantes de asilo, persoas con adiccións, familias en situación de risco etc. Calquera de nós pode chegar a ter unha situación de vulnerabilidade nun momento determinado.
Exercemos de mediadores e mesmo avalistas. Asesoramos e acompañamos tanto a quen demanda como a quen oferta.
Cal é a vosa contribución nesa busca dun espazo de seguridade, dun fogar?
Exercemos de mediadores e incluso de avalistas. Asesoramos e acompañamos tanto na demanda de vivenda coma con propietarios que poden ofertar propiedades. A seguridade é fundamental en ambos casos. En paralelo, levamos a cabo diversos programas. Por exemplo, en Vigo, o programa Saudade, de acompañamento psicolóxico; o programa Raizar, de itinerarios individuais de inserción socio-laboral, coa intención de que persoas que acceden a unha vivenda estable logren incorporarse ao mercado de traballo, para teren autonomía económica; o programa Participa, que pretende xerar encontro entre veciños; e os que teñen que ver cos conflitos interxeracionais, que supón atender situacións de emerxencia, tamén conflitos internacionais como foi o da guerra de Ucraína, no que tivemos que duplicar as prazas de acollida. Neste caso, coma noutros conflitos, o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migración é quen asigna as persoas ás diferentes entidades sociais e lles facilita axudas por un período de dous anos, sempre que a solicitude de asilo sexa concedida.
Ademais de colaborar coa Administración pública, con que outras entidades o facedes?
Traballamos sempre en rede, coordinándonos para aproveitar a bagaxe e experiencia doutras asociacións, así coma dos servizos sociais comunitarios de base. Seguindo cos exemplos, en Ourense, cos Centros de Desenvolvemento Rural (CDR); tamén con concellos rurais que demandan xente e facilitan a inserción social e laboral no programa “Terras Vivas”; en Vigo e na zona de Teis, colaboramos co “Plan Comunitario” e con XARUMA, entre outras asociacións. Con Emaús Fundación Social, nos programas “Fogares” e “Participa”. Tamén con Hogar Si, La rueca… Ademais formamos parte doutras redes como EAPN GALICIA, Rede Galicia Sur etc.
Buscar vivenda é unha odisea que para moita xente parece un obxectivo inalcanzable. Que nos podes dicir sobre os alugueiros?
Hai máis demanda ca oferta. As leis do mercado disparan os prezos. En Santiago, Vigo e A Coruña, a suba é tan desmesurada que o prezo do alugueiro é igual ao monto do salario de quen busca. Isto lévanos a desenvolver proxectos no rural, aínda que non exista tanta cultura do alugueiro. Incluso hai propietarios que prefiren que caian as casas antes ca alugalas. Tamén inflúe a enganosa información sobre os ocupas. Hai que crer na posibilidade de recuperación e rehabilitación. A aposta polo rural pasa tamén pola necesidade de dotar de medios como transporte, educación, sanidade, traballos etc. que permitan albiscar un futuro viable.
En Santiago, Vigo ou A Coruña o aluguer é tan desmesurado que iguala o monto do salario de quen busca
Que propostas facedes cando se trata de acoller persoas refuxiadas ou demandantes de asilo?
Dentro do marco de acollida internacional, apostamos polo modelo de vivenda onde emprazar grupos pequenos. Os centros grandes poden coexistir para emerxencias, pero con data de entrada e de saída. Unha vivenda facilita a integración e axuda a promover a autonomía das persoas, evitando algúns dos conflitos que poden xurdir da insatisfacción.
Sobre o proxecto da Lei de Vivenda, que observacións se fan desde PROVIVIENDA? Dános unhas pinceladas.
Apoiar medidas para incrementar a vivenda alcanzable, como a prohibición de compravenda de vivenda social en máis de 30 anos; a cualificación de vivenda protexida; a reserva de chan para alugueiro a prezos limitados; a definición de grandes abanos de vivenda e máis cuestións e temas que vos invitamos a coñecer a través da nosa páxina web.
Sabemos que nesta entrevista é imposible amosar todo o traballo que facedes en inclusión a través da vivenda, fomento da vivenda alcanzable e incidencia política e social. Dinos algunhas das demandas para Galicia.
Polas características de Galicia, precisamos máis parque de vivenda social. Os concellos deberían construír vivenda deste tipo, así como regularizar o custo medio da vivenda, para evitar guetos; crear programas de bolsa de vivendas que permitan ter máis vivenda estable.
Concluiremos, xa que logo, lembrando cal é o cometido desta asociación.
Pois… ofrecer vivendas que cambien vidas e cren comunidades.