Eladino

A quen asistise á Romaxe deste ano seguramente que lle chamou a atención encontrar un posto no que podía mercar dende un xogos de mesa en galego até unha camiseta “distinta”, con deseños galegos e cunha aposta reivindicativa do país que somos e facemos cada día. Aproveitamos a ocasión para este asalto e para, así, podermos coñecer mellor que fan, que ofrecen e como facer se queremos regalar algún dos seus produtos nestas festas que veñen, evitando, de paso, caer “no de sempre” á hora de facer os nosos agasalliños.

Quen vides sendo, se non é moito preguntar?
Somos Eladino e Reme e vímonos chamando OZOCOgz, somos unha pequena empresa familiar centrada nun deseño puramente galego e de reivindicación. Nos comezos, e xa van alá 10 anos, foron só camisolas, mais non tardamos moito en introducirnos no mundo da papelaría e no xogo de mesa cultural galego, quizais a faceta que máis nos enche e nos está a dar máis satisfaccións pola enorme acollida que tivo e ten.

Deseños camisetas  OZOCOgz

E como vos deu por aí? Acertastes? É unha experiencia gratificante?
Os comezos sempre teñen algo de casualidade. Eu dedícome ao deseño gráfico dende hai relativamente pouco, traballei no mundo da arquitectura ata que a crise do “ladrillo” do 2008 me obrigou a dar unha volta de temón e reorientarme, ou reinventarme, como se di agora, mais as miñas experiencias neste novo mundo cinguíanse tan só ao deseño para outros. En 2012 ocorréusenos, a uns amigos e máis a nós, facer unha camisola para sacar uns cartos extra cun deseño que me daba voltas na cabeza dende había moito; fixemos a camisola, a primeira, cun zoco galego que imitaba unha zapatilla “CONVERSE” e co lema “Convértete ao galego. Éche o normal”. Foi un suceso e de aí naceu a empresa e mais o nome da marca, OZOCOgz.

Axudounos a coñecer país, a coñecer moita outra xente que aposta por Galiza

En canto ao último que preguntas, si, por suposto, é unha experiencia bonita e enriquecedora, axudounos a coñecer país, a coñecer moita outra xente que aposta por Galiza dende outros ámbitos que, ate aquel momento, descoñeciamos, coma vós, sen ir moito máis lonxe, e isto anima e fai crer nun futuro mellor e, sobre todo, máis noso.

Vemos que facedes camisetas, pero que son máis que camisetas. Como é iso? Fálanos deses deseños que din máis do que parecen (varios exemplos concretos)…
O noso deseño, non só nas camisolas, tamén no resto do téxtil e na papelaría, busca como obxectivos principais que sexan, evidentemente, o máis atractivos posible e, despois, que supoñan para quen as use un motivo de orgullo e reivindicación; aínda que isto non ten que supor, como se podería pensar, unha carga netamente política, facemos deseños para todo o mundo, só fai falla querer alardear de ser galega ou galego.

Por citarche uns exemplos, ademais da primeira camisola, da que xa che falei, dúas das que máis éxito teñen sempre son unha que pon “Eu son un toxo arnau” e outra que pon “GALEGA, Feita na Galiza” ou “GALEGO. Feito na Galiza”, posto que a hai para home e para muller.

Do que se trata, máis que nada porque xa hai moito diso, é de fuxir das frases feitas e “facilonas”, a isto nós chamámoslle “deseño Gadis” e non gustamos del.

packaging vacaloura

Facer ese tipo de cousas e vendelas parece implicar certa complicidade entre creadores e compradores. Como é a acollida que tedes? Só lle chega a un público “convencido e militante” ou, polo contrario, é algo que chega a todos e todas por pura simpatía?
Por suposto que ten que haber unha conexión co público ao que queres chegar e isto vaise gañando co tempo. Máis esa conexión tamén implica superarte día a día, ano tras ano porque o máis importante é acadar que aquela ou aquel cliente que che merque por primeira vez, volva facelo. No noso caso atopámonos con xente que practicamente colecciona as nosas camisolas e cadernos e, en canto a volves ver, xa che está preguntando polas novidades. Ben é certo que isto que tanto reconforta leva aparellado un esforzo moi grande; por citarche exemplos, os xogos de mesa que até hoxe temos editados levan detrás meses e meses de traballo ata acadar os obxectivos propostos. Non é doado facer un TI NON ES DE AQUÍ?, con 875 tarxetas-pregunta sobre a nosa cultura, ou o acabado de sacar VACALOURA, con 2000 preguntas exclusivamente sobre lingua galega.

Ben é certo que había unha demanda agochada de xogo de mesa galego e, quizais, os nosos xogos viñeron responder a esta.

Precísanse empresas que aposten polo noso país e a nosa cultura; na diferenciación está a chave

O que está claro é que se queres estar aí, tes que traballalo, tes que ser fiel á idea ou ao proxecto que teñas como empresa. Nós dende o primeiro día soubemos que este país precisa de empresas, máis grandes ou máis pequenas, que aposten por el, que crean nas súas posibilidades e que estean dispostas a dalo todo en prol da súa/nosa cultura; podería dicirse que na diferenciación está a chave.

Podedes facernos recomendacións concretas para este Nadal, para cativos, mozas e mozos, señoras e señores…?
A primeira recomendación é moi clara: que consuman produtos galegos e que aposten pola nosa cultura. En canto a nós, máis que falar dun ou doutro produto, cousa que sería moi difícil para nós, convidamos aos vosos lectores a que entren na nosa tenda en liña, onde poderán atopar toda a nosa oferta. Ben seguro que haberá máis dunha cousa coa que tentar ao Apalpador ou aos Reis.

Web
www.ozocogz-atenda.com

Correos electrónicos
info.ozocogz@gmail.com
ozocogz@gmail.com

Teléfonos
620747310 / 600876196