Cales son os cimentos sobre os que nos construímos como galegos? A lingua? A paisaxe? A historia común? A forma de ser?…

Sen dúbida, un deles é a música, continuamente recreada desde a tradición, grazas a todas aquelas influencias que os músicos escoitan, maman e interpretan. A música ten unha maxia especial que chega a insospeitados lugares do noso interior, dunha forma senlleira, moi particular, e que con facilidade golpea os nosos sentimentos. Somos moitos aos que non nos deixa indiferente escoitar Negra Sombra, Que din os rumorosos, O carro, Irmaus ou Un aradiño de pau.

Atender a como se vai conformando e construíndo o noso acervo musical é una forma de identificármonos como galegos. A música, sen dúbida ningunha, é un dos espellos identitarios que nos reconforta e nos permite construír a nosa, fermosa e feble, identidade.

Cando Mero decidiu afrontar as lembranzas persoais de Fuxan os Ventos, fomos moitos os que pensamos… “Por fin”. Que gañas de coñecer, con todo o coidado posible, o que pasou con ese grupo que acompañou a nenez, a mocidade ou a idade adulta de tantos galegos. Un grupo que nos permitiu valorar toda esa música que quedamente, e a maior das veces de forma oral, foi creada polos excluídos da nosa historia.

Non é unha historia doada de escribir, polo abrupto da súa ruptura e polo repentino renacer moitos anos despois dunha parte do grupo. Que queredes que vos diga? Eu son unha desas persoas ás que, cando escoito ou vexo recoñecementos públicos a Fuxan os Ventos, me falta unha mención especial a Mini e Mero. Non son obxectivo, nin quero nin podo selo. De aí que abrir as páxinas dese libro, tan inzado de valiosísima documentación que xa é historia da nosa recente música, sexa tan necesario para este pequeno país. Buscade o libro de Mero nas librerías e revivide ou descubride unha boa parte da música dun dos grupos que máis marcou a nosa transición, Fuxan os Ventos, que naceu en 1972 e finou en 1983.