Olga Romasanta.
Rexenerando é unha cooperativa de intervención social. Cal é a súa filosofía?
Somos unha cooperativa sen ánimo de lucro, o que xa marca moito dos nosos valores: traballamos por un modelo no que as persoas estean realmente no centro, e non só o beneficio económico. Buscamos a transformación social desde a mirada do colectivo, o feminismo e o apego ao territorio e á historia.
O obxectivo de Rexenerando en canto á cultura, á memoria e ao territorio é lograr que as persoas comprendan e valoren os espazos que habitan e se comprometan no seu coidado e xestión. Ves unha eiva neste senso?
Si. A nosa sede está en Ferrol, onde esta eiva, que é común ao conxunto do país, é ben palpable. A desmemoria pode levar ao desleixo, coñecer só un relato único e dominante do que fomos, á polarización ou ao autoodio. Nun contexto de crise ecosocial, con graves ameazas sobre o territorio, este vínculo pode marcar a diferenza. Precisamos da memoria para resignificar os lugares, sandar feridas, e sermos conscientes do noso poder como comunidades.
As políticas seguen centradas no lucro, a costa de facer a vida no rural totalmente indesexable.
Como traballades en Rexenerando para preservar e revitalizar a memoria colectiva en Galicia? Dádenos algún exemplo concreto.
Temos diversos proxectos que procuran servir a este obxectivo. Desde os nosos comezos promovemos paseos por Ferrol e outros lugares para divulgar os relatos subalternizados: memoria obreira, galeguismo, memoria LGBT+… Traballamos tamén con persoas maiores para recoller as súas lembranzas e divulgalas en publicacións ou outros formatos, como nos proxectos “Memoria dun século” (Cabanas), “Etnografía dos coidados para tempos de pandemia” (Bergondo) ou “A festa, de hoxe nun ano” (A Capela). Ademais, traballamos de maneira específica a cuestión lingüística e a activación de falantes en galego, que nos parece un elemento esencial para vinculármonos coa terra. Promovemos con a mocidade da comarca o Laboratorio de Apoderamento Lingüístico, por exemplo.
Segundo a vosa experiencia, cales son os valores do rural que se están perdendo?
É difícil responder a esta cuestión, porque o tema é complexo e daría para moito debate (cales son as fronteiras entre o rural e o urbano no noso territorio? Existen “valores do rural”? De que rural? Como facemos para non idealizar estas realidades?). Con todo, traballando desde unha lóxica anticapitalista, temos respecto e curiosidade pola cultura popular, sobre todo do rural, a tradición, e as prácticas que se teñen dado no noso territorio.
Etnografía dos coidados para tempos de pandemia, Concello de Bergondo
O noso rural está aberto a movementos que empoderen a poboación, como o feminismo?
Fáltanos perspectiva para responder a isto, e tamén cremos que hai moita diversidade aquí. Desde logo o que si diríamos é que, contra certos prexuízos urbanocéntricos, o rural está tan aberto coma calquera outro contexto aos movementos críticos e feministas. Experiencias que admiramos como o Festival Agrocuir ou a Arca da Noe demostran isto sobradamente. As compañeiras da cooperativa Outonía, e tantos outros proxectos que traballan sobre outras lóxicas e valores, poderían dar tamén resposta a isto.
O rural está aberto aos movementos críticos e feministas.
Consideras que a nivel gubernamental se están levando a cabo iniciativas efectivas para dignificar o noso territorio e promover o desenvolvemento sostible?
É obvio que non se fai todo o que se podería facer. Os recursos e políticas poderían estar orientados a propostas transformadoras, redistributivas, dinamizadoras, que atendan ás necesidades básicas: rendas mínimas, sanidade, educación, benestar, etc. Pola contra, os proxectos estrela son o modelo turistificador do Xacobeo, afondar no monocultivo cultural e forestal, ou a última ocorrencia de Altri que fala do modelo de desenvolvemento macro fronte micro (minaría, eólicas…). As políticas seguen centradas no lucro, a costa de facer a vida no rural totalmente indesexable.
Que impacto esperas que teñan os proxectos de Rexenerando a longo prazo?
Os nosos proxectos son moi diversos, pero teñen en común a vontade de xerar un sentimento de vínculo co territorio e cos seres que o habitan, humanos e non humanos, que nos permita relacionarnos dunha maneira máis xusta a todos os niveis. Onde ser máis libres de ser quen somos, tratarnos mellor, estarmos conectadas coa nosa capacidade para construír realidades máis dignas e gozosas… Se algo diso queda, xa quedamos máis que satisfeitas
Equipo Rexenerando
Para finalizar, que mensaxe che gustaría transmitir sobre a importancia da participación cidadá e da memoria colectiva?
A comunidade galega é algo moi amplo… Se cadra o máis importante é lembrarmos que as transformacións sociais veñen de abaixo, do colectivo, da pulsión por vivir mellor, e que hoxe, coma sempre, máis ca nunca, sabemos que iso ten que ver coa interdependencia. Estes conceptos que poden soar novos aluden a prácticas e realidades que sempre fixemos, tecendo pontes entre as persoas e os tempos. Aquí, a diferenza doutros lugares, temos frescas e vivas moitas destas experiencias. Non podemos permitirnos o luxo de perder estes saberes e vínculos. O mundo, este anaquiño de mundo, aquí e agora, precisa de toda a nosa sabedoría e compromiso.
Máis información: www.rexenerando.com